A Subdelegación do Goberno en Ourense informa da colaboración da UME nas tarefas de extinción do incendio que afecta ao concello de Lobios

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Delegación do Goberno en Galicia foi a encargada de cursar a petición da Xunta de Galicia para proceder á activación da UME

 O MITECO desprega durante a xornada do hoxe medios aéreos e terrestres para apoiar as labores de extinción dos focos declarados en A Gudiña, Lobios, Vilar de Barrio e Vilariño de Conso

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Dirección Xeral de Protección Civil do Ministerio do Interior, en coordinación co Ministerio de Defensa, activou ás 16:45 da tarde de hoxe, domingo 13 de setembro, a mobilización da Unidade Militar de Emerxencias (UME) a petición da Xunta de Galicia para sumar os seus recursos humanos e técnicos aos traballos de extinción do incendio iniciado na parroquia de Riocaldo, no concello de Lobios.

A Delegación do Goberno en Galicia foi a encargada de cursar a petición da Xunta de Galicia para proceder á activación da UME.

A UME é unha unidade especializada do Exército español con carácter permanente que dende 2005 ten como misión a intervención en calquera lugar do territorio nacional. Para a súa actuación en Galicia é necesario que se solicite por parte da Xunta.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, lembrou a colaboración e o compromiso do Goberno de España na loita contra a lacra dos incendios forestais e fixo un chamamento “a extremar as precaucións e minimizar o risco de propagación de lumes na nosa provincia, en especial nesta época de calor extremo e escaseza de choivas”.

Emilio González reiterou a necesidade de avisar aos Corpos e Forzas de Seguridade sobre calquera imprudencia ou conduta incendiaria para facilitar as investigacións e a detención dos posibles autores. “Cando alguén vexa un imprudente ou un incendiario, que denuncie. A contribución cidadá nestes momentos é crucial”.

MEDIOS AÉREOS E TERRESTRES DESPREGADOS POLO MITECO

Á mobilización da Unidade Militar de Emerxencias hai que sumar os medios despregados ao longo da xornada de hoxe, domingo 13 de setembro, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para apoiar nas tarefas de extinción dos incendios forestais que afectan á provincia de Ourense.

Para apoiar as labores de extinción en Lobios mobilizouse un avión anfibio Canadair de 5.500 litros de capacidade, procedente da base de Labacolla (A Coruña).

Ao longo da xornada de hoxe o MITECO desprazou ata Vilariño de Conso dúas Brigadas de Especialistas en Extinción (BRIF) helitransportadas por dous helicópteros cada un con capacidade para 1.200 litros dende as bases de Tineo (Asturias) e Tabuyo del Monte (León); sete avións anfibios procedentes das bases de Labacolla (A Coruña), Torrejón (Madrid), Matacán (Salamanca) e Rosinos (Zamora); un helicóptero bombardeiro Kamov, cunha capacidade de 4.500 litros, que voou dende Ibias (Asturias); e un avión de coordinación e observación (ACO), utilizado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou dende o aeroporto de León.

Para apoiar a extinción do incendio declarado en Vilar de Barrio mobilizáronse unha BRIF helitransportada por dous helicópteros con capacidade para 1.200 litros, asignada á base de Laza; dous avións de carga en terra provintes da base de Xinzo de Limia; e dous avións anfibios procedentes de Rosinos (Zamora).

Ata a Gudiña o MITECO desprazou un helicóptero bombardeiro Kamov, cunha capacidade de 4.500 litros, que voou dende Ibias (Asturias).