Dobre programación teatral da XV Mostra de Teatro Amador esta fin de semana

Temos de novo no Carballiño unhas das obras participantes na XV Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” que organiza Tiruleque co patrocinio da Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño. Esta fin de semana temos dobre actuación.

O sábado, 29 achegarase á vila o gañador do Premio Tiruleque o ano 2021 coa comedia Academia Álvarez o GRUPO DE TEATRO OLLOMAO (Barreiros – Lugo),  nesta ocasión tráennos O DOCUMENTO. Un desfile de personaxes que deambulan entre o real e o grotesco no escenario dunha fraga irreal (ou se cadra non tanto) no que se suceden historias de amores imposibles e amores desgraciados que ameazan con converterse en suicidios. Un rapaz namorado que se sente enganado pola súa namorada e se quere suicidar. Unha tía goberneira e “interesosa”. Médicos que só pensan nos cartos. Un cura namoradizo. Un capitán fachendoso. Unha rapaza namorada que se ve metida en leas sen ter nada que ver. Un grupo de xentes facendo, en certo modo, a función de coro do teatro clásico. Unha taberneira que asiste como testemuña (case muda) a todo este desfile.

AVANTAR ACTIVIDADES

E o  domingo 30, ACHÁDEGO TEATRO (Lugo) preséntanos NADAL NA CASA DOS LAMELO. Unha familia que prepara un ano máis o Nadal, un dos días máis familiares do ano, serve de escusa para esta comedia na que realidade e ilusión, tradición e modernidade, conflito social e conflito persoal, entrelázanse poñendo fronte a nós un espello no que mirarnos, un lugar onde recoñecernos na forma ou no fondo. O fogar tamén está cheo de recordos, de momentos vividos e de relacións entre aquelas persoas que o habitan. Pero demasiados adultos nesta mesma casa, son demasiadas manías, obsesións, medos, inseguridades e intereses. O fogar pódese destruír dende fóra ou dende dentro, e como rico ecosistema que é, tamén é fráxil. Nadal na casa dos Lamelo afonda nas relacións humanas e xoga cos típicos conflitos familiares. Vivimos tempos convulsos e difíciles, non é doado saír adiante e facer que todo funcione, menos mal que sempre podemos contar coa familia… ou non…

Ambas as dúas representacións serán esta fin de semana, no Auditorio Manuel María da vila do Carballiño ás 20:00 horas, cun custe por entrada de 5 euros.