O pleno do concello de Ourense deixa en evidencia o “desgoberno e o caos” instaurados na cidade e a falta de “vontade” do pp para asumir responsabilidades

Os socialistas denunciaron a “falta de compromiso” do PP, dos díscolos de DO e do alcalde coa cidadanía, “farta de parálise” e avogaron polo traballo para devolver a dignidade a Ourense

As tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista foron aprobadas polo pleno, a única noticia positiva dunha sesión marcada polo acordo para esixir a dimisión de Jácome como rexedor

O pleno do Concello de Ourense deixou hoxe en evidencia o “desgoberno, o esperpento e o caos” que reinan na cidade de Ourense, trala ruptura do pacto de gobernabilidade entre Democracia Ourensana e Partido Popular, que provocou ademais que 4 dos concelleiros de Jácome romperan a disciplina de voto evidenciando que xa forman parte das filas populares. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense remarcaron de novo a falta de “vontade” do Partido Popular para asumir as súas responsabilidades, tras abandonar as súas competencias. Tamén acusaron ao PP de “traizoar unha vez máis á cidadanía con esta actitude”, tal e como sinalou o voceiro municipal, Rafael Rodríguez Villarino.

Os socialistas aproveitaron para denunciar a “falta de compromiso” do PP, dos díscolos e do propio alcalde coa cidadanía, que afirman “xa está farta de parálise e desgoberno que se instaurou en Ourense”. Dende o PSdeG ourensán avogan polo traballo para “devolverlle canto antes a dignidade a nosa cidade”. Os socialistas afeáronlle ao grupo popular a súa “teatralización e escenificación” dunha ruptura “xa anunciada” e culparon a José Manuel Baltar de estar detrás dunha “trama que ten a Ourense como refén”, destacando o “cinismo e as bágoas de crocodrilo” de Jesús Vázquez, que volveu a escena para facer uso da palabra e intervir no pleno.

Villarino, tamén aproveitou para lembrarlle ao PP que “son os únicos culpables da situación que vive hoxe en Ourense, tralo pacto da indignidade e contra natura que asinaron, co único fin de manter o caciquismo e o clientelismo ao fronte da Deputación de Ourense”. Subliñou tamén Villarino que “Ourense e a súa cidadanía merece respecto e que acabe o caos e o esperpento que vostedes instauraron na cidade”.

“Esta burda estratexia levounos ao maior caos da historia da cidade de Ourense, cunha urbe abandonada e as necesidades da veciñanza esquecidas e sepultadas polas conspiracións internas”, apuntou Villarino.

Aprobadas as tres mocións socialistas

O Grupo Municipal Socialista presentaba hoxe tres mocións nas que solicitaba o impulso do Espazo Lusquiños; a elaboración dun protocolo de consenso para a volta ás aulas; e a defensa do patrimonio arbóreo da cidade de Ourense. Fronte á “desfeita” na que PP e DO sumiron ao Concello, desde o PSdeG-PSOE apostan por “seguir a traballar a reo nas necesidades da cidade e nas preocupacións da veciñanza, posto que Ourense precisa de moito traballo tras un lustro de abandono absoluto tralos gobernos de PP e Jácome”.

En referencia o Espazo Lusquiños, os socialistas defenderon a súa apertura como punto de encontro clave para o desenvolvemento da mocidade na cidade, alegando por voz do concelleiro Borja López que “non é admisible que o Concello non dea voz aos mozos e mozas”. Tamén destacaron a importancia da creación dun Consello Municipal da Xuventude, iniciativa que foi ben acollida polos resto das formacións políticas da corporación.

A moción para instar á Xunta a elaborar un protocolo de consenso para a volta ás aulas trala pandemia ocasionada pola COVID-19 tamén foi refrendada. O PSdeG-PSOE defendeu que “nos atopamos ante un problema mundial polo que lle esiximos a Xunta medidas concretas”. A moción foi aprobada co voto en contra do Partido Popular e dos díscolos de Democracia Ourensana, que romperon o senso do voto co respecto ao votado polo alcalde, que apoiou a moción.

A outra moción, que facía referencia o patrimonio arbóreo, tamén contou co respaldo do resto de forzas políticas. Os socialistas denunciaron a través do concelleiro Wilson Jones que “hai moito traballo pendente de cara a conseguir un Ourense máis verde e sostible e destacaron que “contamos co contrato de mantemento de zonas verdes en precario”. Dende o Grupo Municipal Socialista aproveitaron tamén para denunciar o “desleixo e abandono” do patrimonio arbóreo por parte do Partido Popular e o que se sumou Democracia Ourensana.