O Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, acolle desde hoxe a exposición Etiquetas dos viños de Galicia, unha retrospectiva que repasa a historia gráfica das cinco denominacións de orixe galegas e que permanecerá no centro ata agosto de 2022. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na inauguración, onde sinalou que se trata dunha exposición “completa e necesaria” que abrangue numerosos aspectos da cultura vitivinícola en Galicia e “permite coñecer a súa evolución ata actualidade nun marco de especial simbolismo como é o Museo do Viño de Galicia, que reforza o seu papel como divulgador da historia vitivinícola galega”, engadiu.
Como indicou, trátase dun repaso documentado que fai posible coñecer como as adegas galegas foron mudando as distintas imaxes coas que identificar os seus viños e “constata a importancia artística tamén neste eido con exemplos como o traballo desenvolvido por varias adegas cunha interesante proposta de botellas serigrafadas ao longo dos anos”, expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Preto dun cento de botellas
A exposición consta de dúas áreas diferenciadas. Nunha primeira parte afóndase na historia dos recipientes, botellas e distintos elementos físicos, para continuar cunha retrospectiva do etiquetado das botellas con exemplos históricos das cinco denominacións de orixe vitivinícola. En total, seleccionáronse preto dun cento de botellas e máis de 70 etiquetas históricas.
Ademais dos fondos do museo, cóntase con botellas doadas pola cidadania ou institucións como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), así como cedidas da colección de Viña Costeira, entre outras.