Xa está en marcha a nova edición de verán da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”, organizada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio. Trátase da novena edición desta coñecida iniciativa comercial, que contará este ano con outra convocatoria no mes de novembro. O obxectivo é impulsar e visibilizar o comercio de proximidade galego.
Para participar nesta campaña, que se desenvolverá ata o 17 de xullo, os clientes dos comercios que realicen as súas compras deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que as rexistre o propio comerciante. No Carballiño, un gran número de comercios participan nesta campaña, e pódense recoñecer a través dos carteis azuis nos seus escaparates.
Entre todos os participantes sortearanse un total de 12.000 euros en 64 tarxetas prepago: 24 tarxetas de 250 euros (6 por provincia) e 40 tarxetas de 150 euros (10 por provincia), que deberán ser empregadas para volver mercar nos establecementos de proximidade ata o 30 de xuño do próximo ano. O sorteo realizarase ante notario o 21 de xullo.