Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa, de novo no escenario con Paraíso

I A nova novela do escritor verinés é o fío condutor deste espectáculo poético, de entrada gratuíta, e enmarcado en «Cultura por alimentos»

I Estará mañá venres 9 de xuño, ás 20.00 h, na Sede Afundación de Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

A Sede Afundación de Ourense acollerá mañá, venres 9 de xuño ás 20.00 h, a nova proposta poética de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro a partir da nova novela deste último, Paraíso. O evento, de entrada gratuíta, está enmarcado en «Cultura por alimentos», polo que a Obra Social de ABANCA anima a quen asista a doar produtos non perecedoiros que se destinarán ao banco de alimentos.

Paraíso é un novo espectáculo de índole poética e musical do cantautor Emilio Rúa e o escritor Xosé Carlos Caneiro. Regresan aos escenarios logo de Despois de ti, a chuvia (2011-2014), Cantata e fuga para Carlos Casares (2017-2021), Contos e poemas para saír do naufraxio (2021-2023) e Contos, cantos e poemas (2021-2023). Nesta ocasión os artistas debuxan o panorama da sensibilidade e da emoción partindo da última novela do escritor de Verín, Paraíso.

É un traballo inusual dentro do mundo musical e cultural galego. Textos capaces de emocionar a quen os escoite. Prosas que falan das virtudes do mundo imaxinario creado polo escritor, Ébora, o seu modo particular de sentir e encantarse co cotián. Prosas que parecen poemas que falan de amor, de resistencia fronte á incomunicación dos seres humanos (neste tempo no que semella que estamos máis comunicados que nunca), de entusiasmos, do país e os seus misterios, das paixóns, da melancolía, da noite e dos afectos. Tamén das virtudes magníficas, a astucia, as rarezas, o humor dos personaxes da novela. Xunto ás prosas, Caneiro e Rúa interpretarán poemas relacionados co mundo máxico e marabilloso de Ébora.

Os textos, con fondo musical orixinal de Emilio Rúa, serán compartidos coas cancións deste cantautor dotado cunha voz propia orixinal e profundamente sentimental, tenra, sensitiva. Todas de raíz galega, pero tamén cosmopolita; todas trenzadas magnificamente para converter cada concerto nun motivo de felicidade para os espectadores.

As voces de Rúa e Caneiro penetran nos sentidos e elevan, envolven, crean un vínculo sentimental profundo. Trátase dunha obra única capaz de conquistar públicos de todas as idades, desde melómanos a persoas que gocen coa música actual e, fundamentalmente, coa literatura que vai directa ao corazón.

As pezas inspíranse en músicas con influencias tradicionais e, tamén, nas músicas máis avanzadas e contemporáneas. A súa posta en escena, nos directos, é unha reivindicación da emoción máis profunda e humana. Un grito a favor da arte e da felicidade en indisoluble unión.

Levar a literatura e a música, vivas e emotivas, á xente. Facer sentir e sentírmonos no vínculo indisoluble da arte, do entusiasmo sensible, da cultura, de Ébora (o paraíso) e dos homes e mulleres que a habitan. Unha posta en escena sobria, elegante, próxima ao espectador e que leva unha cultura moderna, nova e renovada, cosmopolita e á vez imbricada nas raíces máis profundas da emoción e das artes.