A MIT de Ribadavia convoca o 17º Premio Abrente de Textos Teatrais

O Concello de Ribadavia, a través do seu festival internacional, aproba as bases deste coñecido Premio de dramaturxia galega, que o ano pasado gañou o dramaturgo Ernesto Is e cuxo texto se dará a coñecer na colección de libros da Editorial Difusora na presente edición de 2022.

O Premio Abrente é un dos motores de impulso á nova dramaturxia galega que dende a capital do Teatro, Ribadavia, segue a alentar a innovación e o recoñecemento á escrita teatral en lingua galega. O foro internacional da MIT caracterizouse e segue a impulsar o diálogo real e equitativo entre a escena internacional e a escena galega dos nosos días. Para o Abrente poderán presentarse textos inéditos, escritos en lingua galega, de temática, estilo e extensión libre, ata o día 17 de xuño de 2022. O xurado reunirase no marco da 38ª MIT, que terá lugar entre o 15 e 25 de xullo de 2022. A dotación económica deste premio anual é de 3.500€, xunto coa edición e o apoio para a procura de posibilidades de escenificación da obra galardoada.

AVANTAR ACTIVIDADES

Máis información e bases completas en: mitribadavia.gal/premio-abrente