Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Publicidade

O entusiasmo pardobazaniano de Calviño víñalle de tempos ben recuados, cando de mozo, a finais da primeira década do pasado século, tras de regresar da súa estancia americana, traballou de camareiro no café Oriental do hotel Palace da Coruña. “Por última vez, allí la vi”, escribe nun dos artigos preparatorios da futura homenaxe[1]. Dous anos despois conseguirá que o nome da condesa de Pardo Bazán substitúa o do marqués de Vega de Retortillo.

Ao ano seguinte Calviño conseguiu realizar un suplemento especial de La noche con motivo das festas do setembro, en especial para celebrar a chegada do tren a unha vila que cada ver se parecía menos á Vilamorta de dona Emilia, que nin igrexa tiña, e agora contemplaba como enfilaba cara aos ceos a torre da Vera Cruz.

A torre da Vera Cruz rematada, 1960.

Deulle moito máis que un verniz cultural ás catro follas do suplemento. Abriuno, na marxe superior esquerda, cunha foto da casa de Banga e unha referencia á Pardo Bazán e debaixo un texto “El grave y hermoso caminar de las formas”, como é evidente, só polo título, de Otero Pedrayo, no que don Ramón se achega a “una breve ciudad como Carballiño, bellamente inscrita en matizada composición de paisaje” á beira da cal “con aire de himno o cántiga fluye el Arenteiro”. Sendo fermoso descubrir, matina Otero, o tema dun río, máis aínda o é comprender “la belleza cifrada en el fluír del relieve”, e percibir na Martiñá, no Testeiro e na Madanela os “tiempos, medidas y acentos” de J.S. Bach.

Acompaña o texto oteriano un escrito do alcalde, Pereira Valeiras, sobre o camiño de ferro central de Galicia e unha recensión sobre o “feixe” de Poemas o xeito vello pra unha vila nova de Fariña Jamardo. Na mesma, o Calviño da mostras da súa habilidade para a supervivencia nun réxime no que se sentía, el e moitos, aferrollado; di: “Mi deber inexcusable sería (…) el expresarme en nuestro idioma, pero ¿cómo hacerlo ante la belleza, el saber y la elegancia con que lo hacen don Ramón Otero Pedrayo y el autor de tales poemas?”; ben sabía que non o podería facer nas páxinas do xornal. Tras expresar certa desconfianza a respecto de como as xentes do Carballiño ían acoller o libro deste “forastero pillado”, sen que tampouco lle importase moito, si estaba seguro de que cando chegase “a los desterrados por la miseria del otro lado del mar” íano recibir “con emoción y cariño de exiliados por necesidad”.

Calviño non perde oportunidade para gabar as obras da Bazán. Roxerius[2], o seu compañeiro de militancia galeguista, afirma: “Eu pasei polo Carballiño…”, pero non deixa de lembrar a dona Emilia; Fariña Jamargo expurga no arquivo municipal para recuperar as festas do setembro de 1882 ás que debeu asistir dona Emilia e lle serviron para compoñer as andainas de Nieves e Segundo en El Cisne

Péchase o suplemento cunha páxina en exclusiva para dona Emilia. O presidente da RAG, Manuel Casás Fernández, acude, a pesar da elevada idade, á chamada de “persona amiga, a la que ya hace muchos años no veía y con ella tenía relación, el entusiasta de nuestras glorias José María Calviño”. Tamén responde á petición de Calviño o xornalista Manuel Fraga de Lis, cun artigo no que recolle algunhas notas tiradas dun “diario íntimo” doutro xornalista, Waldo A. Insúa, fundador do xornal habaneiro Eco de Galicia no que anotou, tras unha entrevista con dona Emilia (4/1/1901), que esta lle comentou: “Galicia solo ha tenido dos escritores Feijóo y Emilia Pardo Bazán. Fuera de los cuatro versos de dos o tres poetas, no hay –en lo moderno- mas literatura que la hecha por mi pluma”.

Estación do Carballiño. Foto Felipe L. López (1962

Máis interese ten a colaboración dun bo lector da Bazán, que exercera de notario no Carballiño onde faleceu en 1962, Ramón Ferreiro Lago[3]. Envíalle a Calviño, bo amigo do seu xenro, dende Valencia, un artigo no que fai referencia tanto ás polémicas xeradas por Al pié de la Torre Eiffel e as acusacións de estranxeirizante contra dona Emilia, pero que: “Más que otra cosa (lo recordamos bien) lo que dificultó su elección para la Academia fué su condición de mujer”. Interpreta o decano dos notarios que o realismo da Bazán é debedor máis da picaresca clásica que do “naturalismo crudo de Zola”, polo que carecen de xustificación as acusacións que se lle fixeron de ser unha “vulgarizadora” das ideas do escritor francés. Lémbraa como unha “elocuentisima defensora de los derechos civiles y políticos de la mujer”, amosándose agradecido por un articulo da de Meirás no que gabou o seu estudo, de 1902, acerca da “Condición jurídica de la mujer. Estudio filosófico, histórico y del código civil”.

E aínda que na Coruña, conclúe, xa lle ergueron un monumento, “doña Emilia pertenece a todos los pueblos gallegos y más a aquellos donde escribió sus mejores páginas” entre eles o Carballiño que estaba “resurgiendo de sus cenizas de Vilamorta”.


[1] Calviño Mariño (1954): “El paisaje de Carballiño. Inspiró a la Condesa de Pardo Bazán”. La noche 18/9/1954

[2] Roxelio Pérez González (1897-1963).

[3] Ramón Ferreiro Lago (1872-1962). Faleceu no Carballiño, aínda que residía en Valencia, na casa do seu xenro o dentista Porfirio Fernández Quinteiro, que tivo a súa consulta na casa dos Quiroga e foi protagonista dun destes Avieiros, o número 8. Entre 1926 e 1934 exerceu no Carballiño, participando na vida social e política e colaborando con Felisindo Álvarez Xesteira (1899-1989) que foi alcalde do Carballiño entre 1931 e 1934, destituído polo goberno radical-cedista, recuperou a alcaldía tras a vitoria da Fronte Popular, cargo do que dimitiu para presidir a deputación provincial ata o golpe de estado de 1936. Ambos promoveron xornais locais e camiñaron xuntos na acción política, primeiro no Partido Radical-Socialista de Marcelino Domínguez e despois no Partido Republicano Galego que se integrou na Izquierda Republicana. Xesteira foi membro da dirección xeral do partido azañista, mentres que Ferreiro Lago presidiu o partido no Carballiño ata o seu traslado a Carballo. Ao notario, na altura tiña 64 anos, os sublevados abríronlle causa militar por rebelión, que lle foi sobresida; volvérono prender e xulgárono, en 1939, por inxurias ao xefe do estado.

Xesteira desempeñou cargos na república, na zona de Valencia; ao remate da guerra detivérono e puxérono en liberdade provisional en 1941.


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).