Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Publicidade

Discútese con vehemencia se El cisne é unha novela romántica ou se se debe incluír dentro do naturalismo pardobazaniano. Dona Emilia viña de recibir intensas peneiradas tras a publicación da novela que a deu a coñecer, La tribuna (1882), en especial polos dous últimos capítulos coa descrición do parto na indixencia da protagonista e aquel remate con Viva la República federal!, así como pola polémica sobre os seus ensaios recollidos en La cuestión palpitante (1883). As presións familiares para que abandonase as pretensións literarias poden estar tras este disimulo de dona Emilia, que ben se decatou de que houbo quen atribuíu, referíndose ao relato sobre as cigarreiras marinedinas, “sus crudezas y sus francas descripciones de la vida popular, a empeño mío” e que acaso agora, en alusión a El cisne…, poida haber quen lle dirixa a acusación oposta afirmando que “paga disimulado tributo al espírito informante de la escuela romántica”. El cisne… non supón unha mudanza en dona Emilia. Ao mellor unha concesión temática. A novela non é enmarcable dentro do romanticismo, aínda que dous dos seus personaxes sexan románticos: o “flâneur” Segundo García e en especial Leocadia Otero, a mestra.

Quen non ten nada de personaxe romántico, nin ficticio como Segundo ou sincero como Leocadia, é Nieves. Cando casou, o pai chamouna ao seu despacho de maxistrado. Téndoa de pé, como a un reo, díxolle que respectase e obedecese o seu marido. Nieves, muller burguesa por excelencia, obedeceu e respectou, mesmo ata o desespero de don Victoriano, que gustaría de desquitarse da abstinencia amorosa de tantos anos. Onde el procuraba amor só obtiña docilidade. Para Segundo, comparadas coas vilamortás, Nieves era unha raíña. Para ela, sumamente correcta e de monótona vida, a chegada a Vilamorta foi unha grata novidade e Segundo unha pinguiña de sal, intrigante ao comezo, excitante despois, preocupante e comprometida máis tarde; desagradable e incomoda ao final.

Tras a noite dos fogos, un coqueteo ás agachadas no xardín do pazo e o paseo polas espumantes beiras do Avieiro, a insistencia de Segundo arrastrouna a unha entrevista. A nena, fascinada por El cisne e un chisco celosa da nai, descubriulle a secreta reunión a don Victoriano. Co desgusto da contida traizón, sofre un ataque cerebral que lle levará a vida uns días despois.

O primeiro volume de La Regenta publicouse no mesmo ano no que dona Emilia asinou o seu El cisne, setembro de 1884.

Ao ano seguinte viu a luz El cisne e publicouse o segundo tomo da novela de Clarín. Ademais desta coincidencia temporal hai certas similitudes entre as dúas novelas: os nomes finxidos que denotan un certo menosprezo polas vilas orixinais, o relato naturalista, a descrición das festas, as disputas entre liberais e conservadores. Tamén hai semellanzas entre Ana de Vetusta e Nieves de Vilamorta: ambas casadas con homes moito maiores, de nomes parecidos, Víctor e Victoriano, e pouco celosos. Mais tamén hai entre elas grandes diferenzas. Ana é imaxinada por un home que fai dela tanto unha muller apaixonada como un obxecto de paixón. Nieves, creada por unha muller, é prudente, mide os pasos, gardase da paixón e de se converter no seu obxecto. Nieves decide, Ana deixase levar. Nieves é activa, Ana pasiva. Esta, en palabras de Galdós, debe optar entre “perderse por lo clerical o por lo laico”. Nieves nunca se perderá; cando reflexiona sobre si é amor o que sente por Segundo conclúe que: “la verdad es poco divertido, no servía ella para tales agitaciones”.

Tras a morte do exministro, viúva e filla regresan a Madrid. Nieves esquece de contado a Segundo; despreza os recados que lle envía, ignora as súas peticións e refusa o exemplar dos Cánticos nostálgicos que lle fai chegar. Tan pronto rematou o loito, casou cun marqués.

Non é pois de estrañar que a Clarín non lle gustase moito a novela e en especial o personaxe de Segundo e lamentase: “¡Lástima que la señora Pardo Bazán no haya pintado el tipo insistiendo más en su aspecto cómico (…)” para destrozar aínda máis a quen considera un “pobre diablo”[1].

Xa resumimos as desgrazas de Leocadia: orfa, vítima dun estupro incestuoso da que naceu o deforme Minguitos. A pouco agraciada Leocadia é unha lectora fervorosa que reflicte o seu amor pola poesía no amado poeta; para ela “Segundo era la poesía hecha carne”. Nese amor “fou”, Leocadia vai tecendo o seu sufrir romántico. Calada, acouga o poeta deprimido polo desplante de Nieves; abandona o fillo deficiente para que el se sinta cómodo na casa que hipoteca para sufragar os Cantos nostálgicos do “cisne”. O libro, no que depositara non só os seus escasos cartos senón todas as súas esperanzas vitais, non só é ignorado senón ridiculizado polos críticos.

Segundo, ese personaxe pseudoromántico, ese mozote vaidoso, nada heroico, egoísta, que só pretende impresionar os demais, abandónaa. Fracasado, vaise a América, como miles de galegos que soñan en regresar convertidos nuns Perfectinos Vieitez que a autora despreza.

Leocadia, a autentica romántica, sen teatralidade, sen afectación; a fervorosa lectora; a que caeu no amor como “en un abismo” polo “mas melodioso cisne del universo”, nun amor abnegado, sen coqueteos; a que maltratou o fillo e malgastou o diñeiro, tomará unha dose considerable de “séneca”, arsénico, “que abunda en los espatos calizos que forman una de las vertientes del Avieiro”. O seu é un suicido pensado, consciente, como corresponde a unha autentica romántica.


[1] Alas “Clarín”, L. (1887): “El cisne de Vilamorta Novela por doña Emilia Pardo Bazán” en Nueva Campaña 1885-1887. Librería de Fernando Fe: Madrid.


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.