Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Publicidade

A sociedade galega da segunda metade do S. XIX e do primeiro terzo do XX non era un mundo sosegado, sen conflitos, pacífico, harmónico… como algúns autores nos transmitiron; pero tampouco unha sociedade “atrasada”, foi o termo popularizado, de miseria social, moral e económica na que a sumiu a sublevación militar e o réxime franquista. Moitas das persoas que viviron os tempos duros da posguerra coidan que, se daquela as cousas ían mal, peor tiveran que ser antes, sen decatarse de que as sociedades humanas non seguen unha liña recta e sempre ascendente, senón que  evolucionan en ciclos quebrados, con intensos ascensos nunhas ocasións e pronunciados cavorcos noutras.

No capitulo 10 desta serie demos conta do roubo con violencia que sufriu o administrador en terras ullás de José Quiroga. Hoxe traemos a referencia dun tráxico atentado, ocorrido pouco anos despois, do que foi vítima outro dos administradores dos Quiroga, neste caso o mordomo de Eduardo Quiroga, na casa de Cabanelas, no concello do Carballiño.

Casa dos Quiroga en Cabanelas

Aconteceu polo demais en datas especiais. Ás seis da mañá do 17 de setembro de 1905, no tránsito da atarefada xornada feiral ao día grande das festas da vila do Arenteiro, un individuo, aproveitando que un dos criados deixara aberta a porta para ir á horta, coouse na casa dos Quiroga no Cabodevila de Cabanelas. Achegouse con sixilo ata o cuarto no que estaba a durmir o administrador, guindoulle enriba unha bomba de clorato potásico e deuse á fuga.

A parte superior do corpo ficou esnaquizada, a cabeza e o peito convertidos nunha masa informe, relatan os xornais, e mesmo, indican, o estoupido afectou parte do edificio.

O administrador das rendas do máis vello dos Quiroga, cuñado de dona Emilia, era, segundo o gaceteiro, “un viejo servidor, honrado y fiel guardián de los bienes de su amo”. Segundo El eco de Orense que é a fonte que reproducen os demais medios[1], aínda descoñecéndose as causas exactas do atentado, cóidase que poderían ter relación coa dilixencia coa que o defunto xestionaba os negocios do seu amo, sen permitir que se “hollasen” os intereses que lle estaban confiados. Suponse pois que se trataría dunha vinganza. Os xornais procuran cada un seu titular máis estrondoso “La dinamita en Galicia”, titula un; “La dinamita en acción” rotula outro: “El atentado de Carballino”, un terceiro.

Ata a casa dos Quiroga no Carballiño trasladáronse autoridades e persoeiros da vila e da provincia para transmitirlle os seus pesares a un “emocionadísimo” don Eduardo, apesarado polo horrendo final do seu fiel servidor Segundo Alemparte. Este recibiría sepultura no cemiterio de Banga, o mesmo no que, anos máis tarde, serían soterrados os seus “señores”.

Non fomos quen de seguir con exactitude a pista do crime. Os xornais, curiosamente, acaban “silenciando” o suceso. Habería pois que procurar outras fontes, pero iso é fariña doutra muiñada.

O que si sinalan é que no primeiro momento detéñense tres persoas veciñas de Banga. Un tal don Bartolomé Peña, o tratamento diferencial é significativo, a Jesús González, alcumado “Negrero”, e máis a súa cuñada Inés, que traballaba de mandadeira na casa. Uns días despois a garda civil prendeu tamén o home da desta, Pedro Rodríguez, e un fillo de ambos chamado Agustín. Logo o caso vai esvaecendo na prensa. Descoñecemos o resultado tanto das investigacións como do xuízo, se é que o houbo.

Afastada xa para sempre do Avieiro, o mesmo día do atentado na casa do seu cuñado Eduardo, dona Emilia celebraba, ao grande, o seu 54 aniversario na Granxa ou Torres de Meirás[2]. A marquesa de Pardo Bazán, Emilia de la Rúa Figueroa Somoza e a súa filla, a nosa escritora, facían os honores ás personalidades da maxistratura, da milicia, da banca e das letras e ás “señoritas elegantemente vestidas”, segundo descendían da enorme fileira de carruaxes e automóbiles que ocupaban case a totalidade da estrada.

Á esplendidez da festa axudou o magnifico día e as moitas persoas convidadas puideron admirar as obras, ben adiantadas xa, que estaban a converter nunha “residencia soberbia” o “novo palacio de Meirás”.

Ben lonxe ficaba de dona Emilia o mundo rural e vilego das terras, levaba décadas sen visitala, regadas polo seu imaxinario Avieiro que lle inspiraron unha triloxía (El cisne de Vilamorta, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza).


[1] La correspondencia gallega, 20 e 21/9/1905; El norte de Galicia, 20 e 27/9/1905; El correo de Galicia, 20 e 23/9/1905 e; El noroeste, 21 /9/1905. Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 21/9/1905. Por citar algún.

[2] El norte de Galicia, 27/9/1905.


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos