O alcalde aclara a polémica relativa ás propiedades dos Irmáns Prieto e ó Asilo do Carballiño

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, compareceu hoxe en rolda de prensa ca finalidade de aclarar as polémicas surxidas nos últimos tempos a raíz das propiedades dos Irmáns Prieto, o seu patrimonio e o funcionamento estatutario do Asilo do Carballiño.

A continuación compartimos o comunicato feito polo alcalde:

AVANTAR ACTIVIDADES

As propiedades doadas ao pobo polos Irmáns Prieto están rexistradas a nome do Asilo do Carballiño

O edificio do Asilo, a Casa do Crego e as fincas urbanas de Madrid están a nome da entidade e a parcela do colexio das monxas está rexistrada a nome dos Irmáns Prieto.

O Asilo do Carballiño incrementou a súa ocupación en 53 prazas, ata as 105 actuais, e os seus provedores son todos da propia vila

As propiedades que os Irmáns Prieto deixaron á súa morte en favor dos veciños do Carballiño están rexistradas a nome do Asilo do Carballiño ou a nome dos Irmáns Prieto, segundo comprobou o Concello ao interesarse pola situación das mesmas.

Logo da inquedanza veciñal xurdida en relación á situación do Asilo e do patrimonio que no seu día doaron os Irmáns Prieto para que servisen como bens en favor dos veciños do Carballiño, o Concello solicitou do padroado da Fundación que xestiona a entidade e da Diócese de Ourense a información correspondente no que se refire á titularidade dos bens patrimoniais.

Segundo as certificacións rexistrais ás que tivo acceso o Concello tanto as propiedades do Asilo, entendendo por tales o edificio do propio Asilo e a coñecida como a Casa do Crego –o sacerdote do propio Asilo- e o edificio que alberga o Colexio das Monxas están rexistradas a nome do Asilo do Carballiño ou dos propios Irmáns Prieto.

Polo que respecta aos inmobles situados en Madrid, as certificacións rexistrais reflicten que seguen como bens patrimoniais da entidade tres edificios na referida cidade.

Unha das fincas urbanas está ubicada na rúa Serrano de Madrid, no número 78, e o titular do 100% <do pleno dominio> é o Asilo de Anciáns de Carballiño.

Coas mesmas condicións, é dicir o 100% do pleno dominio, figura a casa situada na rúa Noviciado nº 6.

O mesmo ocorre, é dicir 100% do dominio e tendo como titular da propiedade ao Asilo de Anciáns do Carballiño, co inmoble situado na rúa San Ignacio número 1 de Madrid.

Así as cousas, o Asilo de Anciáns do Carballiño é o titular de dous edificios no Carballiño, o Asilo e a Casa do Crego, e tres casas en Madrid, as ubicadas en Serrano 78, Noviciado 6 e San Ignacio 1.

O Concello do Carballiño tamén se interesou pola situación na que se atopa o edificio da Praza dos Irmáns Prieto, o inmoble que ocupa dende hai décadas o Colexio Sagrado Corazón. Una vez solicitada a información correspondente ante o Rexistro da Propiedade do Carballiño o que se pode comprobar é que o referido edificio da Praza Irmáns Prieto, o inmoble que acolle o Colexio Sagrado Corazón, é unha propiedade que figura, dende o 17 de xullo de 1913, a nome dos irmáns Leandro e Adelaida Prieto Pereira. É dicir, que os titulares da propiedade son os Irmáns Prieto.  

Un Centro de Día, o próximo servizo

A próxima iniciativa a desenvolver nas instalacións carballiñesas será a creación dun Centro de Día, segundo acaba de avanzar a directora do Asilo do Carballiño, Nuria Iglesias. Ao parecer o proxecto xa estaba en carteira hai tempo, aínda que a pandemia e as restricións sanitarias provocaron que se paralizase a iniciativa.

A creación dun Centro de Día no Asilo do Carballiño virá a dar resposta a unha vella inquedanza, xa que foron os propios veciños da vila os que trasladaron á institución a necesidade de contar cun servizo que permita ás persoas maiores pasar o día e xantar no Asilo, mantendo a independencia de seguir residindo e durmindo no seu domicilio.

Polo que respecta ao funcionamento do Asilo do Carballiño, segundo o informe da fundación que o xestiona, na actualidade o número de residentes é de 110. Desta cantidade os novos residentes son 53, sendo 40 deles orixinarios da comarca carballiñesa. Do total de residentes son 49 as persoas becadas, destinando a estas axudas un montante de 226.039,12 euros no ano 2021. Destes 49 becados 47 son da comarca do Carballiño. Segundo a estatística da propia institución benéfica, como se pode comprobar no histórico da xestión, o Asilo destinou máis de UN MILLÓN DE EUROS nos últimos cinco anos a becar a persoas necesitadas.

Entre outros datos, compre salientar que o Asilo do Carballiño conta con 61 traballadores, dos cales un total de 52 son persoas da comarca carballiñesa.

No referido ao apartado de provedores, segundo os datos aportados pola Fundación Hermanos Prieto, o Asilo ten 32 firmas suministradoras, sendo unhas do Carballiño ou comarca e outras de proveedores da fora.

En relación á nova situación do Asilo do Carballiño compre salientar que se mellorou na atención ao incentivar a profesionalización da plantilla, o aumento dos días libres ou a axeitar a ratio de usuarios por traballador. No caso dos residentes agora contan cun servizo de ceas quentes, cousa que non existía na anterior etapa.

Dende o Concello do Carballiño tamén se quere deixar claro, en relación á situación laboral, que a administración local confía na equidade dos tribunais e respectará todas e cada unha das decisións que adopten os mesmos.

Sen cambios estatutarios no referido á adopción de acordos

Os estatutos da Fundación Irmáns Prieto manteñen as mesmas condicións que sempre tiveron no referido á adopción dos acordos e non se fixo cambio de ningún tipo neste apartado. O padroado está composto por tres persoas e a adopción dos acordos faise por maioría. Nunca, nin no pasado nin no presente, se fixou a regra de que os acordos debesen sen aprobados por unanimidade.

Na escritura fundacional sinálase que o Padroado estaría composto orixinariamente por 5 membros (incluíndo dous dos Irmáns Prieto) e despois por 3 (logo do pasamento dos referidos irmáns). En ningún momento se fai referencia a unha forma específica dos acordos, co que sendo un número impar de membros no padroado a adopción dos mesmos obviamente deberá ser por maioría.

No que aos Estatutos se refire, os mesmos tiveron que ser obrigatoriamente adaptados á Lei de Fundacións de Interese Galego de 2006, aprobándose os mesmos no ano 2009. Compre reparar neste punto que naquel momento o Sr. Pachi Vázquez era membro do goberno da Xunta de Galicia na súa condición de conselleiro de Medio Ambiente.

Nos novos estatutos non se modificou aspecto algún referido á adopción de acordos e o único que se fixo foi adaptar os mesmos ao que esixe a Lei 12/2006, de 1 de decembro, da Xunta de Galicia. A referida lei prevé o que se sinala de seguido:

Artigo 15.-Padroado.

1. En toda fundación deberá existir, coa denominación de padroado, un
órgano de goberno e de representación dela, que adoptará os seus
acordos por maioría nos termos establecidos nos estatutos.

2. Correspóndelle ao padroado cumprir os fins fundacionais e
administrar con dilixencia os bens e os dereitos que integran o
patrimonio da fundación, mantendo o seu rendemento e a súa utilidade.

Artigo 16.-Composición do padroado.

1. O padroado é un órgano colexiado que estará integrado polo número
de membros que determinen os seus estatutos, cun mínimo de tres. O
padroado contará cun presidente.

2. Ao presidente do padroado, que deberá ser un membro del,
correspóndelle presidir as xuntanzas do padroado e dirixir os debates,
así como representar a fundación perante todo tipo de persoas ou
entidades, agás naqueles supostos concretos nos que o padroado delegue
tal representación nalgún dos seus membros ou outorgue un poder
notarial para tal efecto.”

Como se pode comprobar, é unha Lei do Parlamento de Galicia (aprobada sendo conselleiro da Xunta de Galicia Pachi Vázquez) a que establece o sistema de maiorías e non de unanimidade para a adopción de acordos. Todo iso relacionado cunha Fundación que xa non contemplaba con anterioridade o requisito da unanimidade.