O Psdeg-Psoe de Ourense pechou a súa campaña co ministro José Miñones amosando o seu apoio a Paco Rodríguez e apostando polas políticas de benestar social e sanidade

“Eu chamo ao PP o Partido do Pasado porque nunca propoñen nada novo. Só derogan. O 28 de maio hai que decidir se queremos vivir mirando cara adiante ou mirando cara atrás”, advertiu o responsable da carteira de Sanidade

“Máis ca nunca é necesario tomar conciencia da importancia destas eleccións nas que Ourense pode saír fortalecida ou debilitarse aínda máis e seguir sendo unha cidade sen esperanza algunha de futuro”, sentenciou o candidato á alcaldía

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 26 de maio de 2023. A emoción inundou o acto de peche de campaña do PSdeG-PSOE de Ourense, no barrio da Ponte, que contou coa presenza do ministro de Sanidade, José Miñones, apoiando á que cualificou como a mellor alternativa que ten a cidade para construír o seu futuro: Paco Rodríguez. “Hai equipo e hai proxecto”, sinalou.

Aproveitou o máximo responsable da carteira para destacar a inversión anunciada polo Executivo de Pedro Sánchez que aprobou, recentemente, a asignación de 37,8 millóns de euros a Galicia para mellorar os recursos da Atención Primaria e outros 2,3 millóns adicados en exclusiva para a saúde mental. “Eu chamo ao Partido Popular o Partido do Pasado porque nunca propoñen nada novo. Só derogan. O 28 de maio hai que decidir se queremos vivir mirando cara adiante ou mirando cara atrás”, advertiu.

A asistencia do ministro de Sanidade ao mitin de peche de campaña foi o respaldo final as dúas semanas nas que os e as socialistas de Ourense explicaron á cidadanía que un dos piares fundamentais do seu goberno será o benestar social e a saúde se lles dan a súa confianza nas urnas. Programas de saúde mental –para a prevención das conductas autolíticas ou da ludopatía–; coidadores de barrio, para erradicar a soidade non desexada e desterrar a violencia administrativa dos maiores; ou a potenciación dos centros cívicos, para ofertar formación que ensine a coidar e coidarse son algunhas das medidas recollidas no programa electoral.

“O domingo pode haber un goberno de progreso en Ourense que poña fin a 8 anos de zozobra nos que o PP gobernou, cogobernou e deixou que gobernase quen levou ao noso concello e á nosa cidade a padecer o período máis negro da historia da democracia. Non queremos caer no pesimismo. É posible reverter esta situación e está na man da cidadanía decidir que a nave siga á deriva ou

que tome un novo rumbo”, afirmou o aspirante a dirixir o consistorio, Paco Rodríguez.

En liña co anterior, insistiu en que o cambio na cidade pasa polo PSdeG-PSOE –que sempre cumpriu, tanto dende o goberno do Estado como dende o autonómico ou municipal–, e que o 28 pode producirse unha nova xesta se o voto da esquerda se moviliza. “Máis ca nunca é necesario tomar conciencia da importancia destas eleccións nas que Ourense pode saír fortalecida ou debilitarse aínda máis e seguir sendo unha cidade sen esperanza algunha de futuro”, sentenciou.

A secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, Natalia González, afondou na importancia dos equipos de persoas que colaboraron e organizaron a campaña electoral e en todo o traballo, que non se ve pero é fundamental, que realizaron as e os membros da candidatura. “Síntome moi orgullosa de vós porque tedes ilusión e ganas, tedes o necesario para sacar esta cidade adiante. Grazas por compartir connosco este reto colectivo”.

Tamén interviron no mitin de peche de campaña o secretario xeral de XX. SS. de Galicia, Xurxo Doval, e a súa homóloga en Ourense, Alba Iglesias. Ámbolos dous fixeron un chamamento á mobilización, en especial da mocidade, o domingo. “Nunca choveu que non escampara”, finalizou o primeiro. “Fagamos historia, recuperando unha traxectoria que nunca debeu interromperse, Paco Rodríguez volverá a ser alcalde de Ourense”, rematou a segunda.