Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Artigo : Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Resoltos os pasos previos á convocatoria da poxa e a fin da execución da mesma o boletín provincial incorpora (4/3/1897) unha detallada descrición tanto da predio  “Baños de Carballino” como da propia vila:

… atravesada en toda su extensión por la carretera que une Orense con Pontevedra, con buenas calles, magnifico casino, plaza espaciosa, trescientas cincuenta casas de elegante edificación y una iglesia recién construida (…) además de la carretera dicha hay otras directas a Santiago, Ribadavia y Barbantes, estaciones las dos últimas sobre la línea férrea de Orense a Vigo.

Na actualidade, non resulta doado imaxinarse a vila, que se lle ten alcumado con sorna como “niuiorciño”, con 350 casas; por suposto que a igrexa “recién construída” é a que hoxe chamamos “vella”, no centro da vila. Semella, emporiso, ben recuada a base argumental da famosa lenda de “Pra carne, pan e viño o Carballiño”:

El país situado a 1.842 pies sobre el nivel del mar, es en extremo pintoresco por los extensos robledales, sotos y pinares que cubren las faldas de la montaña, entre cuyo verde oscuro se destacan innumerables caseríos rodeados de frondosas huertas. Los alimentos son excelentes, siendo proverbial en Galicia la fama de las aguas, del pan, de las carnes y del vino de Carballino.

Despois de exaltar a temperatura media, entre xullo e setembro, o aire purísimo e a fertilidade do solo, grazas aos ríos Arenteiro e Barón, pasa a describir o predio urbano “Baños de Carballino”, relato que nos permite percibir como eran as instalacións antes da construción da actual casa de baños.

En substancia limitábase ao edificio que hoxe acolle a fonte.Á leira, situada a uns 200m. da vila, chegábase por “el camino del baño” y “tiene su entrada por dos escalinatas de sillería”.

“tiene su entrada por dos escalinatas de sillería”

Cada escaleira tiña 14 chanzos, pechando o espazo entre ambas un muro circular de cachotería pero con asento de cantería, tanto pola parte alta como pola baixa, e un banco corrido ao longo da curva do muro, tal e como se conserva na actualidade.

pechando o espazo entre ambas un muro circular de cachotería pero con asento de cantería,

Polas escaleiras descendíase, e descéndese, a un patio, unha especie de vestíbulo do edificio, onde había dúas portas de acceso ao salón e un oco, sen porta, polo que se chegaba ao lavadoiro. Formaban os dous departamentos un rectángulo de 19,90m x 7´60m, pechado con perpiaño ata os 2,75m de alto. A cuberta, a tres augas, sostíñase, dende o remate de muro, por pilastras de perpiaño nas que se intercalaba un enreixado de madeira de castiñeiro (hoxe substituído por un peche acristalado) agás na fachada norte na que a parede se eleva ata a teito.

A cuberta, a tres augas, sostíñase, dende o remate de muro, por pilastras de perpiaño nas que se intercalaba un enreixado de madeira de castiñeiro (hoxe substituído por un peche acristalado)

No salón está a arqueta do manancial, á que se chega por catro chanzos onde, por tres canos, se verten as augas sulfuroso-sódicas. En fronte, seis baños de pedra, que,cando se puxo o balneario a poxa, estaban inutilizados por decisión do daquela director do balneario, Lope Valcárcel. Na parte norte había outros catro gabinetes, tres recubertos de azulexos e o outro de cantería revocado con cemento; tiña cada un 2,15m de fondo por 1,50 de ancho e portas independentes.

No muro oeste hai catro metros de parede de cachotería cunha porta que dá acceso a un departamento exterior, situado nunha leira privada, en estado ruinoso e en forma de trapecio, no que se quentaba a auga nunha caldeira de folla de lata.

O lavadoiro, na parte sur do edificio,separábase de este por un muro de cachotería. Tiña unha superficie de 7,47×7 e un pío de pedra de 6,08×3,40. Tras a privatización o lavadoiro desapareceu e con el as vantaxes das lavandeiras que dende aquela tiveron que realizar as súas tarefas nas frías augas do Arenteiro na vez das mornas, gustosas e eficaces, tamén para lle tirar a roña ás roupas, cheirentas augas da fonte. Da outra banda do río, en Toscaña, fixeron un lavadoiro substituto.

O terreo ocupaba unha superficie de 232,61m dos que 165,40 estaban cubertos e lindaba, polo  leste, con outra propiedade municipal. As outras tres lindantes eran privadas. Os peritos taxaron, sen considerar o valor das augas, en dúas pesetas o metro e o conxunto en 465,22pts. O valor do edificio, en atención ao seu mal estado, ficou reducido só ao dos seus materiais e ao non haber apeiros propiedade do concello, valorouse en 1.327,85pts.

O único manancial deitaba 61 l/m o que dá 87.840 l/día de auga transparente, de marcado sabor hepático e característico cheiro a ovos podres, a unha temperatura de 28º. O seu uso sanitario, polo xeral, era en forma de bebida, por mor das deficientes instalacións de balneoterapia. As augas valorábanse como eficaces para o tratamento dos trastornos gástricos e intestinais nos que interviñese o fígado, pero tamén para outras enfermidade da pel, trastornos nerviosos e catarros bronquiais. O valor das mesmas fixouno o “Real Consejo de Sanidad” (19/12/1894) en 30.000 pts, empregando como criterio para a taxación o gasto medio realizado polos bañistas durante os últimos cinco anos, polo tanto entre 1888 e 1893, descontándolle os gastos de contribución, reposición de aparatos, pago de braceiros, etc.

Na almoeda incluíuse tamén o terreo municipal lindeiro, arborado (45 castiñeiros, 23 de adorno aínda cativos, 8 deteriorados e un vigoroso castiñeiro de Indias) e con servidume á leira contigua, e mais á presa de Eladio Fernández. O predio, de forma irregular, tiña unha extensión de 29 áreas, 28 centiáreas e 50 decímetros cadrados, incluído o soar do balneario, e lindaba, polo oeste, co río Arenteiro; polo norte, coa propiedade dos herdeiros de Tomás Mosquera, o ministro e deputado que falecera non había moito; polo sur con monte e labradío particulares  e polo  leste co camiño público coñecido como dos Fidalgos. Ao remate do paseo arborado, no lado oeste, sobre o río e a presa, había, e hai, un dique  elevado sobre un muro de cachotería, cun asento corrido, xerando unha superficie  dun chisco máis de 51 metros cadrados.

_sobre o río e a presa, había, e hai, un dique elevado…

O predio  rústico valórase en 827,51 pts. que sumadas á taxación do solar e ao valor do manancial dan un total de 32.620,58pts. Ese será o tipo-base da poxa sinalando as seguintes obrigas para o gañador: construción dun edificio, a realizar no prazo dun ano, para a instalación de baños en cinco pías de mármore ou porcelana, sala de pulverizacións con catro pulverizadores niquelados e sala de inhalacións. De non cumprirse esta condición a administración podería declarar nula a venda, perdendo o comprador os prazos liquidados e as obras verificadas. De darse ese caso o complexo  sairía de novo a poxa.


Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización