Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Artigo : Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : ” Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

AVANTAR ACTIVIDADES

Era muller afouta, de ánimo arrichado, de rompe e racha, pero moi mirada para os asuntos de “procedencia diplomática”, así que non sei se á condesa de Pardo Bazán lle chistaría moito tanta confianza no trato. Cóntase que nunha ocasión deixou de pagar unha factura de hotel por non tratala de Excelentísima señora e ben que soubo marcar distancias coa súa creación literaria, o falso marqués de Ulloa, don Pedro Moscoso, ao que imaxinou embrutecido pateando tras as perdices polos montes que dende as alturas abeiran o curso, unhas veces bravío, outras amansado, do Avieiro. O eufónico hidrotopónimo creado pola farturenta imaxinación da escritora aparece como pano de fondo paisaxístico no seu retrato da decadencia fidalga e non deixa de estar presente nesa síntese de pinceladas paisaxísticas comúns ao medio natural no que se desenvolve a acción dalgunhas das novelas e contos de dona Emilia.

Lembranza de dona Emilia na casa dos Quiroga no Carballiño

Tres son os títulos novelísticos que teñen por escenario estas terras do Carballiño e o alto Ribeiro: El cisne de Vilamorta (1885), Los pazos de Ulloa (1886) e a súa secuela,La madre naturaleza (1887) e unha serie de contos dos que falaremos noutra ocasión. Estaba a nosa autora na metade da súa terceira década de vida e levaba preto de 20 anos casada co primoxénito dos Quiroga. As estancias nas casas do Carballiño, Banga ou Cabanelas eran ritos anuais, moi en especial no verán, en concreto no mes do setembro, pola vendima e polas festas do San Cibrao.

No imaxinario pardobazaniano, esa sonora mestura entre Avia e Arenteiro denomina o territorio habitado polas xentes ás que se dirixe Badal Novas,  e aparece explícita tanto no retrato irónico do cisne becqueriano de Vilamorta como na secuela de Los pazos, nesta si aparece citada Vilamorta, que é como podemos considerar a La madre naturaleza, na que tamén se cita a feira de Vilamorta.

Como ben saben, dona Emilia alcumou de Vilamorta ao Carballiño. A novela cómpre interpretala en clave irónica, quizais tamén no referido á “villita” como  a cataloga a autora. Aínda que teñamos que concordar que, en tempos de dona Emilia, o Carballiño pouco máis era que unha viliña entre centeo e viño.

A Pardo Bazán lémbranos no prólogo a El cisne, asinado en setembro de 1984, que houbo quen atribuíra as cruezas e francas descricións da vida popular de La Tribuna, a novela coa que gañou recoñecemento literario, ao seu particular empeño en escribir segundo o canon do naturalismo; agora, di ela, con certa sorna, haberá quen me dirixa a acusación oposta dicindo que El cisne… é un tributo á escola romántica.

Todo cómpre entendelo nese medido e constante xogo de dona Emilia por aquelar doses de contemporaneidade e conservadorismo, de racionalismo e catolicismo, de liberalismo formal e esencias tradicionalistas, e nesta ocasión tamén neste enredo aparente entre naturalismo e romanticismo. Na realidade, xa despois publicar La Tribuna (1883) e antes de El cisne… (1885), dera ao prelo dona Emilia o seu ensaio La cuestión palpitante (1883) no que se amosa partidaria dun naturalismo próximo a Zola. Con ironía débense, pois, observar os personaxes:  Segundo, o pretensioso cisne; Leocadia,a mestra enferma de amor; o vello político ricachón, don Victoriano, e a súa fermosa e coqueta muller, Nieves, que se parapeta tras da filla para coquetear co cisne, mentres este desbalde afagos á nena para arrimarse á cauta fogosidade da nai. A técnica narrativa debémola pois entender como idéntica,  xa que, segundo a propia autora,  guiábana os mesmos propósitos tanto ao escribir La tribuna como ao redactar El cisne de Vilamorta. Isto é  “estudiar y retratar en forma artística gentes y tierras que conozco”, marcar distancias co “estrecho provincialismo”para non ficar nunha “pintura de usanzas regionales”,en clara referencia ao  “rexurdimento”, e aspirar “al honroso dictado de novela”. Ao tempo, para a autora, o romanticismo, como época literaria, xa pasou e só se trata dun  “fenómeno aislado” que  nin  influencia ten nos costumes, aínda que “como enfermedad, pasión o anhelo del espíritu, no pasará tal vez nunca.”

Segundo a autora, “a la misma luz que me alumbró por los rincones de la Fábrica de Tabacos de Marineda, he tratado de ver la curiosa fisonomía de Vilamorta. Si la Fábrica se diferencia en todo de la villita, no consiste en que yo las mire con distintos ojos, pero es que forzosamente ha de diferenciarse el puerto comercial y fabril de la comarca enclavada tierra adentro”. Se na contorna da Coruña, ou Marineda, se desenvolve a vida das cigarreiras e demais personaxes de La tribuna, nas ribeiras do serpeante Avieiro hai unha “villita”, de pouca vida, O Carballiño,  que pretende ser cabeceira da área ribeirá de “El Borde”,segundo lle di a autora, situada no linde entre centeo e viño, área na que se moven os personaxes das tres novelas que escribiu entre 1884 e 1887; e en concreto na Vilamorta do Carballiño a primeira delas.

Pero dona Emilia non describe con fidelidade minuciosa, cun detallismo hiperrealista as paisaxes, senón que realiza unha síntese, unha fusión dos elementos comúns como se os superpuxese para crear novas paisaxes que a todas comprendesen[1]. Se nos empeñamos en localizar, por exemplo,os pazos de Ulloa, ou outros lugares, con exactitude, o resultado será estéril; pero repasando a biografía de dona Emilia e realizando lecturas comparadas entre as súas obras si podemos deducir que Vilamorta é O Carballiño; que Auriabella é Ourense; Marineda, A Coruña; que Avia é Ribadavia e que o Cebre de Los pazos… e La madre naturaleza, onde se detiña o coche de cabalos que facía o traxecto Santiago-Ourense, era a vila, nó de comunicacións, de Cea, máis dinámica que  Vilamorta, pois ademais de contar con parada e relevo dos cabalos de tiro, médico e notario gozaba da fama das súas panadeiras; que “Las Vides” de El cisne…, pode ser Banga ou Cabanelas, ou unha fusión de ambas. O que non empece que haxa outros lugares, de intensa presenza nas tres novelas, de non tan doada identificación, en ocasións con nomes doutros lugares, como no caso de Boán, Castrodorna, que está máis alá do río, preto de Portugal, Naya ou mesmo Ulloa ou outros tan dubidosos como pode ser Piedras Albas, quizais Cabanelas, ou Molende, que ben podería ser Moldes, ou Loiro, que é evidente que non é Leiro, ou o Pico Medelo que pode ser unha Pena Corneira entremesturada con algún dos grandes castros da zona.

En calquera caso e de forma xenérica  todos estes lugares están regados polo seu Avieiro, na ampla comarca de El Borde, que lle acae ben ao territorio Badal Novas.


[1] Como xa sinalou Jaime FerreiroAlemparte, nun breve pero interesante artigo sobre a cuestión publicado en La noche


Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.