Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Artigo : Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) :

” E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “


Quizais fose a miña xeración, a dos nacidos na década dos cincuenta, á que máis lle aconteceu. Tamén a outras, sen dúbida, pero coido que á nosa con máis intensidade. E que é o que nos pasou? Pois que se nos fai complicado responder a unha pregunta ben simple: e ti de onde es? O interrogante é contemporáneo. Recuadas unhas décadas, a cuestión formularíase doutro xeito: e ti de quen vés sendo? A referencia ao núcleo familiar, actuante como unidade económica, sería o signo de pertenza. Esta última, poucas veces ma formularon. Aquel mundo esvaecía e eu era moi cativo. Con todo sabía o que responder, era da casa de Estrela, que viña a ser miña bisavoa.

Alto do Carrio

Cando hoxe me formulan a primeira das interrogantes, propia dunha sociedade altamente urbanizada e cun determinante sector de servizos que empurra a mobilidade territorial, non me aquelo alá moi ben coa resposta. Que conste  que considero que esta axitación espacial da miña vida non tivo nada de traumático, ou quizais si, e por iso estou agora a escribir sobre a miña vida móbil. O certo é que, ante cuestión tan pueril, non atino, con claridade, coa resposta. Explícome.

O caso vén sendo que un naceu nunha das tres aldeas dunha parroquia, que hoxe seica ten 70 hab., non a aldea, senón a parroquia. Ao mellor é un esaxero, dígoo porque a cifra sae, non do meu coñecemento empírico, senón dos datos que nos fornecen os trebellos estatísticos oficiais. Os meus informantes sobre o terreo poñen en dúbida a cifra.

Canteira do Carrio

Na igrexa, ruda, triste e avesía, agochada no fondo valeco, parroquial de Santo André, bautizáronme,  e á esquerda da porta da entrada nun nicho con presenza de seu, aínda que humilde, están soterrados os meus bisavós e  avós.

VIDEO

A aldea, a media ladeira do monte, ficou un chisco por baixo da estrada que empata a capital municipal co concello veciño, e por riba dela unha gran canteira estragou a metade do monte. A súa cerna pétrea converteuse nunha enorme piscina averdada e pútrida, axitada de cando en vez polo zoar avolto de 37 turbinas propiedade de Iberdrola de 58 m. de diámetro e 859Kw de potencia que zunen sen acougo como linguas bífidas. Ben preto del, como un miserento arremedo paifoco das liñas de Nazca, un autonomeado e inacabado circuíto de non sei que estragou outro anaco de monte.

Monte do Carrio, circuito e eólicos

O sector servizos que nos permitía vivir axitaba a meu pai, e con el a nós, dunha esquina para outra. Primeiro levouno ao pé do Faro, pero da banda dezá, así pasamos  a ser denominados, durante algún tempo, co deostado alcume, aínda que só fose para algúns  dezaos, de cambotes, sinónimo de montesío. Non tardamos moito en poder afastarnos do curso alto do Arnego e regresar a terras máis sollosas, por riba do Deza, aínda que fose na outra ladeira do monte protector, o Carrio. O meu territorio orixinario é a parroquia lalinense de Val do Carrio. E alá foi a infancia, acariñada na familia pero sen as amizades infantís, aquelas ás que Rilke se refire como verdadeira patria do home, ata que a antigüidade correspondente ao sector funcionarial permitiu escoller novo destino.

Entre as alternativas posíbeis cumpría ter en conta os estudos do cativo, que era eu. Entre as tres que se manexaron escolleuse O Carballiño. Alá fomos, eu cuns sete anos; os meus pais a debullar novas relacións, despexar incógnitas vitais e acougar ansias de benestar. Abandonaba a miña errante infancia dezá camiñoda puberdade vilega. Dende a inicial adolescencia ata o remate dos estudos e a libranza militar, seria este o meu territorio de acougo, emporiso en intermitente estancia, limitada,por uns ou outros motivos e con excesiva persistencia, aos períodos de vacacións: dous anos nunha universidade laboral, outro na capital provincial, seis na transición compostelá e un e pico de patriótico servizo no mediterráneo.

Podrecía a adolescencia e cumpría amansar. Procurar un futuro que, como para tantos dos daquela xeira universitaria, rematou nun claustro de profesores onde ficaron agrilloados tantos espíritos revolucionarios. Unha década viguesa decidida por unha fantasmagórica ilusión proletaria virou en desexo “petitbourgeois” de casa con finca nas aforas; con fillos pero sen chofer. Mudei de centro de traballo para aforrar gasolina e aquí fiquei, nun concello que presume de vila, pero que  na realidade é un arremedo da cidade esparexida, sen lindes físicos nin psicolóxicos. En Gondomar asentei por décadas na agarda dunha nova, aínda que improbable, reviravolta.

Así que a resposta ao interrogante, é complexa. Nacín nunha aldea de Lalín, e seime dezao; crieime no Carballiño, gústame, e quero, que me identifiquen coa vila do Arenteiro; vivo en Gondomar, ben acollido, e síntome miñorán. A isto é ao que me refería coa complexidade da resposta ante o interrogante sinxelo de, e ti de onde es?Aínda que ao final un achanta con certa vulgaridade cuantitativa e tende a considerarse do lugar no que máis tempo viviu. Eu sego sen ser quen de esfollar a margarida entre O Carballiño e Gondomar.


Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”