Artigo : Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe
Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego
José Quiroga Pérez de Deza faleceu na casa familiar da Praza Maior do Carballiño, en novembro de 1912, na casa á que eu un día acudín con falsas dores molares.
Imaxino o descenso do cadaleito, a expectación da multitude e a disputa entre as autoridades por un lugar destacado, en agarda da condución do cadáver ata o cemiterio de Banga, a uns cinco quilómetros, para presidir o panteón familiar,empoleirado no curuto do mesmo e enfrontado á fachada da igrexa de santa Baia.
Unha delimitación de poderes semellante á que quixeron sinalar no Carballiño ao confrontar a súa casona coa do concello, cunha soa planta e situada no máis baixo dos socalcos da praza maior, e que recorda a posición de altura da casa de Banga dominando os socalcos de vide.
O finado mereceu entusiastas gabanzas nas páxinas do ABC, diario conservador, militarista e monárquico por excelencia:
En su casa de Carballino (Orense) ha fallecido el Sr. José Fernando Quiroga y Pérez de Deza, conde de Pardo Bazán.
Era el finado un perfectísimo caballero que residía la mayor parte de su tiempo en sus posesiones de La Coruña, principalmente en su magnífico castillo de Santa Cruz, a unos 20 km. de la citada capital gallega. Amigo leal, protector de los menesterosos, católico fervoroso, patriota entusiasta y admirador de las virtudes de nuestro Ejército, era don José Quiroga un hidalgo completo a la antigua usanza española.
Cuando la campaña de 1909 fue a Melilla para estar cerca de su hijo D. Jaime que había sentado plaza como voluntario, y en los hospitales y campamentos de la plaza africana prodigó socorros y consuelos a los soldados heridos y enfermos, y compartió con los sanos su espíritu animoso. En constante movimiento, a pesar de su avanzada edad, acudió siempre en los días tristes para España de aquel verano, adonde hubiese de enjugar una lagrima o aliviar un dolor.
En toda la hermosa región gallega, y especialmente en las provincias de Orense y la Coruña, donde era hasta en las pequeñas aldeas, querido y respetado, causará su fallecimiento profunda pena. D. José Quiroga era maestrante de Ronda[1] y licenciado en Derecho. Descanse en paz el finado, y reciba nuestro sentido pésame si viuda hijos, hermano D. Eduardo e hijo político, D. José Cavalcanti, y demás distinguida familia.[2]
Aínda que o xornal fai referencia a “su avanzada edad”, nos criterios actuais non sería tanta pois tiña 64 anos. Nacera en 1848. Merece a pena, coido, resaltar que a necrolóxica non cita a viúva polo seu nome, aínda que vivisen separados dende había máis de tres décadas, viúva era, e gardou rigoroso loito durante un ano, aínda que si se cita o título que don José tiña por consorte. O matrimonio tivo tres fillos que non tiveron descendencia, o que explica que nos meus tempos mozos a herdeira fose a tal “doña Amparito”, neta do don Eduardo amentado na recensión funeraria, sobriña-neta do defunto e filla de Jorge Quiroga, coidamos que primeiro propietario con este apelido do “Gran Balneario” do Carballiño. Na necrolóxica cítase o xenro do finado, o militar e militarista José Cavalcanti de Alburquerque Padierna de Villapadierna[3].
José Quiroga Pérez de Deza nacera na casa de Banga, pendurada sobre socalcos de vide e ollando o serpear do Avia e do río do Barón, no fondo dos cavorcos e coas costas envolvidas polo Arenteiro.
Dona Emilia, na súa querenza por rebautizar os seus territorios literarios e persoais, referíase á esta casa como “o balcón do Ribeiro”, coido que esa denominación pódese facer extensíbel a toda a parroquia e non só ao fogar de nacenza do seu esposo. Tivo, como xa indicamos, a enxeñosa e eufónica ocorrencia de denominar as augas que arrodeaban os “seus” curutos ribeiráns de Banga e Cabanelas, como Avieiro, unha mestura que resulta tan agradábel e sonora como outros topónimos das parroquias carballiñesas, ademais das xa nomeadas Banga e Cabanelas, ou do propio Carballiño: Arcos, O Barón, Lobás, Longoseiros, Madarnás, Mesego, Mudelos, Partovia, A Piteira, A Ponte Veiga, Sagra, Señorín e Seoane de Arcos.
Banga é hoxe unha parroquia con menos dun cento de veciños, como a miña natal Val do Carrio. Así retornamos ás miñas orixes dezás pois o tal don José Quiroga levaba por segundo apelido Pérez co aristocrático engadido“de Deza”, e con el acollía as abastadas posesións que herdou da súa nai María Asunción Pérez (de Deza) e Pinal, entre elas a mencionada casa de Banga e mais a de Cabanelas, así como a casa grande de Campeliños, en Corneda, no Irixo, ou a casa grande de Quintela, en Catasós, no concello de Lalín, arrodeada dunha inmensa fraga, declarada na actualidade monumento natural, que abrangue uns 50.000 m2 inzados de excepcionais carballos e castiñeiros, pero tamén nogueiras, bidueiros e amieiros ou ameneiros, e ata un piñeiro manso; todos esculcando o sol durante séculos.
A fraga, souto ou carballeira era coñecida como de Quintela ou dos Quiroga, aínda que hoxe lle din de Catasós, non sen certa razón pois hai outras fragas e soutos lindeiros coa protexida, acoiteladas por estradas excesivas e ameazadas pola irracional lóxica das grandes empresas depredadoras.
A fraga dos Quiroga non se aproveitaba para a castaña, senón para as trabes dos pazos e casas grandes, polo que non se podaban e tiraban cara ao ceo. Aínda así no souto atópanse moitas variedades de castaña, a de cedo ou temperá, que por setembro regaña, a negral, a pelada, a patacuda, a oura ou dourada, a abadá ou abadesa, a rosario, a rañuda, a mazaíña… lembranzas dun tempo no que a castaña era a base alimentaria da culinaria fidalga e camponesa en ausencia ou desprezo da pataca, alimento propio de animais.
[1]A Real Maestranza da Cabalaria de Ronda, con sede nesta cidade da provincia de Málaga, era unha sociedade de cabaleiros para formarse no exercicio da equitación.
[2]ABC, venres 15 de novembro de 1912,
[3]Nacera en Cuba no seo dunha familia de orixe italiana recastada no Brasil. Guerreou na illa caribeña ata a derrota final; dirixiu accións militares en Marrocos onde acadou o xeneralato; conspirou para dar o golpe de estado que encabezou Primo de Rivera e formou parte do Directorio Militar; foi capitán xeneral de Andalucía e conspirou contra a II República xunto a Sanjurjo. En 1936 o seu, parece que conxénito, espírito conspirador, levouno a encabezar a sublevación militar en Galicia. Emparentou cos Quiroga ao casar con María de las Nieves, a filla da condesa e de Pepiño; voda sonada, pola atención que lle prestou a prensa.
—————————————————————————————————
Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.
Outros artigos de Carlos Meixome:
Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”
Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “
Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria
Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario
Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario
Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria