Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Artigo : Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario


Dende finais do século XIX o balneario estaba dirixido por un médico de prestixio no sector da balneoterapia que promovía a través de conferencias e participacións en congresos as bondades das augas salutíferas.

O doutor David Simón Lorda,que nos achega, con constancia, datos sobre os médicos ourensáns e galegos no seu célebre blog “Diario de un médico de guardia”, déixanos precisa información sobre o director do balneario do Carballiño, Lope Valcárcel Vargas.

Resumimos o referido ao seu labor nos balnearios: en 1888 dirixiu o de Molgas; entre 1891 e 1894 o de Caldas de Reis; radicado en Ourense, dirixiu os balnearios do Carballiño e Partovia, entre 1985 e 1901. Nunha entrada no seu blog ten unha magnifica foto dos propietarios xunto co director na porta do edificio; foto que é posíbel se corresponda co día da inauguración do novo edificio[1].

As expectativas dos propietarios non se deberon cumprir e o esforzo económico non debeu achegar os resultados agardados. Ano tras ano as persoas que acudían “ás augas” ficaban por debaixo das mil, o que levou os propietarios a solicitar do ministerio de gobernación unha nova mudanza no calendario, nesta ocasión de redución “fijándola para en adelante en el periodo de 1º de Julio á 30 de Septiembre”, xa que “en virtud de la construcción del nuevo balneario y subida de las tarifas, ha dejado de concurrir la clase labradora que utilizaba las aguas en Junio y Octubre”. O fracaso das expectativas tiña a súa orixe no elevado prezo dos servizos e non nos labores agrícolas. O boletín provincial recolle os datos que achega o director do balneario sobre os bañistas que acoden nos meses de xuño e outubro e pódese comprobar como se reducen ostensibelmente co paso dos anos. O ministro Romanones aproba a modificación solicitada[2].

Nese ano, 1906, regresa á dirección do balneario Lope Valcárcel[3]. A morte do administrador da sociedade, Jesús García Espinosa, en outubro de 1907[4], debeu supoñer tamén un novo contratempo, o que non empece que o balneario continúe aberto e en promoción das súas virtudes salutíferas así como das comodidades que ofrece a vila, como se desprende do seguinte  anuncio que, tras relatar as características das augas e as súas indicacións terapéuticas,conclúe[5]:

Nueva y completa instalación balnearia. Extenso parque y grandes bosques de pinos y castaños. Hospedajes buenos y económicos en el pueblo a pocos metros del balneario. Carruajes desde Barbantes, Orense y Ribadavia.


[1]Pódese consultar en https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2016/01/el-dr-lope-valcarcel-la-difteria-y-el.html.

[2]Boletín oficial de la provincia de Orense, 18/6/1906.

[3]El eco de Santiago, 30/6/1906.

[4]El eco de Santiago, 23/10/1907.

[5]El eco de Santiago, 11/9/1909.

———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.