Os premios Antón Losada entréganse mañá adaptados á normativa covid-19

BOBORAS.PAZO DE MOLDES PREMIOS LOSADA DIEGUEZ DO ANO 2016

Logo dun ano en que a pandemia motivou a suspensión da celebración presencial dos premios Antón Losada Diéguez a convocatoria recupera a súa normalidade adaptada aos novos parámetros e á normativa en vigor relacionada co Covid 19. Así, non se poderá celebrar a tradicional misa en memoria de Losada Diéguez na capela de San Mamede –de reducidas dimensións- e trasladarase toda a actividade á carballeira de Moldes, Boborás.

O programa comezará ás 11.30 horas e o acto será presentado polo filólogo, profesor e poeta Luís González Tosar. O presidente do PEN Club de Galicia, un dos fundadores da revista poética Dorna –publicación da que se cumpren neste 2021 os seus 40 anos-, é membro do padroado da Fundación Losada Diéguez e foi o encargado de coordinar a publicación que o Concello do Carballiño editou en 1984 para homenaxear a Losada Diéguez polo centenario do seu nacemento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Logo da intervención de Luís González Tosar tomará a palabra o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, en representación do concello ao que este ano lle corresponde a responsabilidade da organización da entrega dos premios. O secretario xeral de Cultura, Anxo  Lorenzo, ostentará a representación institucional da Xunta de Galicia e logo da intervención do representante da Deputación de Ourense darase lectura a acta do xurado que este ano se encargou de conceder os galardóns.

Eva Veiga e Baldo Ramos recibirán o premio Losada Diéguez de creación literaria pola súa obra <Quérote canto> e a Miguel Andrade e Anselmo López lle corresponde o galardón no apartado de investigación e ensaio polo traballo <O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria>.

Pechará as intervencións Patrica Torres, alcaldesa de Boborás, e o acto de entrega dos premio Antón Losada Diéguez contará coas actuacións do grupo musical de corda Batuma e o Orfeón do Carballiño. O remate da actividade, previsto para as 13.00 horas, correrá a cargo destas dúas formación musicais e consistirá na interpretación do Himno Galego.