O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncian a falta de avances na execución da nova captación de auga desde o río Miño, “unha actuación que o actual alcalde do Partido Popular anunciou como unha das súas prioridades durante a campaña electoral e da que, tres anos despois, os veciños e veciñas seguen sen ter noticias nin resultados”. O grupo socialista considera que “a auga é un servizo básico e unha necesidade fundamental para calquera concello. Por iso resulta preocupante que, transcorridos xa a tres anos do mandato, o alcalde de Ribadavia non sexa quen de presentar avances concretos nunha infraestrutura estratéxica para garantir o abastecemento do municipio ante posibles episodios de seca ou restricións”.
Desde o PSOE de Ribadavia pregúntanse que xestións realizou o alcalde nestes tres anos para facer realidade esta captación, xa que cada vez que é preguntado pola cuestión a resposta segue a ser a mesma: “estamos traballando nelo”. “Os veciños e veciñas merecen algo máis que palabras; merecen feitos e resultados. Ribadavia conta cun goberno municipal do PP que, ademais, ten á súa disposición unha Xunta de Galicia eunha Deputación gobernadas polo mesmo partido político. Nunca existiron tantas facilidades institucionais para impulsar un proxecto desta importancia. Resulta difícil comprender que, contando con todas estas administracións ao seu favor, o alcalde siga sen ofrecer avances reais nunha actuación que el mesmo consideraba prioritaria”, apuntan as socialistas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Engaden que, “mentres tanto, o alcalde municipal continúa anunciando actuacións e proxectos menos prioritarios mentres segue sen dar resposta a unha das cuestións máis importantes para o futuro de Ribadavia: a garantía do abastecemento de auga. Resulta especialmente chamativo que o actual alcalde continúe beneficiándose da captación de urxencia executada polo anterior goberno socialista, unha actuación que o Partido Popular chegou a cualificar naquel momento como unha ‘solución chapuceira’. Porén, é precisamente esa infraestrutura provisional a que leva tres anos permitindo ao actual goberno gañar tempo sen avanzar na solución definitiva que prometeu durante a campaña electoral”.
Desde o PSOE aseguran que sempre defenderon que aquela captación “era unha medida urxente e provisional para facer fronte a unha situación extraordinaria”. Tamén advirten da necesidade de seguir traballando nunha nova captación con maior capacidade e garantías de futuro, tendo en conta o crecemento dos núcleos de poboación, o aumento da demanda e a necesidade de asegurar o abastecemento para as próximas décadas.
Os socialistas “agardan que este verán Ribadavia non teña que volver afrontar situacións complicadas derivadas da escaseza de auga e que non se vexan afectados servizos municipais, actividades económicas ou instalacións públicas como a piscina municipal. A planificación, a prevención e a garantía do abastecemento non poden quedar en simples promesas electorais. Son unha responsabilidade de goberno e unha obriga con todos os veciños e veciñas de Ribadavia”.
Por todo elo, dende o PSOE de Ribadavia esixen ao alcalde “que informe con transparencia sobre o estado real da nova captación do río Miño, os trámites realizados ata o momento, os compromisos acadados con outras administracións e os prazos previstos para a súa execución. Os veciños e veciñas merecen respostas e, sobre todo, merecen feitos”, conclúen.

















