Gabriel Alén enxalza a memoria de Castelao na inauguración da exposición ‘Castelao grafista (facsímil)’

Organizada pola Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia  

  • O delegado territorial subliñou que a verdadeira paixón de Castelao era Galicia
  • Para Gabriel Alén, Castelao posuía o don persoal da comunicación para transmitir coa maior sinxeleza e a maior beleza as imaxes, as evocacións, e as súas vivencias que adoitaba madurar con paciencia e reflexión no seu interior
  • ‘Castelao grafista (facsímil)’ é unha proposta que reúne unha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao: textos, ilustracións, deseños, fotografías e publicacións

A vida de Castelao é un manifesto multixénero de comunicación e enxalzamento da memoria, a identidade e a singularidade do pobo galego, pois entendo que poucos artistas exerceron unha autoridade por encima das correntes do seu país como así o fixo Castelao”. Deste xeito, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, referiuse á figura de Castelao na inauguración da exposición ‘Castelao grafista (facsímil)’, que se vén de abrir esta mañá no local da Afundación Obra Social ABANCA da capital das Burgas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o delegado territorial, Castelao posuía o don persoal da comunicación; e desde a perspectiva  dese don, desenvolveu esa calidade para comunicarse cos demais coa maior sinxeleza e a maior beleza, transmitindo espontaneamente as imaxes, os ditos, as mostras populares de expresión, que se tiñan adherido aos recordos, ás evocacións, e ás súas vivencias diarias que adoitaba madurar con paciencia e reflexión no seu interior.

Gabriel Alén subliñou que a verdadeira paixón de Castelao era Galicia, pois aínda que exercera de “caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político; oficios todos que exerceu con mestría. Pero si a cada un e nos se nos preguntase realmente cal foi a profesión e a ocupación de Castelao, teño o convencemento que todos coincidiriamos na resposta, e que aquí, neste certame, se manifesta con claridade: Galicia”, sentenciou o delegado territorial.

Para Castelao -subliñou Gabriel Alén-  a vida está chea de senso, aínda que os homes se empeñen en envolvela e confundila; el era da idea que o que ha de vir sempre será mellor co que xa está vido. Desde esa continxencia −continuou o delegado territorial− ningún fenómeno artístico, nin político da época foi alleo á súa curiosidade. Tanto é así, que a vida de Castelao, ademais de ter sido unha parte prioritaria dos temas da súa obra, foi creada por el con coidadoso agarimo; e vida e obra confúndense a miúdo nalgúns dos autorretratos dos seus óleos e debuxos como nalgunhas narracións de ‘Retrincos’ ou de ‘Cousas’; e que nesta magnífica exposición quedan reflectidas.

A exposición          

‘Castelao grafista (facsímil)’ é unha proposta que reúne unha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao: textos, ilustracións, deseños, fotografías, publicacións, etcétera. O obxectivo é facelo máis visible internacionalmente e establecer unha rede de bibliotecas nas que se poida consultar e estudar a súa obra.

Conforman a mostra 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas, 89 debuxos da serie Cousas dá vida e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais poderase ler o texto orixinal do Albún Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos libros de Castelao, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.