O subdelegado do goberno visita a Área de Rehabilitación do casco histórico de Ribadavia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, visitou hoxe a área de Rexeneración e Renovación Urbana do casco histórico de Ribadavia xunto coa alcaldesa, Noelia Rodríguez, e co concelleiro de Urbanismo, Brais Fidalgo, e puxo en valor as actuacións que se veñen desenvolvendo no concello como exemplo da aposta decidida do Goberno pola rehabilitación de vivenda e a rexeneración urbana. O subdelegado tamén aproveitou o encontro para informar sobre os programas de axuda do Ministerio de Transportes e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e destinados á rehabilitación de edificios públicos e contornas urbanas.

Emilio González sinalou que entre 2021 e 2022 o Goberno de España impulsará a transformación dos barrios das cidades e vilas de Galicia con 230 millóns de euros do Plan de Recuperación. “Destes novos programas poderán beneficiarse os particulares e as entidades locais, de xeito que suporán un impulso histórico ás políticas de vivenda e mellora urbana”, subliñou.

AVANTAR ACTIVIDADES

O subdelegado explicou que o compoñente dedicado á rexeneración urbana no Plan de Recuperación contempla seis programas, dos que catro son xestionados polo Ministerio de Transportes e os dous restantes polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Os fondos permitirán financiar convocatorias de axudas para a rehabilitación de barrios e edificios, actuacións de mellora de eficiencia enerxética, redacción de proxectos ou programas de apoio ás oficinas de rehabilitación.

A execución destes programas é un exemplo do modelo de cogobernanza do Goberno coas comunidades autónomas e as entidades locais, ás que o Executivo central transfire fondos para que materialicen as intervencións directamente ou ben realicen convocatorias de axudas, en función de cada un dos programas.

O subdelegado destacou que o Plan de Recuperación representa “unha extraordinaria oportunidade que sería unha irresponsabilidade desaproveitar. Toca xestionar de verdade estes fondos para que cheguen aos fogares e se executen na súa totalidade”, insistiu.

304.000 EUROS PARA REHABILITACIÓNS EN RIBADAVIA E SAN CRISTOVO

Durante a visita, o subdelegado sinalou que o concello de Ribadavia e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no marco do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, asinaron o pasado mes de decembro dous convenios para a rehabilitación e renovación urbana do casco histórico de Ribadavia e do casco antigo de San Cristovo.

Son en total 304.533,43 euros que facilitarán a rehabilitación de 13 vivendas. Deses fondos, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aportará 209.650 euros, a Xunta de Galicia 54.174 e o concello de Ribadavia 40.709,43 euros.

Na área de Rexeneración e Renovación Urbana do casco histórico de Ribadavia as axudas suman 207.914,15 euros para a rehabilitación de oito vivendas. Os fondos do Goberno ascenden a 133.650 euros, a aportación do Concello é de 39.729,15 euros e o investimento da Xunta é de 34.535 euros.

No caso da área de Rexeneración e Renovación Urbana do casco antigo de San Cristovo a dotación das axudas ascende a 96.619,28 euros para a rehabilitación de cinco vivendas. Deses fondos, 76.000 son aportados polo Goberno, 19.639 pola Xunta e 980,28 polo Concello.

Emilio González destacou que “Ribadavia é un bo exemplo do aproveitamento dos fondos para a rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana, cos que xa se rehabilitaron preto de 260 vivendas neste concello” e animou á alcaldesa e ao goberno local a “seguir traballando nesta liña para sacarlle o máximo partido a convocatorias próximas e avanzar na recuperación urbana da vila”.