O Bng mostra a súa indignación coa falta de atención da Xunta cara o IES O Ribeiro

Maite Rodríguez expresa na xunta de portavoces celebrada hoxe a súa preocupación pola situación sanitaria en Ribadavia.

Este mediodía celebrouse xunta de portavoces no concello de Ribadavia, na que tomou parte como representante do BNG Maite Rodríguez.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Preocúpanos a situación sanitaria de Ribadavia, especialmente que o IES O Ribeiro sexa un dos catro centros con máis positivos por Covid de todo o ensino galego.

As responsabilidades da consellería de Educación son evidentes:

Non pode ser que haxa grupos de bacharelato con 33 alumnos, con clases no salón de actos, nas que o alumnado ten que permanecer toda a xornada lectiva nunha cadeira con pala de escritura.

Non pode ser que se pechara o colexio da Alameda de Ribadavia cando neste curso se necesitan máis espazos educativos que nunca para manter as distancias interpersoais.

Demandamos información sobre cales foron as actuacións do concello en materia de prevención nas últimas semanas, e propomos que se lle ofreza aos centros educativos persoal municipal de axuda nas tarefas de prevención a realizar nas entradas e saídas dos centros escolares: mantemento das distancias de seguridade, toma de temperatura e desinfección de mans, suministro de material de prevención coma máscaras e xel ao alumnado que non estea correctamente provisto”.

Ademais insistimos en saber se por parte do goberno municipal existe vontade de cumprir o acordo unánime do último pleno recollido nunha moción do BNG para levar a cabo unha serie de accións para a protección social e a reactivación económica de Ribadavia, entre as cales se incluían medidas de apoio ao alumnado para material de prevención da Covid.

Xuntanza de alcaldes do Ribeiro co conselleiro de Sanidade.

Na xunta de portavoces o alcalde de Ribadavia anunciou que no día de hoxe habería unha videoconferencia entre alcaldes da comarca e o conselleiro de Sanidade. Esta xuntanza chega tarde. O alcalde de Ribadavia foi cómplice da opacidade na comunicación de datos públicos que Sanidade practica e que mesmo foi denunciado polo colexio de xornalistas de Galiza.

Por parte do goberno municipal permaneceuse impasible cando as novidades se coñecían en Ribadavia a través da prensa e non a través do SERGAS.

Se se celebraran máis xuntas de portavoces, se se fora informando permanentemente á cidadanía da situación real de afectación en Ribadavia poderíase ter tomado, con maior antelación, conciencia da situación comprometida na que nos atopamos.