Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Unha década despois de dar ao prelo a triloxía do Avieiro, dona Emilia publicaba en La ilustración artística un fermoso artigo baixo o rótulo de “Vendimias”, no que procuraba, no fondo dos espellos, aquelas sensacións de cando as avespas se encarnizaban cos acios anunciando o comezo do balbordo en Las Vides, o seu “locus” literario, que non era outro que o seu espazo vital entre o final do verán e o outono de recolleitas, a casa de Banga.

Bodega ribeirá

Ben afastada estaba dona Emilia de ter un recordo dos seus días de vendima como unha vulgar espreitadora de suores alleas, como nos contaba o finado Paquiño de telégrafos, en tarde luminosa, abeirados na enferruxada varanda do miradoiro do Ribeiro.

Enceta a Bazán os seus recordos polas “súas” Mariñas, das que só a “título de refresco” se podería recomendar o seu viño, que é así “piquette o chacolí”; chirlán, dirían no Ribeiro; requilante, na parte da montaña do Carballiño. Infórmanos a condesa de que aquel zume avinagrado facíase con uvas chamadas “feras”, pero non tanto pola caste, nin polo clima ou a falta de sol para madurar, senón polo mal facer no coidado das viñas, na escolla da uva, no lagarada e no envasado. De corrixírense estas eivas, dinos a escritora, poderíanse obter uns viños similares ás castes inferiores do celebrado Rhin “que en España consumimos como superiores”.

Un bocoi coroado por un culeiro

Mais alí, entre mariñaos, “no hay vendimia propiamente dicha”, pois esta “con su incomparable animación, sus cantares, sus risas, su embriaguez, su regocijo eternamente pagano, pertenece a los dos Riberos, el Ribero de Avia y el Ribero de Miño”, a esa terra “semi italiana”, de socalcos que recollen a cepa, entre barrancas como aquela na que esvarou a Nieves de El cisne, e este dubidou entre deixarse caer abrazado a ela, en traxicómica fantasía romántica, ou seguir polo estreito carreiro da vulgaridade, como así fixo.

Os traballos, dinos dona Emilia, eran moitos naqueles días atafegados. Había que distribuírlles o labor a vindimotas e carrexós, que viñan da montaña[1] a alugarse e organizar a recolleita para que o resultado fose harmónico e proveitoso. A vendima, dinos, aseméllase a unha gran batalla na que se esixe que o soldado desbalde toda a súa enerxía nun dispendio de músculos, pero ao que hai que ter ben provisto para que repare as forzas. Para que a xente estivese disposta e animada era preciso que atopasen no seu punto, e a punto, unha ancha cunca chea de viño para beber “a discreción”. Era tan así que, segundo Xaquín Lourenzo, os que tiñan pouca colleita e estaban xa sen viño ao chegar a vendima, facían unha escolla das uvas máis maduras para vendimalas e ter viño novo cando chegase o apuro do traballo[2]. Mentres a vendima duraba, ningún colleiteiro lle puña couto, segundo dona Emilia, “ni a la golosina de las mozas que pican el racimo, ni a la sed de los gañanes”.

Mentres as vindimotas manexaban a coitela rebandando cangallos e guindando os acios nos gueipos, a cativada apañaba nos bagos soltos e achegaba os cestos ata o culeiro ata acugulalo para que os carrexóns, ben axeitado o mulido, botasen ao lombo os cen quilos, e tira para arriba coas costas enchoupadas polo zume gorentoso, desexando a a unha pousa no camiño da bodega ou da tinalla encastada no carro de vacas que os carreteiros afalaban coa mestría dos da montaña. E así unha vez tras outra e un día tras outro. Dende hai anos acompáñame un mulido que sempre interpretei como símbolo de escravitude ou cando menos de traballo esgotador e de escasa rendibilidade.

O meu mulido

Na bodega, os pisóns facían o seu labor entre rexoubas. Dona Emilia resístese a describir a escena en detalle pois coñecía “damas” que por tela presenciado non volveron probar o viño sen deterse en considerar que a fermentación é un dos milagres da natureza que permite eliminar o sucio e o impuro.

Pisona

Chegada a noite, na vez de entregarse ao sono congréganse, vindimotas e carrexóns, na porta da bodega ou no patio da casona e repenica a pandeireta, resoan as cunchas e bátense as “postizas” mentres se puntean ribeirás e segundo insinúan os mal pensados “al retorno de la labor, todavía se rinden mas sacrificios a Eros que a Baco”.

Vindimotas

Aínda que non acostuman incluírse nas listaxes de fondas e banquetes os “crus” galegos, di dona Emilia, son “amabilísimos” e pódense consumir na vez “de los famosos y caros Sauternes y Chably (sic)”. Non sabe se é por paixón polo que gaba o viño ribeirán, pero do que non ten dúbida é de que a comarca de onde sae poderá ter similares, pero nunca superiores en beleza.

Relata tamén a condesa como o “arriero comprador”, en termos máis aquelados o “corredor” ou o “marchante”, probaba o calidade do viño, e desmentía calquera sospeitosa palidez, estendéndoo sobre a branca manga da camisa. Dende o fondo do meu espello lembro o ritual anual de acompañar a meu pai a encher o seu pipotiño de viño, en Moldes, na bodega dun vello compañeiro de “servicio”. Tras os saúdos pertinentes e as preguntas adecuadas sobre saúde e familia, entrábase na escura sancta sanctorum. O señor Miguel, sen apuro algún, pillaba unha cunca de louza branca, de pedra dicíaselle, abría a billa, enchíaa por menos da metade, facía bailar o viño como unha buxaina, acercáballo a meu pai e preguntáballe, que, dá a cara ou non dá a cara?


[1] No Ribeiro, “da montaña” son as xentes de lugares próximos nos que non hai cepas.

[2] Lorenzo, X. [1962] (1979): “Etnografía: cultura material” en Otero Pedrayo (dirixida por): Historia de Galiza. Tomo 2. Madrid, Akal.

———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro