Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Publicidade

Hai uns días ollando unha coñecida serie televisiva sobre a familia real británica, souben que o anel que porta, no maimiño, o príncipe de Gales ten gravado un cisne. De súpeto, abrollaron no meu maxín Segundo García, o cisne de Vilamorta, e as primeiras páxinas do romance pardobazaniano.

O que andando o relato coñeceremos como protagonista, achegábase á vila pola estrada de Ribadavia, entre lusco e fusco, bandeando unha recia bengala, deixando ás costas un mesto souto, á esquerda un piñeiral, á  dereita unha igrexa achaparrada de “mísero campanario”, e mirando de fronte as “primeiras casuchas” da “villita”. De socato, detense, revírase cara ao  atrio, olla as súas altas tapias, bota uns pasos a ceacú, ergue os brazos e pon as mans coma un funil para escoitar o reverberar da súa propia voz. Esta rebotou “honda e inarticulada, misteriosamente sonora y grave (…) dilatando la última silaba”.

Recorre a autora á mitoloxía para darnos nuns trazos a esencia do protagonista. De cisne disfrazábase Zeus para fascinar, ou mellor enganar, os obxectos do seu desexo; así engaiolou a Leda, e dese amor traizoeiro naceu Helena, a de Troia. Da boca de Eco, aquela ninfa da montaña, saían as verbas máis fermosas xamais nomeadas; ata as máis ordinarias soaban pracenteiras ao ela dicilas.

Zeus non tardou en tirarlle do xenio a Hera cos seus coqueteos, e a  pobre ninfa, como lle acontece sempre ao máis feble, recibiu o castigo da deusa. Furtoulle a voz e obrigouna a repetir a última palabra que dixera a persoa coa que falaba; impedíndolle así encetar calquera conversa. Non lle quedou outra que apartarse do mundo humano. Tamén Segundo, non porque o castigue a implacábel man divina, senón pola súa mísera soberbia de Narciso, pretende afastarse das xentes da “villita” ás que despreza. O imitador de Becquer pregúntalle ás altas tapias: “¿Quien soy yo?”; estas retrúcanlle: “Soy yoooo!”.

A ninfa do bosque está unida ao relato moralista do castigo divino ao orgulloso e insensíbel Narciso, desprezador dos seus pretendentes e, por extensión a toda a mocidade fatua. Eco retirada á natureza namorouse do fermoso cazador e ía tras del a todas partes; como non lle podía falar procurou a axuda dos animais do bosque para que a axudasen. Cando Narciso o soubo, estrangallouse coa risa. Eco, deprimida, agochouse nunha cova ata que a súa voz se apagou.

Atendendo peticións duns ou doutros, Némese, a deusa da xustiza equilibrada e da solidariedade, a que castigaba os soberbios, maldiciu a Narciso para que este se namorase da súa propia imaxe reflectida na auga, incapaz de afastarse da súa propia imaxe ata que rematou afogándose no río, ou na lagoa, segundo as versións, na que se proxectaba o seu propio corpo.

O recurso de dona Emilia á mitoloxía é descritivo. Sérvelle de rexouba retranqueira para presentarnos a Segundo. Mentres este se entretiña nos seu diálogo coa “ninfa domiciliada no muro” que reverberaba a palabra final das estrofas becquerianas, aínda que pola precipitación do Cisne devolvíaas remexidas e inintelixíbeis, achegábanse polo camiño tres “grotescos” personaxes con enormes sombreiros de feltro e aba ancha. Un turraba dunha mula cargada con “redondo cuero (…) sin duda de zumo de vid”.

Como os tres andaban  amodo e o camiño era xabrento, Segundo non se decatou ata que os tivo enriba e comezaron a bisbar preguntándose que facía aquel home falando só contra a parede de Santa Margarita, ao mellor unha nostalxia marinedina de dona Emilia.

Pois nós non somos menos, coidaron, e entre as “oscuras golondrinas” comezaron a replicarse, estragando a harmonía poética, as palabras brutáns que os bastos arrieiros guindaban contra as altas tapias eclesiásticas: “Viva o viño do Borde!” (Ribeiro en termos de dona Emilia), “Viva o viño que dá peito ao home!”. A ninfa non se opuxo a tal profanación e repetía as bocaladas redondas con tanta fidelidade como as estrofas poéticas.

Segundo, enrabiado, ao decatarse de que aqueles salvaxes se moqueaban do seu sentimental entretemento, con ganas de partirlle a bengala nas costas, rosmou uns cantos improperios e, a paso vivo, dirixiuse cara ás primeiras “casuchas” da vila.


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara