Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Publicidade

Sabemos ben que o Carballiño é Vilamorta. Recoñecémolo nas rúas e nos edificios, nos costumes, nas festas, nos fogos do setembro ou no relato das feiras; nos relanzos amainados ou nas fervenzas axitadas do Avieiro, nos soutos e piñeirais e mais nos auguistas, como aquel “embozado, a pesar del calor, en amplio montecristo, y con enorme paraguas abierto aunque no amenazaba lluvia”.

Mais non é só na descrición paisaxística ou costumista onde o podemos identificar. É evidente que non é posíbel nas personaxes literarias (Segundo, Leocadia ou Nieves), mais estou seguro de que de vivir na altura poderiamos recoñecer trazos do farmacéutico Agonde, do médico don Fermín “Tropiezo”, do pai de Segundo, dalgún dos irmáns Genday ou doutros menos relevantes no relato, entre os veciños da “villita”.

Coido que dona Emilia quixo deixarnos ademais outras súas lembranzas do Carballiño ao nomear dúas protagonistas secundarias. Ambas mulleres maiores, coidadoras de casa e protectoras dos seus, xeniúdas e traballadoras, enérxicas e mandonas.

Unha é clara: Flores.

Baixada na fonte de Flores Foto J L Diz

A denominación do barrio máis popular e pobre da vila serviulle para nomear a vella criada de Leocadia “que gozaba en la casa de fueros de abuela” e procuraba termar da economía familiar que Leocadia malgastaba no seu poeta, facéndolle amargas as horas matutinas en que “con la cara larga y difícil, contraída e iracunda, con el pañuelo de algodón torcido, arrugado y caído sobre los ojos, venía a notificarle” que non quedaban ovos, que non había azucre… É aquela vella criada a que lle reza a Minguitos para que se durma, a que o arrola, a que se opón ao abandono na tenda de tecidos ourensá, a que o vai visitar cada domingo…

O barrio de Flores a metade do século pasado. Tomado de M. A. Fernández (1992)

Era, na cima do barrio, onde estaba a casiña de Leocadia. Segundo, para evitar os que estaban a tomar o fresco nos bancos da fonte pública, a do concello, “se escabulló por un callejón lateral y, cruzando retirada plazoletilla, que sombreaba un álamo gigantesco, se dirigió hacia una casita medio oculta por el árbol”.

Aquel barrio, cincuenta anos despois de imprimirse a novela máis carballiñesa da Pardo Bazán, “ofrecía un aspecto deplorable”, polo que os veciños “hace poco vienen reconstruyendo sus casas donde hubo siempre toda falta de higiene” contribuíndo tanto a “hermosear el más conocido barrio del pueblo” como a complementar “las obras allí efectuadas en fecha reciente por el actual municipio”[1]. O asunto non debeu mellorar moito pois ao ano seguinte o alcalde, Tomás López Pinal, desprazouse a Madrid para solicitar dos “altos poderes” varias melloras. Entre outras salientaba a apertura dunha “vía paralela a la calle principal, partiendo de la calle o carretera de Ribadavia y enlazando con la de Orense, siguiendo el camino antiguo, esta vía sería de muy poco coste y sanearía y urbanizaría el barrio de Flores”; estas melloras daríanlle á vila, di o redactor, “visos de ciudad”[2]. O Carballiño medrou por outras bandas e o barrio conservouse para ben e para mal, e máis mal que ben.

Fonte de flores na actualidade

“Misiá Gaspara” gobernaba a casa dos García. Tía do poeta “era el alma de aquella casa”. Sempre o fora, mesmo cando vivía a depresiva nai de Segundo. No relato, Gaspara, coida do irmán, o viúvo avogado, e sacou adiante os cinco fillos deste; as dúas máis cativas corrican pola vila descalzas. Agarrada e avara, controla a economía familiar. Cando Leocadia vai onda o avogado García a pedirlle unha hipoteca sobre dúas viñiñas que lle quedaban, o pai de Segundo  pídelle os cartos a súa irmá que con mala cara lle trae “cuatro objetos”, envolvidos en po e arañeiras, que ao guindalos sobre a mesa emitiron o son especial das moedas: “una hucha de barro, un calcetín, una bota o gato[3] y un saquete de lienzo”.

Pero, por riba de todo, tía Gaspara destacaba por criar a mellor porca de Vilamorta. Aquel “soberano marranil”, aquel “magnifico bestión” que “ha estado a punto de ahogarse con su propia gordura: sus glándulas mamarias tocan con las pezuñas y besan el barro de la calle”. A presenza dos marráns, fosen de rabo enroscado, orella curta ou longa e fociño máis ou menos afiado, era frecuente nas rúas de Vilamorta; tanto como para encabuxar aínda máis a Segundo, “o cisne”, que xa viña enrabiado porque os arrieiros fixeran mofa del cando dous animalazos saíron pola cancela entreaberta dun curral e foron enlearse entre os pés do “lector de Becquer” cando este se dirixía a acollerse no refuxio de Leocadia.

Un aínda lembra aqueles días cando a friaxe se metía nos ósos e a lúa estaba en crecente e o chíos ferintes da porca de tía Gaspara ou de calquera outra anunciaba un día de tarefas aceleradas, pero tamén de ledicia, polo traballo feito e a abundancia presentida.

Onda nós viña o sr. Antonio de Veiga, un engurrado matachín coa cabicha enxertada no beizo inferior do lado esquerdo, a pucha calada ata os ollos e o silencio como expresión. Non fallaba; o porco calaba deseguido. A min tocábame bater sen acougo e con enerxía o liquido vital que se deitaba pola ferida aberta; para os oriúndos do Lérez, aquel aproveitar o sangue era costume brután que tardamos en saber apreciar nas filloas. Logo, todo eran  présas. O sr. Antonio, retirado nun recanto, ollaba en silencio para o animal, non se sabe se por pena ou por estar a calcular os cortes precisos para o despezamento do bicho; mentres, os demais espelíanse na chamuscada de fentos e pallas. Viñan despois as lavativas con auga case a ferver das calosas mans do matachín, lentas, como se houbese todo o tempo do mundo, por todos os recantos. Sen secalas, dirixíase ao porco colgado da trabe; na primeira e suave talladura descubría o grosor do lardo entre miradas expectantes. Rematado o seu choio, o Sr. Antonio guindaba ao colete unha copa de augardente , manducaba dous figos pasos, remataba con outra copa de branca, recollía os coitelos envolvidos en papel de periódicos e erguía as cellas a xeito de despedida.

Durante días a casa cheiraba a sangue, tripas, carne fresca, sal,  pemento, zorza e alegría de fartura, como na casa de tía Gaspara.

Non se comía mal na casa Gazpara. Agora tampouco.


[1] El heraldo gallego. Órgano de las colectividades gallegas en el Plata, 18/9/1927

[2] El pueblo gallego, 20/10/1928

[3] Tipo de bota para montar que sobe por riba do xeonllo.


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”