Por Felipe-Senén
Servidor é de Flores, pra entendernos mellor: dese humilde barrio da parte de atrás do Carballiño. A que está baixo esa liña á que lle da traseiro a Casa Consistorial e que deixa de banda a vella Igrexa Parroquial. Barrio que, costa abaixo, se estende ata os lameiros do Regueiro. O embigo do meu mundo é a Eira, o espazo máis amplo que ten a barriada de Flores, conxunto de casas e cortes que foron máis enxebres, máis de tradición arquitectónica galega do que hoxe son; as que agora mostran as lacras da aculturación, o que agora chamamos feismo. Labirinto aquel de humildes construcións, entre currais, resíos, abeirando rúas que baixan cara Señorín .

Eira de flores é un couto aberto no barrio que ofrece dúas partes: unha na parte baixa que é a propia eira, empedrada, co seu humilde cabaceiro de pedra e madeira, a carón da á casa dos Barrosa, os do Huesito…Aquela si que era unha casa labrega potente, esquinando co camiño e na súa banda dereita con amplo combarrizo pro carro, con adega e lagar, as pedras aínda andan soltas por alí…e detrás unha competente horta. Casa que alegraba unha neniña , algo maior ca min, María Rita e que morreu no mes dos defuntos do ano 1954, aos once anos. Aquelo foi coma lostrego sobre o barrio, os nenos soubemos o que era un anxeliño de cera, vestido de branco adornado de flores dentro cadaleito purpurinado. Cada vez que vou a Señorín, ao entrar, bate a miña ollada e o sentimento no seu panteón e na súa foto. A familia marchou pra Vigo. Nada queda daquela do que foi aquela casa, máis que, acometendo o pasado, un edificio novo . Á esquerda da dos Barrosa aínda está a pequena casa de cal e pedra que sigue a ser dos do Hotel Rosa, amigos dos cabalos e das tradicións, daquela habitaba a familia do Pagaza, un solicitado matachín de porcos, dos de pana, boina, afiado coitelo en man e faciana topografada por infindos cavilares. A carón e honra da memoria labrega do Carballiño sigue estando o cabaceiro , tal cal, como fumegando o forno de leña da Portuguesa. Lembranzas con arrecendo a pan quente, casa xenerosa con solaina e porta aberta á eira, sempre entre barrotes pra acender o forno. Alí oficiaba a señora Jesusa “a Portuguesa”, unha daquelas varias viúvas de mortos e de vivos, que habitaban o barrio. Matriarcas, nais coraxe diriamos hoxe, aquela de tres fillos, a Rita , a Aurita e o Eduardo Alves, coñecido acordeonista, capaz de animar unha festa il soio…Os netos maiores da señora Jesusa eran do meu tempo e amigos, o Susito e o Pepito….cos que xogabamos mesmo no forno a enfariñarnos, amasar e facer cornuchos, rosquillas e bolas de pan . Nada sei dos que sobreviven daquela querida casa. Iso alégrame vela anovada, tal cal, coa súa cheminea a seguir a fumegar como concorrido forno tradicional. Despois pasou ás mans do bo facer da Consuelo e do Luis, pra logo seguir, a neta do Bóveda, a que o leva hoxe e con esplendor, María Pellicer e alégrame confirmar que as tradicións non traizoan, que na mañá fórmanse colas pra coller o pan que, a casa está rehabilitada e revitalizada.

O forno, cara arriba, limita coa casa dos Carballido, do Abel, reputado madeireiro e da Susa, cos seus fillos, a Julita, a Rosa Maria, o Abel, o Pepito e a Chus e aquela avoa, a Mama Julia, outra das viúvas eternamente de negro e con pano á cabeza ….O Abel, meu amigo, quería ser condutor de camións…e a iso xogabamos entre o chan de xabre, tirando cun cordel de latas de sardiñas valeiras. Xabre sobre o que gozabamos esgarabellando cun garabullo, argallando pozos, castelos, pontes, xardíns….
Abaixo ,á beira do camiño co que linda a Eira, vivía a familia do Bernardo do Malaví, ca súa muller Mercedes e a súa filla Merceditas, o concorrido barbeiro da Praza Maior. Mesmo alí tiña cuarto o Lanas que era o sancristán maior de don Evaristo, quen mellor repenicaba as campás da parroquia, quen máis sabía de incensos, de vodas, bautizos e defuncións… a casa dos Peta… e alí, onde desembocaba a canella , tras da casa dos Carballido, a taberna da Rispada, tan enxebre, auténtico ateneo popular, de chan de terra, alzadeiros, arrecendo a viño e carne asada, entre cantarías…e aquelas familias, os Libiera, o Ramiro, os Tatos …a casa do Peta….despois a dos Macarrillo, do Monada, os do Vicente, da Celsa, do Samuel, da Merecha, do Colón, os Morales e o Carramal… e tantos e tantas, cada un coa súa historia, retranca, leria e penas cargadas ás súas costas…Sagas por contar
Aquelas nais coraxe….viúvas de loito … e dona Alicia, “A Zamorana”
A outra parte desa eira empedrada era o espazo aberto, daquela ensombrecido no verán por dous grandes plátanos desafiando os nosos ritos de iniciación: un de fácil subida e que nos permitía xogar e imitar a Tarzán, o outro de tronco máis liso e alto con riscos pra gabealo. Espazos aos que lle póñoa escenario a antiga Casa da Orde, inmensa mansión afectada pola desamortización: repartida en tres partes, unha que aínda queda, tal cal, que é a casa doutra daquelas viúvas, a da Rosa do Reque, iso é a casa da miña avoa, da miña nai a Muñeca e da súa irmán a Minda, agora da miña irma Gracia e de servidor. Casa sobria, tan aparente como esencial, tanto por fora como por dentro. iso si cun xeneroso portalón de postigo que foi de carruaxes e que noutrora levaba ao conxunto da casa e que agora conducen ás lembranzas que contamos. Despois da desamortización aquela casa que fora dos frades de Oseira, serviu de casa parroquial, logo do médico e filántropo Cesáreo Tizón, e mesmo despois dos Dopeso, onde naceu o político, célebre na Coruña Pepe Dopeso, no mesmo cuarto onde décadas despois e téndoa mercado a miña aboa , nacería eu. Noutra das partes vivían os fillos do Andrés Rodriguez, o “Rebusco”, patriarca de sona entre os cocheiros, así ben o lembra Otero Pedrayo…viúvo, coidando aos rapaces a tía Caridad, o máis pequeno o Andrés, outro amigo de xogos, o que quería ser piloto de aviación pra ser, como é, boticario en Cospeito da Terra Cha. Naquela casa tamén vivín os das Cartas, a Blanquita, o Quique…que logo emigraron a Venezuela, retornaron á Coruña … outros fóronse á Tenerife. No baixo desta casa estivo unha temporada o zapateiro Pallas, a carón da Igrexa , onde na feira montaban os telderetes os zoqueiros…as pulpeiras achegadas ás tabernas do Chupete, o Rioboo, o Lentille…. A parte de atrás desta segunda parte que daba á Eira, estaba alugado á modista Luisa Rey, natural de Lérez que casou Luis Reinoso pais da, Yuly, nena moi coidada e guapa, hoxe médica, que desexo siga a vivila pra contala, coma min. Escola aquela de costura pola que pasaron moitas mozas aprendices. Tamén había un cuarto alugado temporalmente a aquela xenerosa froiteira e rosquilleira ambulante que era a Carmiña, a Mazasa, a que nos daba as farturas caducadas.
A terceira e máis solemne parte desta antiga Casa da Orde era a daquela habitada , alugada á Diócese, por doña Alicia, “A Zamorana”, viúva dun notario, de falar tremente e delicado, de formas exquisitas,, respectada e contrastando entre as viúvas enloitadas do barrio. Señora de criadas con cofia e mandil branco. Ela, nas horas do paseo mesmo de sombreiro e de parasol… A zamorana coidaba naquel húmido esencias doutro tempo, do romanticismo, da Belle Epoque, eu diría como da mesma Mary Poppins: tresillo, librería, chineiro de Sargadelos, entre poeirentas cortinas de veludo , armarios de traxes, levitas, togas, canottiere… roupas de rango que ela deixaba pros Entroidos, mesmo, sen reparos. Casona cunha inmensa lareira con, forno cambota e cheminea… máis sen baño, como as demais. Doña Alicia bordaba moi ben, tocaba o piano, especialista en facer obras de arte da repostería zamorana, entre elas as cañas, das que tamén deixou receita.
Baixos daquela casa que na metade do século XIX, serviron de casino, onde nos cincuenta ensaiaba a tuna, onde temporalmente alugaban cuarto a xente de paso, e nos sesenta, xa no seu abandono, recollín algúns libros que falan de ilustres pasados: A exposición universal de Paris , os seis tomos das “Memorias de Ultratumba” de Chateubriand…

Casa que esquinaba cuns chanzos que baixaban á Eira, lindeiros coa casa que o Pepe do Reque fixo para a súa malograda filla Merceditas, que casou cun madrileño, Gustavo Cucala e morreu moza, deixando dous nenos, meus curmáns, o Pepito e o Carlos… e cuartos de alugar a xente de paso… máis abaixo a casa das Auriñas, coa señora Concha e as súas fillas: a Lucia, a Conchita e a Teresa ….dedicadas a por clase aos parvuliños que fomos. E xa na Eira a horta e a casa das do Toco, onde nos sesenta construíu u ha nova o reloxeiro Apolinar pra vivir coa familia e as súas dúas fillas e o lembrado Alfonso. Horta de cotizados froiteiros, os que cada primavera lle poñían telón de fondo ao cruceiro, o que en maio de 1968 fora trasladado dende o fronte da igrexa.. por erro a cruz púxose o capitel ao revés: a Virxe sobre a morte e o Cristo sobre un anxo…
A carón do portalón da nosa casa, nuns almacéns dos Parrondo – que lindaban coa horta da fermosísima casa, feita naqueles anos polos Vázquez- Monxardín Blanco dos que don Alfonso fora importante figura entre os celebrados membros xeración Nós – vivía a familia Alberte: o Señor Manolo, coa súa muller a señora Celia, coas súa filla Pilarcita, o Manolo, o Antonio, o Luis e o Julito…este case do meu tempo. Imprescindibles naqueles anos, serviciais, milmañas, creadores dun aparato de radio familiar de non sei cantos decibelios que lle poñía banda sonora ao barrio, en especial cancións de Antonio Molina…. os irmáns maiores foran maquinista de cine no Pavillón Neira…Toño era pros nenos como un Capitáns Trueno, con batallón infantil e de Flores, propio, de espadas de madeira dos barrotes do forno, pra batallas no monte da Pena.
Era aquel o barrio dos alcumes, tan ocorrentes como desapiadados… os que preferimos deixar na trastenda, seguro sen esquecer. Era o barrio de tradicións, as que aínda perduran , ao menos nas lembranzas e noutros barrios quizais de París, de Caracas, de Panamá, México, Miami, Londres… de Vigo, da Coruña….E tanto por contar, cando aínda resoan os entrecortados cantares do Chiquilín … “Esperanza…por Dios solo sabes bailar…Cha, cha, cha…·
—————————————————————————————————
Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————
Outros artigos de Felipe Senén:
Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”
Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”
Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”
Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”
Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”
Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”
Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”
Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño
Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “
Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”
Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”
Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”
Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”
Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas
A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño
Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño
O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella
O Campo da feira do meu Carballiño
A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño
Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño
Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño
O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo
O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura
Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego
O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros
Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes
O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño
Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros
Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga
Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento
Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira
O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte
Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural
Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño
Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño
A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…
O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri
Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…
As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”
Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…
O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”
Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega
A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre
O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba
O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán
Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida
Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo
Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo
As tradicións do Entroido do Carballiño
A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas
A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño
O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai
Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño
Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño
O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor
A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura
Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura
A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza
Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte
A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño
Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea
A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo
Lembranzas de pintura mural no Carballiño
Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego
A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey
As augas e as fontes do Carballiño
Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño
Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño
O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño
E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…
Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros
A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño
Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño
O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados
O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega
Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes