Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Por Felipe-Senén

As terras de Maside algo teñen que aguilloan á  maxia, á lenda, a poesía … e deixando tanto atrás, dende Manuel Lois Vázquez, inseparable do tamén poeta Cesáreo Pinal López, activos literatos nos medios que tentaban o Modernismo….Vocación de contar que se prolonga e pasa por Paco Luis Bernárdez, pola súa irmá Aurora e mesmo hoxe polo poeta Cesáreo Sánchez Iglesias ou polo historiador Xosé Ricardo Rodríguez Pérez.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na vella curva da Fontela, a  que da entrada ou saída ao Carballiño, segundo se vaia ou se veña de Dacón, había e debe haber unha fonteliña de auga fresca, moi concorrida como pasaxeiro acougo nas tardiñas de maio, cando se subía cara á novena ou ás festas da Santa Rita de Dacón. Rego de auga que viña das minas e do pilón, preto da Pena de Queiras e mesmo da Fonte da Moa, canle que se dividía en arterias  e nutría os lameiros do Labrador. Augas que alimentaban o regueiro do Carrás dende o seu veciño nacemento no monte de Corzos. Fontenla que serviu a tanto a devotos, como a arrieiros, gandeiros ou a aqueles tratantes xamoneiros, de mandil de dril e cala que lle deron sona de “Porcopolis”,Chicago noso, como Otero Pedrayo  chamou a Dacón…. O que si sei e que aquel chorriño aínda canta en poemas e lembranzas, que está no limiar do  poemario do crego Faustino Rey Romero,  “Escolanía de Merlos”  ( edición 1970), prologo escrito precisamente por por Paco Luis Bernárdez e que entre outras cousas lembra: “Sinto (poño por caso) o máxico feitizo do ruiseñor que pola noite iba eu ouvir preto de Dacón. vila que na provincia de Ourense, ou mellor dito, nas outuras de Carballiño, foi testemuña do abrente da miña vocación poética. Gustaba eu entón de chegar deica un lugar chamado Fonteboa, tenderme na herba, á veira dunha fontenla que xunto á estrada marmuraba, e agardar. O milagre non tardaba en florecer. Entre as frondas veciñas nacía un son de frauta que pouco a pouco íase convertendo en canto triunfal. Do outro lado dunha valgada fronteira chegaba axiña a resposta. Outro reiseñor oculto nun monte que levaba o nome de Corzos, facía coa súa voz unha especie de contrapunto á música do primeiro, namentres eu ouvía e ouvía, transportado non sei a que rexións ultraterrestres e matinando xa o longo poema que moitos anos despois abriría o libro presidido polo paxaro sen par…” Libro visto no ano da súa  segunda edición no escaparate do Soto, mercado, lido e relido por min… E así como unhas lecturas levan a outras, e mesmo a viaxes,  escudriñei e souben quen era Faustino Rey  Soto ( Isorna 1921-1971 Bos Aires ), un crego exiliado,  e souben quen era Paco Luis Bernárdez  (1900-1978) un bonaerense descendente de masidaos do Lago e Amarante, con antepasado en Santián e toda a zona… e nesas souben tamén  quen era a súa media irmán, Aurora Bernárdez, escritora, tradutora, musa de Julio Cortazar  coa que casou. Familia moi relacionada con exiliados galegos: Seoane, Lorenzo Varela ou Francisco Porrúa…. Por esas influencias, Aurora cumpriu o seu desexo de ceder a Galicia o legado fotográfico e fílmico do xenial autor de “Rayuela”, do que fora herdeira.

F. L Bernadez, Cortazar e Aurora

Paco Luis, Aurora e Julio Cortazar  pasaron días do ano 1956 paseando por Amarante, o San Amaro, Anllo…e seguro que polo Carballiño. Hai fotos e anotacións do mesmo Cortazar desta estadía, confirmadas por conversas con Aurora Bernández polo ourensán e amigo Francisco Fernandez Naval , autor de  “Os galegos e Julio Cortazar” (2006) así como  de “O soño Galego de Julio Cortazar (2014) e nesas pescudas aínda sigue.

Entre os moi meritorios aportes do blog de “Estudios Históricos y Genealógicos” da autoría de Xosé Ricardo Rodríguez Pérez, os que no teñen desperdicio e abren moitas portas.  Martul Tobío, ecribiu. «Francisco Luis Bernárdez en Galicia: Las vicisitudes de la fidelidad». Cuadernos de Estudios Gallegos. Tomo XL – Fascículo 105 (Santiago de Compostela 1992. Asuntos que nos levan a concluír na forte relación que Paco Luis Bernárdez tivo coa tendencia literaria, tan céltica e galega, animista, panteísta, fantástica, do realismo máxico, patente nestas súas amizades, mesmo cun Borges ao que serviu de mecenas ou a un  Ernesto Sábato que  alentou, lanzou e premiou por “El uno y el universo” (1945),  no certame da Municipalidade de Bos Aires, acto que tivo lugar mesmo salón  no que moitas décadas despois, no 2016  o carballiñés Aurelio Miras Potugal foi nomeado  Ciudadano Ilustre de Buenos Aires, correspondendo cun discurso lembrando as orixes dos Bernárdez, os seus versos, a Fontenla e Corzos…

Fernandez Naval, libro sobre Cortazar- Galicia

O “realismo máxico” :se xeito de contar popular e culto, entre o divino e o humano

 Realismo máxico que agromaba no ambiente popular, en contos de lareira sobre vivos, defuntos, compañas e mouras… Pero tamén tendencia intelectual literaria, artística de mesturar o real co o irreal, a paisaxe coa paisanaxe, entre panteísmo e animismo, outorgándolle propiedades vivas a pedras, árbores, fontes, animais… ao que son moi propensos os panteístas célticos, quen ten alma de bardo ou druídas. Asuntos no debate de parladoiros intelectuais, teosóficos, como o pontevedrés dos Pintos Fonseca ou o ourensán de Angelita Varela, a Marquesa de Atalaya Bermeja, imbuído das teorías teosóficas e de ultratumba de Helena Petriva Blavatsky, e que ben aprendeu o ourensán Primitivo R. Sanjurjo, colaborador con Riso e Otero Pedrayo en “La Centuria” (Ourense 1917-1918), amigo de Borges, aquel autor dun bestiario similar ao que escribiría moito despois o escritor arxentino. Cousas do divino e do humano, do “espírito”  ás que tampouco era alleo o movemento modernista e nacionalista irlandés encabezado por B. W Yeats, minorías de “inadaptados”. Asuntos identitarios que centraban os concorridos parladoiros de Teixeira de Pascoaes no seu pazo de Gatâo, nesoutro Amarante portugués, o do Tamega e o do Santo Gonzalo… Paco Luis Bernárdez de regreso a Bos Aires levou con el as modas literarias de vangarda, como o Ultraísmo e mesmo formou parte do grupo Martín Fierro. A presencia de Paco Luis Bernárdez faise patente nas revistas vangardista de letras e artes da Arxentina Modernista, como  Proa.  Sendo firma de sona, xunto ás mellores, no xornal “La Nación”.

Como moitos outros autores do modernismo, Paco Luis Bernárdez  ofrece nos seus versos unha visión católica,  mística entre o labirinto da busca  da perfección, da beleza pra ser un gran sonetista. Poeta con raiceiras na orixe.

Sempre esperanzado na Terra no 1916 Paco Luis Bernárdez retorna a Dacón co ánimo de que mellore a súa nai…a que morre. Volveu do 1919 ao 23 co seu pai e a súa segunda muller buscando saúde en balnearios pra súa irmán Adelaida, recoñecida pianista, morre en Cercedilla no 1924.  …En cartas ao seu amigo o saudosista Teixeira de Pascoaes  de 10 de outubro do 1923, dille que está pasando uns días en Alfoz, na costa cantábrica, quizais por recomendación desoutro seu  influínte amigo Manuel Fernández, natural de Boiro, casado cunha natural da Mariña lucense…Fernandez Mato era amigo de Castelao e ao cabo do tempo parente do chairego Manuel María, o que gustaba de contar anécdotas dos días de verán pasados na casa de Cespón deste seu tío avó.  Neste ensarillar acontecementos , precisamente o poemario “Advento” (1954) de Manuel María foi premiado en Bos Aires, tendo a Paco Luis Bernárdez como xurado e editado polo Centro Galego daquela cidade.

Francisco Luis Bernárdez naceu en Bos Aires un 5 de outubro do 1900, baixo a estrela da celebración do santo galego San Froilán e o seu pasamento acontece un 24 de outubro do 1974, día do arcanxo San Rafael. Quizais nas galaxias do ceo se marquen os destinos das persoas. Fillo de Francisco Bernárdez González, natural de Amarante, terras de tantos emigrantes, mesmo dos canteiros Fernández Bermella, os que, chamando os uns polos outros,  ergueron cruceiros en Montevideo… e de nai Concepción Martínez Cerdeira, compostelán e mestra. Pais de cinco fillos, Aurora Bernárdez era medía irmá, a menor. Así pois sendo de familia acomodada, Paco Luis viaxa varias veces a Galiza, mesmo, entre 1920 e o 24  exerceu de periodista en Vigo, onde coñeceu moi de preto o acontecer literario galego e ibérico, as correntes teosóficas que en círculos de Pontevedra e Ourense impregnaban todo de simbolismo, orientalismo e realismo máxico.  Sábese da amizade que Bernárdez tivo con Noriega Varela, Cabanillas, Risco, Castelao, Dieste o Blanco Torres …

No 1937  sendo Paco Luis Bernárdez secretario da Biblioteca Municipal “Miguel Cané”, do distrito de Boedo, axuda a traballar alí a  Borges,  lugar que adquire sona internacional polas súas iniciativas literarias e parladoiros. Bernárdez pasará a ser Director General de Bibliotecas Públicas Municipales. Mesmo chegou a ser Ministro de Procedimientos Públicos, numerario da Academia Argentina de las Letras, dende 1955 a 1960 embaixador en París… Autor de numerosas obras poéticas, como OrtoBazar, Kirdergartem e Alcaldar (1934),  El buque, Cielo de Tierra; la Ciudad sin Laura. Premio Nacional Argentino por Poemas Elementales (1942), Poemas de Carne y hueso (1943), El Ruiseñor, Las estrellas, El Ángel de la Guarda (1948) Poemas Nacionales, La Flor, Poemas de cada díaLa copa de Agua (1963)

Os recoñecementos a Francisco Luis Bernárdez, aínda de xeito serodio, chegaron: sendo Alclade do Carballiño Argimiro Marnotes, bo coñecedor de canto significa a Argentina para as terras do Carballiño, entrando os anos setenta, dedicou unha rúa ao escritor. No 2010 o Concello de Maside distinguíuno, a título póstumo como Fillo Adoptivo.). Mesmo a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, coordinada polo poeta Luis Tosar publicaron o monográfico “Francisco Luis Bernárdez Poeta de fe, leal a Galicia” 2015. 

Pousasmos aquí  este ramillete de versos de F. L. Bernárdez ( “Poema de las Cuatro fechas”1937):

“…Nuestras pequeñas bicicletas iban por aquella carretera de España

Detrás quedaba Carballiño, con sus casas envueltas en la madrugada.

Dejando mi corazón mucho más a oscuras, el amanecer despuntaba.

¿Era posible que pudiera venir como todos los días la mañana?

El silencio de mis hermanos era el eco de la soledad de sus almas

Yo sentía sobre mis hombros algo parecido al peso de una montaña

El paisaje abría los ojos como si no se hubiera enterado de nada.

Nunca olvidare que en el monte de Corzos había un ruiseñor que cantaba.

Al llegar a Dacón oímos el nombre querido en la voz de la campana.

Mama y el mundo habían muerto para siempre y solo aquella voz los lloraba…”

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño