O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Por Felipe-Senén

Preferiríamos o uso do topónimo de San Cibrán das Las, como se denomina en textos do medievo. Documentos en gótico galego refírense a casais da parroquia de “San Cibrán das Las”.  Nun do ano 1424 faise mención en Salamonde ao Castro Caraonde (?).  ( “Colección Diplomática no mosteiro do Cister de Oseira” Romaní Martínez, Miguel, Portela, M. José, Rodríguez Suárez, M. Del Pilar, Vazquez Bertomeu, Mercedez 1993. Documentos 1286/ 1421).   Castro “das Las”,  como lle chamaron os clásicos da arqueoloxía galega, Florentino López Cuevillas, Xoaquín Lourenzo, Chamoso Lamas…

AVANTAR ACTIVIDADES
Castro das Las Foto Chamoso Lamas

Xacemento repartido entre os concellos do San Amaro e Punxín, inmediatos a Maside e ao Carballiño. Lugar coñecido na tradición popular como “A Cidade”, incluso como A “Cidade de Antioquía” , tal como temos recollido, en relación coa cristianización do lugar dos “mouros”, coa metrópole na que se conforma a cristiandade, hoxe en Turquía. Sitio de pasado, vinculado a tesouros, aparicións e desaparicións, así pois asociado ao San Cibrán ou Cibrao e máis que ao bispo de Cartago ao homónimo santo mago de Antioquía, ao que se atribúe o popular “Ciprianillo”, libro de grimorios. Ao cabo do tempo e como pasa cos santos Martiños, os santos Cibraos pasan a ter devocións confundidas. 

Nos anos oitenta retoman os estudos deste asentamento castrexo arqueólogos vencellados ao Museo de Ourense, optando por  mudar o seu topónimo polo de San Cibrao de Las, quizais por aproximalo a Lansbrica, Lambrica, Lambria… mencionada no sc. I por Mela e no sc. II por Ptolomeo, grupo xentilicio en territorio “quod celticum vocamus extenditur”. Asi pois civitas prerromana, oppida coa que se asocia, especialmente por unha polémica ara, de procedencia incerta e conservada no pazo das Eiras: dedicada a Bandua e que pola lectura do epígrafe parece asociarse a Lansbrica. Debate ao que se suma a insólita noticia recollida na Crónicas do tempo suevo, século V, polo bispo dos límicos Hidacio de Aquaeflavia (390-469) facendo referencia ao prodixioso caso contado por relixiosos, entre os acaecidos por aquel tempo na Gallaecia: de que “ a cinco millas de Lais, ribeiras do Miño, capturáronse catro peixes extraordinarios en aspecto e forma e aínda con números que reunidos formaban o ano de 365…. marcados con letras hebraicas e en grego onde do ceo caeron graos verdes de sabor amargo (?). Outros entende que o  xenitivo “das Lás” pode facer alusións ás laxas, láminas de pedra do castro aproveitadas para outras construcións…

Castro das Las Foto Felipe Senén

Aínda que cada castro é unha particularidade – dentro dunha cultura singularizada como “castrexa” e mesmo coa polémica de “céltica” – o Castro de San Cibrao das Las é hoxe o Centro de interpretación da Cultura Castrexa, inaugurado o 8 de marzo 2014. Un bo principio pra furar neste universo da protohistoria e da romanización. Ofrece con clara visibilidade que se construíu, que se “castrou” o monte dunha soia vez, coa ansia de “urbanizalo” e facelo habitable. Ofrece aspectos anteriores á romanización e a forte aculturación posterior: recinto  central con arruamentos radiais ao que miran as dependencias coutadas de cada un dos grupos familiares, “casa con patio”. Obsérvase o individualismo en medianeiras independentes respecto a outros grupos,  fogares, grellas, pisos empedrados ou de barro, sumando estruturas de almacéns, zonas auxiliares de traballo ou pequenas “factorías. Murallas coa trampa de fondo de saco,  uso de chanzos Non abonan probas dunha xerarquización da poboación pese á romanización. Aproximadamente 2 hectáreas, habitadas, entre os seculos II a.C ao III  por unhas 200 persoas,

Terras e parroquias do San Amaro, Salamonde, Maside… pintorescas paisaxes de bocarribeira sobre as que asoman singulares igrexas, renovadas se non feitas no Barroco, algunhas como a de Salamonde, co seu adro exterior, cuberto, rodeada de cabaceiros.. xunto ao baril cruceiro inmediato, merecedores de mellore atencións, como reclaman os decretos  BIC que os protexen legalmente. Por certo terras paseadas por Julio Cortazar e a súa musa Aurora Bernárdez, de Amarante,no 1956, tal como documentan fotografía feitas por el mesmo.

O Tegra, Elviña, San Cibrao das Las e máis recentemente Viladonga, dende os inicios da arqueoloxía científica centraron o interese das pescudas. Entre 1922 e 1925 Florentino López Cuevillas dirixe as primeiras escavacións, as que dan pe aos seus traballos sobre a Idade do Ferro no Noroeste e á cuestión “céltica”.  Inquedanzas das que da noticia a revista Nós (1922) así como os Boletíns da Real Academia Galega (1923-24/1925-26) . No 1948 e 49 retoma os estudos Xaquín Lorenzo co que colabora Chamoso Lamas, quen nos Cadernos de Estudos Galegos (1953) deixa ademais constancia do inmediato “Castro de San  Torcuato”  reparando nos recintos murados que o coutan e a ermida que cristianiza a cima.

Castro das Las Foto Chamoso Lamas

Noticias sobre o Castro das Las que amplía no tomo IX, 1959 dos mesmos C. E.G, así como no Noticiero Arqueológico Hispánico III-IV, 1953,54. Nas décadas dos anos sesenta e setenta o xacemento queda en abandono, tanto que construtoras aproveitan pra quitar pedra das murallas coas que empedrar rúas do Carballiño, entón  Ferro Couselo e Chamoso deteñen ese proceso.

Castro das Las Foto Chamoso Lamas

Na década dos oitenta o Museo de Ourense retoma os traballos con revisións e novas escavacións, Francisco Fariña Busto,  Bieito Perez Outeiriño , aproveitan para estes traballos programas do INEM, os concellos e dende entón a Xunta de Galicia involúcranse na cuestión,  sendo Lás,  como unha experimental escola de arqueoloxía: como resultado a interesante tese de Luis Francisco López Gónzalez, a súa colaboración con equipo en traballos sobre estruturas con Miguel Angel López Marcos (Cuadernos de Estudos Galegos 2004),  así como as pescudas  feitas polos mesmos en colaboración con Yolanda  Alvarez González, Almudena Orejas Saco sobre almacenamento de alimentos (Revista de Prehistoria y Arqueología 2020). Estudos dos que nunca deben separarse as pescudas e achados no territorio que correspondería a antiga Gallaecia, hoxe norte de Portugal, Asturias, Cantabria, León…. Ao respecto do San Trocado e da cristianización e rituais do lugar compre coñecer e valorar os traballos do arqueólogo Ladislao Castro

Civitas que controla ese cordón umbilical que é un Miño que artella os conventos xurídicos romanos: Lucus, Asturica, Bracara.

Interesa o xeoestratéxico emprazamento do castro sobre afloramentos de pedra que abre á bocarribeira do Miño e Barbantiño, controlando o curso do Miño: dende Ourense ate o coto de Novelle, o que hoxe son as bocarribeiras e os “Cinco Ribeiros”: o  do Miño, Arenteiro, Avia, Barbantiño e Arnoia; o val entre a Serra da Martiñá e mesmo o Faro, ao Norte; ao Sur o Coto de Novelle e os Montes de Bande, ao Oeste o Monte Medo e ao Oeste a Pena Corneira, o Suído e o Faro de Avión…. Veigas aproveitadas dende o Paleolítico, a xulgar polos restos de pedra tallada aparecidos, mesmo no castro.

Asentamento de amplas vistas: onduladas dos montes do seu redor onde se poden distinguir as siluetas dos castros de Santa Adega, Trelle, Castromao… Souteliño, San Facundo, Moldes Cameixa… Arqueoloxía da paisaxe complementada polo inmediato curuto do Monte do San Trocado que se entende como un recinto sagrado para os castrexos, cristianizado, que celebra romaría cada 15 de maio. Encontro festivo para a “bendición dos campos”, día de procesións que enxergaba dende a solaina de pedra da casa de Trasalba de Otero Pedrayo, como recolle Cuevillas en “Prosas Galegas”: monte arriba ringleiras de fregueses  con  bandeiras…

 Zoa mineira dende a antigüidade, a comprobar polos restos aparecidos en Ourantes, onde tamén na primeira metade do século XX se atopou o cotizado volframio. Interesante por moitos outros vestixios, denunciados polo topónimo, a topografía e as lendas, como o Castro de Amarante,  ou a peneda sacra das Quintas con curiosos rituais, o interesante complexo mineiro aurífero de Negrelle, Grovas e o  Puzo do Lago….non afastados das caldas de Partovia.

Acrópole  do castro na que próxima ao valado sobresae unha pedra natural , recortada coa mesma forma que a silueta do inmediato Monte do San Trocado e coa inscrición IOVI, posiblemente en relación co culto que se daba a tan emblemático curuto.

San Cibrán das Las é  un dos castros de maior superficie da Galiza de hoxe, con dous recintos amurallados, ovalados e  case concéntricos, en parte o exterior complementado cos seu foxo, o que ao escavalos na rocha mesmo serviron de canteira. Tres  portas coñecidas ata agora, ao sudeste, sur, oeste protexidas por potentes cubos a cada súa banda e co correspondente corpo de garda. A croa está coutada por unha muralla simple, aberta en portas polo nacente e o poñente. Entradas complementadas co seu sistema de corpo de garda, con banco de pedra pegado á parede. Murallas que poderían superar os tres metros de alto e que irían complementadas con estacadas, ás que se accede por un curioso sistema de chanzos, como aínda se usa en socalcos.  No interior irradia a urbanización de arruamentos aos que asoman os devanditos cuartos dos grupos familiares, casas, pallozas, moitas de planta circular outras cuadrangulares. Nunha destas casas, as escavacións de X. Lorenzo, deron coa labra dun característico trisquele… e no 2017 atopouse pintado sobre unha xamba de entrada este símbolo cosmogónico de carácter oriental.

Triquele das Las Foto Felipe Senén
xamba pintada de San Cibrao das Las Foto Felipe Senén

Interesante  no conxunto son as dúas fontes atopadas, próximas ás entradas, escavadas a xeito de mina, cos seus chanzos ao fondo do pozo…. quizais no seu día cubertas con falsa bóveda, igual que algunhas fontes tradicionais, proba do valor comunitario.

Próximo ao Castro está o igrexario de San Xoán de Ourantes cos seus vestixios románicos, no interior da igrexa o retablo das ánimas…e inmediato a nova e a vella casa parroquial do sc. XVI, a que coñecemos integra, alá polos setenta:  murada e con pequenas torres defensivas nas esquinas, centrada por portalón con escudo, abrindo a un patín con dous leóns a unha banda e outra dos primeiros chanzos… Conxunto que hoxe é un triste pardiñeiro, cuberto pola capa das edras. Pervive iso si, na campa inmediata,  un magnifico  e pesado cruceiro, erguido sobre fino e delicado varal, cruz que xa desapareceu pra volver aparecer e repoñerse… Sempre pensamos que este núcleo rehabilitado e complementado con novas intervencións podería ser o Centro de recepción do castro, con canto isto implica pra economía. Pro doutores ten a administración.

A máis da economía de subsistencia, doutras baseadas na madeira, no tear, quizais no liño. Asuntos domésticos do que da proba a rica cerámica decorada con motivos cordados de tipoloxía “céltica”…tamén cerámica importada, sobre todo entendemos que a finalidade de tan importante asentamento estaba en función da explotación mineira e da metalurxia, a xulgar pola abundancia de restos de fundición, escoiras, moldes de bronce e ferro aparecidos. Non dubidamos que este oppidum poido cumprir un imporante papel tanto na administración como no recrutamento de soldados para o imperio.

A madurez dunha arqueoloxía interdisciplinar, a revisión documental, como as novas topografías aéreas feitas por sistemas lider, etc, as novas técnicas ofrecerán novos datos respecto a tan singular asentamento.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño