Conecta Ourense detectará o potencial innovador nas Pemes ourensás para facelas crecer

Francisco Conde, vicepresidente segundo da Xunta e titular de Economía, Empresa e Innovación, acudiu á presentación desta iniciativa conxunta de CEO e Xunta

O proxecto xorde da colaboración da CEO coa Xunta e o propósito é difundir a cultura da innovación entre o tecido empresarial

AVANTAR ACTIVIDADES

A iniciativa axudará a empresas e autónomos a dar o salto á dixitalización, innovación e sustentabilidade

Converter á provincia nun polo dinámico en innovación, dixitalización empresarial, sustentabilidade e internacionalización. Este é o principal obxectivo de Conecta Ourense, un ambicioso proxecto que hoxe presentaban na CEO a titular desta entidade, Marisol Novoa, acompañada por Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación. A iniciativa é un proxecto colaborativo entre a confederación e a Xunta, a través da consellería de Conde e coa achega tamén do Igape e Gain, a Axencia Galega de Innovación.

En palabras de Marisol Novoa, Conecta Ourense xorde de ‘a necesidade de localizar e desenvolver o potencial das empresas ourensás en ámbitos como a innovación, dixitalización e internacionalización, para dotalas do coñecemento e as ferramentas apropiadas co fin de desenvolver este potencial e transformalo en competitividade, logrando así un tecido empresarial preparado para o século XXI e para todas as transformacións que vivimos, cada vez máis intensas e determinantes’.

A presidenta da CEO confiou en que este proxecto pioneiro obteña ‘uns resultados excelentes que confirmen a ampliación destas oficinas no tempo e tamén no espazo físico, para poder instalalas noutras comarcas ourensás’.
Conecta Ourense persegue que as empresas, sobre todo as situadas no rural, poidan concorrer a todas as axudas que a administración pon en marcha en materia de innovación, dixitalización e internacionalización de maneira que realicen o máximo aproveitamento e uso de todas as ferramentas dispoñibles, equiparándose a outras comarcas e zonas nas que este índice de utilización é superior. Neste sentido Conde apuntou que un dos obxectivos é ‘chegar aos

autónomos, pemes e micropemes que moitas veces necesitan deste recurso para coñecer e aproveitar as diferentes liñas de axuda e como poden incorporarse a esta aposta pola dixitalización, a innovación e a sustentabilidade, elementos craves nos que traballar nesta provincia para reforzar o tecido produtivo e que Ourense sómese á transformación dixital e sostible do noso modelo económico’.

Oficinas físicas no Barco e Verín

Para lograr estes obxectivos, CEO e Xunta estableceron oficinas físicas no Barco e Verín situadas nas asociacións empresariais da zona, Aeva e Aever. Co persoal técnico cualificado e o apoio do equipo da CEO, estes puntos de Conecta Ourense proporcionarán ás empresas os recursos humanos, formativos, divulgativos, de asesoría, soporte e acompañamento para que logren crecer en innovación, dixitalización e internacionalización, e lograr, como fin último, un tecido empresarial moderno, innovador, dixitalizado, internacional e sostible, que sirva ademais de exemplo e motor para o emprendemento de novas ideas de negocio.

Trátase dun servizo de proximidade no rural, unha conexión colaborativa entre os organismos participantes para localizar o potencial innovador ou exportador das empresas e axudalas a canalizalo da mellor maneira posible, mediante a detección e coñecemento non só dese potencial que teñen, senón tamén das ferramentas necesarias para consolidalo e transformalo en competitividade.

Metodoloxía de traballo

Estas oficinas e os seus técnicos, apoiados polos técnicos da CEO, realizarán visitas a empresas e entrevistas cos seus xerentes para elaborar diagnósticos e informes, de forma que se poidan concretar accións para facer emerxer ese potencial innovador das pemes e canalizalo para concorrer a axudas das administracións que lles proporcionen o impulso necesario para instalarse de cheo, e con todas as garantías, no escenario económico e empresarial actual.

Tras a planificación das visitas a empresas, as entrevistas cos seus directivos e a elaboración dos informes resultantes, os técnicos identificarán as necesidades das empresas para adecualas ao abanico das axudas existentes e acompañalas no proceso de tramitación para un mellor aproveitamento destes recursos. Con iso Conecta Ourense persegue a través destas oficinas e recursos que as empresas poidan acceder a unha transformación dixital e sostible necesaria hoxe en día para ser máis competitivas nun panorama económico e empresarial tan cambiante como o actual.

Igualmente, levarán a cabo xornadas de difusión e divulgación dos apoios que Igape e Gain poñen ao dispor do tecido empresarial para incrementar a súa competitividade; outras ferramentas serán os foros con temáticas innovadoras vinculadas á dixitalización e sustentabilidade como pancas de transformación para as pemes, e a participación neles de empresas, expertos, prescritores e outros
profesionais de interese determinados fundamentalmente nas visitas a empresarios realizadas.