Gabriel Alén destaca o labor dos Colexios Rurais Agrupados (CRAs)

Publicidade ASPADISI

O delegado territorial subliñou os investimentos da Xunta de preto de 163.000 euros nestes centros educativos de Ribadavia e Monterrei

Gabriel Alén puxo en valor estas escolas e o traballo que desenvolven a diario estes profesionais da ensinanza

HIPER MASIDE

O representante do Goberno galego aproveitou este encontro para amosar o seu recoñecemento aos profesores, educadores e persoal do eido educativo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, avaliou esta mañá coas directoras dos Colexios Rurais Agrupados (CRAs) de Ribadavia e Monterrei os recentes investimentos da Xunta de preto de 163.000 euros nestes centros educativos, despois de que ámbalas dúas docentes lle trasladaran, nunha primeira toma de contacto no mes de xuño, as necesidades das súas respectivas escolas.

O delegado territorial puxo en valor estas escolas e o traballo que desenvolven a diario estes profesionais da ensinanza, “a experiencia nunha contorna rural, con baixa ratio de alumnos e nun espazo natural, ofrece a oportunidade de coñecer a docentes cunha profunda vocación, altamente motivados e con gran capacidade de xestionar situacións complexas ante o cambio social”.

Gabriel Alén subliñou “a importancia do vencellamento entre os alumnos e mestre é mutuo, favorecendo a experimentación e a pedagoxía activa que permite a implantación dunha educación máis personalizada, e ao mesmo tempo máis enriquecedora, pois desenvólvense e interactúan, permanentemente mesturados, convivencia e aprendizaxe”.

O representante do Goberno galego aproveitou este encontro para amosar o seu recoñecemento aos profesores, educadores e persoal do eido educativo polo “polo voso labor activo e decidido a prol e a carón da educación e do entendemento en tempos de incertezas e desconcerto”.

Actuacións nos CRAs de Ribadavia e Monterrei

O delegado territorial relatou que no CRA de Ribadavia, dentro das obras de Reforma, ampliación e Mellora (RAM),a Consellería de Educación, Cultura e Universidade investiu 40.218 euros en diversas actuacións de mellora das instalacións, como o arranxo dos aseos da planta baixa e planta alta e a remodelación da entrada na aula da localidade de Francelos; a reforma total dos aseos, con retirada do alicatado e colocación de plaqueta de gres, novas divisións de taboleiro fenólico e novos aparatos sanitarios con mesado para lavabo de superficie na aula de San Cristovo; e o acondicionamento como clase da planta baixa, novas luminarias led e novos aseos na aula de San Paio.

En canto ao CRA de Monterrei, a Consellería de Educación, Cultura e Universidade investiu 122.648 euros na renovación do chan, carpinterías interiores e exteriores, a instalación eléctrica e as luminarias, a cociña e os baños do Colexio de Vilaza; a eliminación por completo da planta alta do centro e a reposición da cuberta ao seu estado orixinal, deixando un edificio dunha soa planta, así como o cambio da instalación eléctrica do Colexio de Vences; e a renovación total do centro de Pazos, onde se instalaron novos aseos, novo chan de tarima flotante na aula, novas luminarias led, nova instalación eléctrica e substituíron as fiestras por novas carpinterías exteriores con vidros dobre tipo climalit.