Por Felipe-Senén
Unha das xoias das que presume o Carballiño – icona fotográfica en variedade de imaxes, tarxetas postais, lugar de encontro nas tardiñas soleadas – é o seu Parque Municipal, o que denantes foi gran monte comunal da parroquia de Mesego. Amplo territorio divido en dúas partes paralelas e ao longo dos camiños e do río Arenteiro: a que está entre os vellos camiños do Carballiño a Mesego, atravesando o Souto das Táboas e a vella estrada da vila a Pontevedra; e o segundo tramo o que desta mesma estada linda coas ribeiras do Arenteiro, ate a mesma Pena dos Namorados. Do primeiro tramo fíxose solares cos que especulou o concello, dedicándoos a un xeito de urbanización, entón moi en moda nas urbes, tipo Cidade Xardín: aquí urbanización de chalets, con Casa Cuartel incluída ( que logo se reedificaría para Xulgados) sobre a que campará a “Residencia de Productores” dando cimo ao outeiro da Pilarica, lomba chamada así pola decimonónica ermida de esta advocación, posiblemente arquitectura de X. Antonio Queralt Rauret, a que, ao construír a Residencia , se trasladou unhas ducias de metros cara ao Sur. Aquel emporio hoteleiro inaugurado en setembro do 1961. Así é que, a partires da posguerra aquelas dúas estradas foron bordeadas de novas edificacións.. Pola contra a parte que linda co Arenteiro dedicouse a unha natureza cada vez máis controlada.

Monte de Mesego onde teñen aparecido restos arqueolóxicos da Prehistoria e da Antigüidade: machados paleolíticos nas ribeiras do Arenteiro, así como estruturas de cachoupas da Primeira Idade dos Metais, como tamén de época posterior, da Idade do Bronce (próximos á Residencia) como o gran núcleo, quizais santuario rupestre da Pena dos Namorados….ou grobas, pegadas de explotacións mineiras, estás máis próximas á entrada xeral ao Parque e cara ao Balneario… Asuntos dos que xa temos escrito e falado e que máis poden dar de si en futuras prospeccións.
A idea de Parque vaise maquinando dende o ano 1924, en tempos do alcalde José María del Prado e pola teimosía , o entusiasmo e sensibilización do secretario do Concello Vicente Novoa Requejo. Encargase o plan de urbanización de boa parte do Monte Comunal de Mesego ao arquitecto ourensán Manuel Conde Fidalgo , que proxecta, como recepción unha gran campa de entrada, rodeada dos entón máis exóticos eucaliptos. Espazo que logo será centrado polo Monumento aos Irmáns Prieto, escultura do prestixioso escultor Mateo Larrauri, trasladado e inaugurado no 1935, dando fin a un amplo debate, polo que, en inicio se pretendía erguer esta centrando a Praza Maior e onde se chegaría a colocar a primeira pedra no 1921 e mesmo a completar a base-peaña. Plan abortado pra pasar á devandita entrada do Parque, onde no 1940 se complementa o conxunto coa construción dun quiosco-bar, de amplo aleiro de tella, tipo xaponés, así como cara ao río cunha enxeñosa obra en formigón, o Bar Tunel, como un bunker que metido no terreo asomaba ao río.

Neste punto alugábanse as enxebres barquiñas de madeira, unha testemuña etnográfica que nin pasou aos museos. Paseos fluviais a remo que tiveron o seu fin na tardiña dun xoves 26 de xuño do ano 1947 cando naquel mesmo lugar do río ocorreu a traxedia da morte de dous dos cinco irmáns. Antonio e Juán da ben coñecida familia do comercio Rodriguez- Magariños. E aínda, menos mal, que nun dos lameiros da ribeira do río estaba co gando o Avelino Reque… que auxiliou e salvou ao resto dos irmáns alongándolle unhas varas …. Desgracia que ficou gravada no sentimento colectivo da vila.
Dende a devandita entrada ao Parque trázase unha estrada, entón de terra , gran curva que se atopa con outra que comezando nas ribeiras do Arenteiro, no antigo Matadoiro da Ponte Toscaña, continuaba cara á Lavandeira, isto é o que hoxe é Piscifactoria, pra volver unirse e pechar o ovalo da estrada ao xuntarse coa de Pontevedra. Avenida de circunvalación que recibe o nome Vigo, e a diagonal dedicada a Vicente Novoa á que abren pequenos camiños que levan a pequenas e circulares prazas terreiras, rodeadas de bancos e mesas de pedra. Proxecto que incluía algunha rotonda, unha pequena, sinxela pero xenial fonte no seu trazo: de perímetro achanzado, poligonal, no fronte dous canos. Paseos complementados con monolíticos indicadores, altos, troncopiramidais, con lembranzas a algo exótico, exipcio…con letras en bronce, dando nome ás avenidas… que tamén serviron de diana ao vandalismo. E xa se sabe, tamén a ilustración municipal de cada tempo deixará a súa pegada: o innecesario intervencionismo, a ameaza contra o idioma da natureza , a que simplemente precisa coidala e limpala.
Natureza complementaria do Balneario, ante a tentación do intervencionismo
Presumíamos dos altos e sonoros eucaliptos do Parque, bordeando o perímetro daquela entrada, como un complemento aromático que ben lle aquecía aos augüistas que buscaban onde esparexerse e respirar puro. Paseo entre variedades de pinos, do país, insignis, marítimos, vermellos piñoneiros, abetos, cedros, tileiros, chopos,… e como non, carballos tradicionais e americanos. As labores forestal , non se detiveron, continuaron sempre.

No pleno municipal de 2 de febreiro do 1929 o concello determina por á venta terreos que lindan coa estrada de Pontevedra, parcelas de 820 metros cadrados, daquela a un prezo de 2000 pesetas, ao que deu o visto bo o Ministerio en xullo de 1933, segundo conta Fariña Jamardo. O perito Sánchez Bóveda distribuíu as parcelas e puxo as condicións de edificación. Trámanse as primeiras construcións, entre elas a do Chalet Souto das Táboas, Bértolo, Xeitosiña, Tecla…o do mesmo do enxeñeiro Enríquez Parrondo, a quen, no 1948 se lle encarga un novo plan parcelario, agora ata a zona da Lavandeira para novas construcións: o Lar da Nai, Suárez, a Casiña dos Varela Ogando, Liaño Flores, o dos Lamas, Santorum, Alonso de Vilacha…Encargos dunha nova burguesía, vinculada a emigración, á empresa ou á mesma política; proxectos guiados baixo a firma de significados arquitectos: Francisco Castro Represas, Manuel Conde Fidalgo, Antonio Alés Reinlein…mesmo algún sobranceiro nome da arquitectura mexicana de vangarda.
Nos anos sesenta , dentro dese orgullo do Parque, dedicouse un espazo a cancha de baloncesto e mesmo chegou a crearse un competente equipo e afección…sobre ese campo tramáronse outras e outras intervencións… zona inmediata á fonte na que se fixeron escavacións pra unha piscina olímpica… que non chegou a rematarse. Ampliouse o quiosco de entrada , déuselle o nome de “o Pote” e nel fáisenos imprescindible as atencións e simpatía do Felipe Gallego. Cavilábase entón en amplialo, agora dende o Balneario á Ponte Veiga polas ribeiras do Arenteiro, incorporando a Ponte medieval de Veiga, os muíños do Cuco co Viaduto, a famosa fonte do Cornubal… Plans que nas mudas de goberno municipal foron mudando
Aínda ribeirando o Arenteiro quedaban algunhas fincas privadas, como as Barcias, próximas tamén a aquel serradoiro con galpón aberto, con nora de madeira que facían xirar a auga das canles abertas no Arenteiro. Contaba ademais, baixo os bidueiros, cunha sombría presa, no verán medianamente concorrida polos bañistas. A unha e outra banda deste serradoiro, erguíanse as provisionais torres de barrotes de madeira pra comercializar… O que vimos funcionar, en abandono e derruír, como a nora podrecía…. Pintoresco paseo do que coido, a penas quedan fotos. Nos anos setenta abriuse unha máis ampla vía bordeando o Arenteiro que borrou aquel pasado.
Dende 1964 o Parque serviu como gran campo de romaría pra celebración, en cada segundo domingo de agosto, da Festa do Pulpo…e a partir diso novas intervencións: construción dunha fonte eneacrina, isto é de nove canos, casetas pra os servizos, etc…
Máis modernamente fíxose un novo reprantexamento biolóxico: en febreiro do 2008 pincharon cada un dos que eran os grandes e ameazantes eucaliptos , os que aínda tiñan tatuados, a punta de navalla, corazóns e egoísmos, os que , garbosos se abaneaban co vento, cantando un ronco son, mesmo entre aqueles árbores , como gardiáns da entrada, había algún do que contaban tiña unha cobra dentro, outros que choraba….e nun xeito de rito animista, petabamoslle cunha pedra ferindo a súa cortiza…eran as ramas, arriba, que rozaban unha coa outra, rexendo ao longo. Suplantáronse por árbores de folla caduca, fallas, as que, en cada estación devalan en suxestión de cores, do verde ao ouridourado e ao roxo….nas bandas exóticos magnolios, camelias, tulipaneiros…. e todos novamente contentos.
Cavilamos en grandes e atractivos parques, na súa entrada cos seus centros de recepción de visitantes: construcións homoxéneas, respectuosas co medio, que contan con servicios, cafetería, mesmo coa taberna ou mesón típico, tenda de souvenirs e bibliografía, como un centro de interpretación ou museo contando o que contamos, a historia, as características do sitio… E penso, como seguramente cavilan, os moitos arquitectos carballiñeses, de hoxe, nunha construción sinxela, aberta, transparente, sígnica que sirva para dar servizo, sensibilizar a máis de xerar recursos.
—————————————————————————————————
Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————
Outros artigos de Felipe Senén:
Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”
Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”
Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”
Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”
Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño
Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “
Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”
Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”
Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”
Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”
Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas
A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño
Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño
O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella
O Campo da feira do meu Carballiño
A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño
Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño
Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño
O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo
O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura
Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego
O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros
Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes
O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño
Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros
Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga
Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento
Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira
O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte
Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural
Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño
Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño
A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…
O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri
Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…
As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”
Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…
O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”
Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega
A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre
O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba
O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán
Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida
Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo
Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo
As tradicións do Entroido do Carballiño
A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas
A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño
O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai
Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño
Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño
O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor
A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura
Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura
A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza
Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte
A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño
Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea
A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo
Lembranzas de pintura mural no Carballiño
Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego
A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey
As augas e as fontes do Carballiño
Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño
Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño
O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño
E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…
Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros
A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño
Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño
O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados
O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega
Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes