Por Felipe-Senén
A historia que hoxe contamos aquí, relativa ás orixes do arquitecto Manuel Gallego Jorreto (Carballiño 1936) comeza nuns difíciles momentos de preguerra, cando seu alcalde era o popular perito agrícola Aquilino Sánchez Rodríguez, agrarista de Esquerda Republicana, concelleiro que será elixido Alcalde do Carballiño en Abril 1936, sucedendo ao avogado socialista do Partido Republicano Felisindo Álvarez Xesteira por ser nomeado entón Presidente da Deputación de Ourense. Tras o golpe de Estado do 18 de xullo do 36, o alcalde Aquilino Sánchez entra nas miras das vinganzas e un 22 de xullo é detido, xulgado e absolto… pero novamente buscado para ser “paseado” e aparecer o seu corpo, entre outros, na cuneta da estrada do Rodicio. Cando Xosé Calvo Sotelo, político da dereita, tiña bo predicamento nestas terras, proba que dende 1919 seguía a ser deputado nas Cortes polo Carballiño e Ourense até o seu asasinato no 1936. Persoeiro que nunca deixou de apoiar as infraestruturas do ferrocarril Zamora-Coruña.Obras continuadas polo seu seu sucesor, Fernando Suárez de Tangil, conde de Vallellano, Ministro de Obras Públicas (1951-57) .
O entorno da estación do ferrocarril supuxo novas ilusións pros carballiñeses, en función da que mesmo se erguería a Veracruz de Antonio Palacios. No debate arquitectónico está a simplicidade e a funcionalidade ou a grandilocuencia historicista .
Iniciado nas pautas do rexionalismo arquitectónico estaba o pontevedrés Alexandre de la Sota Martínez(1913-1996), que fora alumno do instituto de Pontevedra onde coincidiu con outros compañeiros que non so aprenderían a debuxar da man de Castelao, senón a formarse no amor á Terra con Lousada Diéguez, como Manuel Chamoso Lamas , Filgueira Valverde, Antón Fraguas ou o devandito La Sota Martínez que será un dos grandes representantes do Movemento Moderno da Escuela de Madrid , sendo ademais querido alumno e sucesor, como profesor na Escola de Arquitectura de Madrid, de Antonio Palacios. Novo arquitecto que, pola contra, busca a esencialidade da liña fronte á grandilocuencia de Palacios, a forma en relación coa función. Principios que, ao cabo do tempo, continuarán os alumnos de La Sota, entre os que está quen nos trae aquí, Manuel Gallego Jorreto .
Do Incio ao Carballiño: a saga dos Gallego Jorreto
Manuel Gallego Jorreto nace accidentalmente no Carballiño un 2 de decembro do 1936: fillo de Manuel Gallego Seara, natural de San Martiño de Laiosa, no Incio e que dende os catorce anos fora emigrante a Cuba pra retornar aos dezanove, sen alforxas. Anos nos que é auxiliado polo mestre da aldea ata chegar a matricularse en Dereito nunha Compostela para el, máis de traballo que troiesca . Seguirá estudos en Oviedo deica facerse avogado. Mozo que será destinado a Punxín como secretario do concello. Lembramos, que desa mesma aldea saíra, anos atrás, cara á Arxentina o ”Abuelo”, que será cantado polo seu neto Alberto Cortez…Anacos de historias .
Nese ir e vir de Manuel Gallego Seara, entre o Carballiño e Punxín, atopará coa que será a súa muller e nai do arquitecto, unha señorita madrileña, a mestra, Joaquina Jorreto Cifre, filla de dona Manuela Cifre Lanza, natural do Ferrol e asentada en Madrid. O motivo do seu desprazamento da capital a Ourense debíase a que o pai de dona Manuela, Manuel Jorreto Paniagua, manchego, de Quintanar de la Orden, avogado, periodista, debuxante, autor dunha guía de Madrid e da famosa “Guía Colombina” (Madrid 1892), sofre de tuberculose e aconséllanlle Ourense. Jorreto Paniagua, de amplos saberes, exercerá de profesor de debuxo na Escola Normal de Ourense. Nos anos do Carballiño a avoa , “ dona Manolita Jorreto” contribuirá a educar “pra señoritas” a moitas fillas de comerciantes e tratantes. Puxo clase nunha casa que lle deixou a familia Reque pra ser moi querida. Anos que anunciaban a guerra, da que libra o pai e que non sendo conflitivo, mesmo é detido. Dona Manolita, a avoa de Gallego Jorreto, era irmá de Rafael Jorreto Cifre, aparellador.
Despois dos catro anos que pasou aquela familia no Carballiño, pasará a Ourense, metida no ambiente cultural no que Vicente Risco representaba as ideas galeguistas, para ir deixando pegada nun neno atento a todo. Mesmo o pai era moi amigo do ourensán Alexandre Bóveda, daquela funcionario de Facenda en Ourense . Nese ambiente, o tío, Jorreto Cidre, o aparellador, será o recomendado por Antonio Palacios pra construción do templo da Veracruz do Carballiño, imprescindible pra concluír a obra póstuma de Palacios.
Manuel Gallego Jorreto fai os seus primeiros estudos nos Salesianos e no Cardenal Cisneros de Ourense, onde o etnógrafo Xaquín Lorenzo Fernández lle ensina a debuxar, tampouco esquece ao mestre , natural das terras de Trives, o poeta de “Fírgoas”, Manuel Luis Acuña Sarmiento…
Ambiente dun rapaz de posguerra que transcorre entre Ourense e Vigo, coñece ao arquitecto galeguista Gómez Román, tamén moi vinculado ao Carballiño no que pasaba tempadas estivais, amigo da familia Vázquez- Monxardín .
No 1963 Gallego Jorreto remata estudos na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid e no 68 doutórase . Vive o debate entre os superviventes do historicismo e o Movemento Moderno. Alumno predilecto do pontevedrés Alexandre de la Sota, que o acolle no seu estudo e nas súas tendencias: esencialismo, respecto á paisaxe en xogos modulares …
Estando Manuel Gallego Jorreto de tempada en Samil coñece a Jean Picard Mahaut, aínda que parisina, oriúnda da Borgoña . Moza que no 1963 amplía os seus estudos sobre cultura hispánica en Madrid e conseguintemente sobre o Camiño de Santiago, alumna de Antonio Bonet . No 1966 contraen matrimonio na compostelán Corticela.
Matrimonio establecido na Coruña por ter gañado Manuel Gallego a praza de arquitecto xefe nos Servizos provinciais do Ministerio da Vivenda, logo delegación provincial da Consellería de Ordenación do Territorio, onde ademais atopará con outro humanista das terras do Carballiño, o poeta e arquitecto técnico Cesáreo Sánchez Iglesias.
Dende 1978 Gallego Jorreto alterna a súa actividade de arquitecto coa de profesor de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, na que opositará a Catedrático de Proxectos, onde se atopara con outros profesores do Carballiño, como Fernando Blanco Guerra e Alfredo Freixedo Alemparte, entre innumerables alumnos.
Matrimonio Gallego Picard do que nacen tres fillos, Santiago, educador social, Eloisa e Pablo, os tres de fonda vocación humanísta: Santiago, colaborar de varias ONG, ecoloxista, gran fotógrafo que acompañou por Galiza a Jean Plissom, o afamado fotógrafo bretón, a quen tiven a sorte de asesorar Mais a prometedora vida de Santiago malogrouse nun accidente o primeiro día do segundo milenio no corredor da Barbanza. Traxedia que fai virar os rumbos da nai, Jean, que de ser unha gran creadora, pasa a ser líder de “Stop accidentes”, en educar sobre a violencia viaria.
Entre as lembranzas que do Carballiño ten o arquitecto Manuel Gallego Jorreto están o Parque, Cea…e moi especialmente a figura do historiador da Arte Chamoso Lamas quen se admiraba das primeiras obras de Gallego Jorreto, promovéndoo para realizar o edificio pra Museo de Arte Sacro da Colexiata de Santa María da Coruña ( 1982-87). Mesmo pretendía incorporalo como arquitecto á Dirección Xeral de Bellas Artes.
Ao respecto da recuperación do patrimonio cultural e xa morto Chamoso no 1985 a rehabilitación pra usos culturas da casa da Cultura de Chantada (1990) realizada polo arquitecto carballiñés será un referente antolóxico. Como tamén o serán a rehabilitación do conxunto administrativo de Xunta de Galicia en San Caetano, Compostela; o Museo de Belas Artes da Coruña, o edificio do Monte Pio, tamén en Compostela pra residencia do Presidente da Xunta…, entre outros.
Quen isto conta tivo a sorte de compartir días inesquecibles con Manolo Gallego e Jean nas xornadas internacionais que Isaac Díaz Pardo organizaba anualmente dende o Laboratorio de Formas de Sargadelos . Despois téndoo como arquitecto na recuperación da Casa de Botes do Museo do Castelo de San Antón e da que naceron outras propostas como o Museo da Cárcere e a Biblioteca de Carballo. Dende entón os premios e a arquitectura de Gallego Jorreto non cesaron.
Desexamos que a rehabilitación para museo da Fábrica de Papel do Carballiño e a ampliación do Balneario, proxectos de Manolo Gallego pro Carballiño traspasen o tempo como leccións de humanismo. Pois “Polas obras coñecerémolos”, como ten dito Cristo e o mesmo Marx.
—————————————————————————————————
Traxectoria e obras de Felipe Senén
—————————————————————————————————
Outros artigos de Felipe Senén:
Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”
Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas
A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño
Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño
O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella
O Campo da feira do meu Carballiño
A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño
Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño
Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño
O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo
O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura
Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego
O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros
Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes
O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño
Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros
Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga
Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento
Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira
O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte
Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural
Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño
Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño
A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…
O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri
Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…
As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”
Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…
O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”
Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega
A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre
O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba
O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán
Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida
Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo
Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo
As tradicións do Entroido do Carballiño
A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas
A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño
O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai
Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño
Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño
O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor
A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura
Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura
A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza
Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte
A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño
Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea
A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo
Lembranzas de pintura mural no Carballiño
Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego
A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey
As augas e as fontes do Carballiño
Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño
Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño
O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño
E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…
Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros
A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño
Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño
O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados
O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega
Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes