A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

IES CHAMOSO LAMAS

Por Felipe-Senén

Un lugar moi querido polos vellos carballiñeses e en especial por quen isto escribe é a Praza de Abastos. Gran edificio, arquitectura industrial que ao iniico dos anos trinta do século pasado deu nova vida á Avenida dedicada a un prócer dos anos nos que se fixo, Julio Rodríguez Soto. Unha das tan transitadas rúas que daban acceso ao Balneario do Carballiño.

HIPER MASIDE
Rodriguez Soto, Placa na Paza de Abastos, Carballiño

Vila nacida da feira como tanto se ten dito, entón de vocación negociante. Onde os produtos da montaña , dos ribeiros e do mar converxían, onde as artesanías e as ferramentas do traballo labrego estaban na oferta e na demanda. Eran tempos de expansión dunha vila traballadora, de cartos chegados por emigrantes e negociantes de camiño, onde se presumía de ter casa. Facíase preciso dar cumprimento a unha reivindicación, a algo cunha orixe que se perdía nos burgos do medievo, a de superar as lonxas e crear espazos amplos, acolledores para o mercado. Sitios onde negociar fronte  ás inclemencias do tempo. As prazas de abastos eran a solucións que as cidades modernas ían impoñendo, ás veces contrariamente aos desexos dos pequenos comerciantes establecidos nas rúas. Cousas veríamos ao cabo do tempo, a competencia dos supermercados pra cultura do coche.

A finais dos modernistas anos 20 o Concello do Carballiño proponse edificar unha desas amplas prazas de abastos, encarga un primeiro proxecto ao arquitecto Mariano Rodríguez Sanz. Son anos nos que a arquitectura se debate entre tantos sentimento modernista, pasando polos rexionalismos, para asentarse no Movemento Moderno: novos materiais construtivos, novas tecnoloxías e unha nova sensibilidade baseada na funcionalidade. Fracasados planos de Rodriguez Sanz  que se conservan no arquivo do concello, segundo me dí o gran coñecedor do tema e historiador Rafael Otero, dunha saga de construtores. Mais o arquitecto definitivo da actual Praza de Abastos será o alaricano Manuel Conde Fidalgo (1897-1984), ademais de ser alumno e bo coñecedor da obra de  Antonio Palacios, o que despois da morte diste no 1946, presta auxilio ao párroco don Evaristo e ao construtor Adolfo Otero para seguir coas obras da Veracruz. Arquitecto que no Carballiño, ao longo da súa vida profesional,  reúne moitas edificacións, entre elas a Escola de Banga, pero tamén autor naqueles anos, o 1928, da modélica praza de Abastos de Ourense, próxima ás Burgas, así como das de Celanova e Ribadavia. Proxectos nacidos polo apoio e o control da Deputación Provincial de Ourense, de 1926 ao 29 . Proxectos debidos ao  interese e pulo  do calvosotelista e avogado Xulio Rodríguez Soto (1880-1931), aínda que ribadaviense, era, por nai, descendente de Maside, morto en  Lisboa, no 1931 aos 51 anos, onde chegada a segunda república estaba exiliado.  Enterrado en Amarante de Maside O Carballiño agradecido dedicoulle a Avenida e fíxoo cunha artística placa en bronce sobre o lateral da mesma Praza… Manuel Conde Fidalgo era por aqueles anos o solicitado arquitecto provincial.

Plaza de Abastos O Carballiño

A Praza de Abastos do Carballiño ten a estrutura dun gran cubo ou contedor, como un gran e acolledor plató: nas dúas fachadas cuns sinxelos elementos  decorativos que enmarcan a entrada e os ventanais. Sinxelo deseño que nos remite ao xeometrismo do Art-Decó. Na fachada que da á Rúa de Margarita Taboada, pra salvar o desnivel, compleméntaa cunha sinxela e escultórica escalinata troncopiramidal: Chanzos que serviron tamén de podio e escenario para moitas fotografías de rondallas e pandillas da era Rizo.  Xeometrias que hoxe vense partidas pola inclusión dunha varanda-pasamáns metálico que ven poidera levarse arrimado ás paredes laterais, sen danar a perspectiva deste singular e escultórico módulo de acceso.

En orixe o interior da Praza de Abastos era unha gran nave, cos postos bordeando os laterais e no centro mesas corridas, complementadas con bancos, todo de cemento, servían pras vendedoras de legumes, onde ofrecer as restras de allos, de cebolas ou cenorias, pras patacas…pras froitas de cada tempo…e lembramos as cestas de cereixas. Espazos tamén pras panadeiras con aqueles mostrarios de bolas, microcosmos de cultura cunha orixe pasada como grán polo cabaceiro, logo pola eira, polo muiño e feito fariña amasado no forno, para  finalmente ser pan broa, de centeo, de millo,  ou  trigo… o pan noso de cada día, xunto coas bicas e aínda as empanadas…e lembramos, a máis das de raxo ou as de bacallau, as de anguías…delicatessen que, a máis do bendito por Cunqueiro,  aínda esperan poesía de autor. Mundo aquel onde o Pachiño, o neno que eu fun e como me chamaban entón, era como un xoguete  rebuldeiro e premiado polos vendedores, con codelas de pan, con cereixas e , mesmo e moitas veces cun chourizo duro daqueles ben afumados con leña de carballo e ourego… E coa presa de cereixas ou con chourizo e anaco de pan na man , alá me ía ao alto daquel trono que para min  eran as escalinatas, sentábame, e a modo comía o regalo… namentres enxergaba o horizonte, os ergueitos cipreses e o pombal dos lameiros do Fariñas. Así que, pra min, a Praza de Abastos do Carballiño de ter sabor tería ese.

Inspirador espazo de saber e tradicións  galegas

Espazos de algarabía, onde teño escoitado que as panadeiras, vindo na mañanciña, cedo, de camiño dende Cea, ao dar a revolta da Reverencia, dis que viron arder o monte…e entre aquelas  lapadas vermellas xente, bispos, gardas civís, homes e mulleres….concluíndo que aquelo fora unha visión, como un espello do Purgatorio. E a xente, botando as mans á cabeza comentaba “Ei de Dios, ei de Dios… évos un anuncio do fin do mundo que vai vir”. Noutra escoitei que un motorista de Treboedo, nunha maña chuviñosa de decembro, parouno na estrada, a altura das Neves de Grixoa , un individuo mollado e aterecido de frío, que si o levaba…detívose e levouno atrás…seguiron entre a chuvia, parolando do tempo ruín…e concordaron en parar nunha taberna do Porto de Égoas pra tomar uns dedais de licorcafé….detívose a Derby, pero o motorista viu que non levaba de paquete a aquel descoñecido que pouco antes recollera. O que si viron os que estaban na taberna que nas costas da gabardina do motorista campaba a marca ensanguentada dos dez dedos das mans…. As panadeiras e os que escoitaban acenaban e botaban contas de que quen parou ao motorista de Treboedo foi a mesma Morte…. Entre outras cousas así que encherían tomos de realismo máxico.

Plaza de Abastos O Carballiño

Edificio no exterior de coidada estética arquitectónica, con con entrepanos, noutrora caleados en branco, entre pilastras de cantaría. Agora, como en moitos sitios, ante a estética do cachote visto, quitase o recebo que evitaba calor no verán e a  humidade no inverno, contribuíndo a mudar a cor do pelexo arquitectónico de Galiza.

Escenarios pra oferta é a demanda dos mellores saberes que caracterizaron ao Carballiño

Beirando aquel gran rectángulo interior, baixo un teito triangular cuberto de tella plana, sostido por bigas de madeira e tirantes de ferro sobre o que colgaban os pratos da luz, estaban os postos dos carniceiros, os máis e ben curioso é respecto ao reparto do traballo en Galiza, eran mulleres e moitas delas viúvas. Alí o Olliño ,a Emilia, o Avelino Reque e a Isaura, a Felicitas….e tantos, tantos lembrados e queridos nomes que foron mudando tamén. Ao fin dos sesenta a praza ampliouse a un lateral pra separar o pescado…

Fora,  cara ao  singular comercio do Camilo Pereira,  estaban os postos de flores, os do queixo, os churros….. que seguen dando tradición e parte do Ser carballiñés..

Escaleiras Plaza de Abastos Carballiño (detalle)

Tamén recordo aqueles temibles e arrepiantes sotos da Praza de Abastos, escuros, co singular arrecendo a sebo… pra onde carrexaban barras de xeo, sacos de sal e de serrín, onde penduraban dos ganchos  o costalaxe das vacas , dos años mortos e esfolados, cos ollos pendurando…. como agresivas intervencións artísticas deste noso controvertido tempo.

Arquitectura industrial da Praza que se complementaba co Matadoiro Municipal, tamén da autoría de Conde Fidalgo, o arquitecto que por aqueles mesmos anos tiña encomendado o urbanismo do Parque do Carballiño, o que fixo dende unha óptica moi humanista, tradicional, con fitos de pedra labrada co nome dos carreiros, as rotondas, a fonte, o quiosco….algo co que puído e destruíu o descoñecemento.

O matadoiro estaba na ribeiras do Arenteiro, inmediato á ponte de Toscaña, arquitectura sobria, industrial, de pedra…gran nave para a morte animal, con profusión de perchas e ganchos das que colgaban os animais mortos e bancos pra partilos…mangueiras de goma negra e regueiros de auga mesturada coa sangue… coas tripas e vísceras que ían parar a un río Arenteiro que, a máis de alimentar e atraer ás troitas, asunto ben sabido polos pescadores, por aqueles anos aturaba todo, como se preparaba a dar traída de augas á vila…A finas dos sesenta improvisouse un pequeno matadoiro, funcional, de cemento, deseñado por Morquecho, preto da ponte de Carrás, camiño do Cemiterio…pero funcionou pouco tempo…

A historia da singular praza de Abastos do Carballiño é o seu fundamento, común a moitas outras prazas, catedrais para os produtos da terra e así sigue con novo entusiasmo.  A proba o entusiasmo e entrega de Elixio González “Quini”, xa que onde se pon espírito – isto é tradicións que non traizoan, saber e querenza – está o trunfo e o futuro. Somos o que xantamos . E velaí e por algo o dito tradicional que saíu desta catedral do xantar: “Pra carne, pan, pulpo e viño….O Carballiño”,… e mais que haxa dos ribeiros, do mar e da montaña.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño