Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Por Felipe-Senén

Dende sempre Galiza acendeu faros, abriu portos,  camiños, tendeu pontes e tramou a paisaxe de encrucilladas sobre as que ergueu ao ceo cruceiros cos que sintetizar o viacrucis: velaí os camiños que converxen no sartego de Compostela e mesmo seguen a Fisterra. Peregrinación simbolizado pola cuncha de Venus… entre tantos outros vieiros que levan a santuarios dedicados á Virxe ou a algún santiño, o que mesmo puidera non estar na nómina romana…E esoutro camiño do setentrión, o que leva aos acantilados da Serra da Capelada, ao Santo Andrés de Teixido.  Santuario, onde se aprende, como no oriente, que a vida é ascese de perfección, do caos aos cosmos: pois contan as lendas que a Teixido vai de morto o que non vai de vivo….e neste caso farao a xeito de réptil, de cobra ou de sapo. Transmigración sorteando o caos orixinal na busca da perfección cósmica. Idea que reflicten as estelas galaico-romanas:  as que representan pegado á terra, nas orixes o nome, sigue a ascese, representada por un xeito de escenas como a vendima, o tear, o transcorrer dos días e das estacións…. e no remate na terceira e última parte, nese coroamento triangular, semicircular representarase o Cosmos, a harmonía e farase por trisqueles, rosáceas… Mensaxe simbólico que mesmo se leva ás fachadas do solpor das igrexas románicas: orixe, monstros, pórtico de paso, canicelos escenas da vida e no remate o  cosmogónico rosetón.. como na Catedral Compostelán, que partindo da cripta que representa o Xénese, seguindo a través do  CAOS, entre monstros, ascende ao Pórtico cos profetas, os apóstolos….e o mellor que pode atopar o ser humano , o trunfo da música nos 24 anciáns… e na triangulación o rosetón, como cosmogonía e COSMOS polo que penetran as raiolas do solpor que se desfarán  no oriente,  no Altar que representa o renacer.

AVANTAR ACTIVIDADES
Carballiño Carta Xeometrica de Fontan 1834

Florentino López Cuevillas, Vicente Risco e Otero Pedrayo, a cerna ourensán do grupo “Nós” son ben representativos da sensibilidade Modernista, adubada de europeísmo e desa mística teosófica que lle daba un carácter místico espiritual e mesmo ese realismo máxico a canto facían. Singulares “inadaptados”,diferentes” que buscan esas orixes nas que saben radica a orixinalidade dun pobo. Raiceiras que neste Cabo do Mundo afondan mais alá dos pórticos Megalíticos, que pasan polos petróglifos, pola protohistoria castrexa, a que entendían “celta” : sentir que incluían dentro do panceltismo occidental atlántico europeo. Filosofía pois impregnado de filosofía oriental á que serviu de ponte a cultura indoeuropea. Era este un xeito de afirmar un pobo fronte á ameaza da uniformidade por imperialismos que  dividían o mundo en bloques.

Xa nas miras dos románticos galegos, como Antolín Faraldo, Pondal , Brañas, Vicetto ou Murguía, estaba Irlanda, agora no Modernismo, o modelo a seguir será o polígrafo irlandés W. B. Yeats, dado a coñecer, entre outros,  en España pola revista “Nós”. Yeats, igual que moitos modernistas “inadaptados”  era definido noutros ambientes de xeito superficial, como anacoreta, dandi, ególatra….sen entender que a universalidade radica na unidade da diversidade. Como Phileas Lebesgue famoso  pola súa excentricidade vertida cara ás orixes, coñecido – e ben a seu gusto – como “o gran druida dos galos”, director da revista de interacción das artes  “Le Mercure” de Francia, páxinas que tanto influíron e non debemos perder de vista respecto ás orixes de Nós. Revista que serviu de ponte a aquel galeguismo coa Europa modernista, co orientalismo pancéltico, humanista, fronte ás teimas xenófobas xermanistas. Interacción ética, estética, panteísmo, relación paisaxe-paisanaxe, o parladoiro, a música, o teatro, a viaxe a pe, un novo e aristotélico xeito peripatético co que enxergar o devalar, dende o un para os demais. Risco practica e espalla o facer camiño, algo moi na tradición deste pobo de encrucilladas, santuarios e feiras . Incluso escribe varios artigos sobre o tema, remitíndonos a Russeau e a Gandhi, á necesidade de furar, enxergar e comulgar coa  interacción paisaxe-paisanaxe, entrar nas esencias do espírito da Terra, asolagándonos na súa aura: sentir o devalar, sentarse nos mesóns coas xentes do camiño…  Filosofías  de “elite” acuñados como “culturalismo”, cando non é máis que un xeito de filosofía, afondar nas preguntas, o saber de onde vimos pra coñecer cara onde imos.

E velaí a iniciativa das xeiras – saír da casa e meterse con todos os sentidos postos, máis a intuición, creatividade e personalidade e canto se ten aprendido no noso mundo – na busca do espírito de Nós, daquilo que nos identifica no mundo e que se transmite polo idioma, pola arte, polo xeito de ser e polo que SOMOS.

Risco no Ribeiro Foto Chamoso

O camiño como iniciativa pola que enxergar o mundo tal cal . E velaí neste confín ese xeito de ascese oriente-occidente que é a peregrinación cara un sartego dun Apóstolo. Así que no mes de Xullo do Ano Santo  Compostelán do 1926 – tempos da Ditadura de Primo de Rivera, cando era Ministro de Facenda  José Calvo Sotelo, saído deputado a Cortes polo Carballiño, coñecido entón polas súas iniciativas anticaciquís e sociais, como “Ministro bolchvique” –  uns intelectuais, mozos “inadaptados” de “grandes óculos de carey” e sombreiro, estilo Yeats… con pantalóns metidos nas botas e  bornais de coiro o lombo, con ansias de arqueólogos queren romper o couto ourensán e encetar aquel vieiro: son  Otero Pedrayo, Cuevillas, Lois Feixoo, Risco,  Antón Sánchez e Xavier Pardo Bedía. Cuevillas e Monxardín sairán ao encontro do grupo en Silleda, dous días despois. Estraños camiñantes que sorprenden ás xentes do camiño e  ao ladrido dos cans atraen a curiosidade de veciños que creen son enxeñeiros do ferrocarril…mesmo algunha se encara pedíndolle a Risco que lle abra unha estrada e este pra saír do enguedello promételle que a terá.

 O encabezamento da experiencia é ben ilustrativo “ No camiño de San-Yago. Vieiros de fe, vieiros de ideal”. Quen transmite literariamente a  experiencia será Xavier Pardo Bedía (Compostela 1903-Coruña 1969), editor da revista Libredón transcribindo e mesmo coutando algunhas notas e retranqueira simpatía de  Vicente Risco, quen non dubidaba en ceder material e ideas con tal de levalas ás páxinas de “Nós”. Iso si, todo moi dentro da filosofía peripatética e “de alma” que non deixa de propagar Vicente Risco. Publicarase en “Nós” ( do nº 228 ata o 235, do 1 de Setembro do 1926 ata o 1 de  abril 1927)  No limiar aclara que “…son crónicas sinxelas e expresionistas da paisaxe…” E que “a meirande parte das notas e observacións de esas crónicas que hoxe escomenza a publicarse, son sacadas do minucioso Diario do Viaxe, que coa súa sutileza e mestría fixo o Risco, que si como escritor é formidable, non o é menos como psicólogo”. Caderno manuscrito de Vicente Risco, titulado simplemente “Santiago” que hoxe garda a Fundación Vicente Risco de Allariz. Namentres que das fotos fotografías feitas polo mesmo Risco e das que tanto se fala no recorrido, parece que deica hoxe están perdidas.

O tema xa foi tratado por Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández no Consello da Cultura Galega no 2020 e por Xulio Dobarro Ferradás en Febreiro do 2021, incluso levado á TVG en outubro do 2020.

 Ascese na busca do “Espírito” que é a cultura: as tradicións, a creación, as relacións….

Aqueles amigos ourensáns, na noitiña do 7 de xullo xuntábanse na casa de Risco pra estudar o sobre o mapa de Domingo Fontán (presentado no 1834 e gravado no 1845) o traxecto Ourense-Compostela. E sobre del trazar o boquexo do camiño, escollen unha vella e esquecida vía, e seguramente moi escoitada ás xentes do camiño, o camiño dos arrieiros, que pasaba polo Carballiño cara Silleda.. Prepáranse as mochilas, as cámaras fotográficas, compás de rumbo, barómetro, altímetro …sofisticado kit que mesmo superaba en adiantos aos dos románticos expedicionistas británicos. E tal como concretaron, ás cinco da mañá, no alborear do día seguinte, a hora das leiteiras, o grupo reunirase na entrada da Ponte Nova.  E velaí con “…. Grosas caxatas de monte, fortes zapatóns – mestura de zoco e botas- … “ collen rumbo, deixando o Miño á esquerda… Van coa presa do principio, nin se paran a describir o que eles  ben coñecen os arrabaldes de Ourense.

Maside, casa na estrada

Pasan por  Bobadela, Canedo, por baixo dos penedos de Quintela, Ponte Ceballos, a unha beira de Vilar de Astres… montes penedíos que acochan arqueoloxías de todo tempo. Iso si, fan fotografías. Como pra coller forzas , denantes de subir a costa de Fraga cara Castro de Beiro, tomarán unhas codias de pan cunha onza de chocolate e que será ritual mañanceiro ao longo do camiño…  Divisan ao lonxe a  Martiñá, silueta de monte baixo o que saben está o mosteiro de Oseira… na conversa do camiño falan sobre o seu abandono e lembran o enfrontamento, por mor do baldaquino, dos paisanos e da Garda Civil, os mortos daquel abril do 1909….e “teñen unha oración polas pobres vítimas inmoladas no altar da Terra”. Imaxino a don Ramón guiando a conversa por aqueles que eran os seus camiños de Trasalba  Ante a parroquial de Beiro fan memoria de Basilio Álvarez, o párroco agrarista, daquela apartado pola Igrexa.  Din sentir baixo aquelas bóvedas o eco das súas homilías do 1912  “ máxica voz, baruda e fera, como poutazo de león, erguía a todo o agro celta, disposto aos máis grandes sacrifizos pola salvazón da Terra”… Ollan e toman nota das figuras de cal trazadas  sobre o paramento dalgunha casa, analizan solainas,  fornos, hórreos… Nesas entran nos Chaos de Amoeiro, don Ramón atopa con coñecidos da casa de Trasalba… Pasan por Liñares, Rouzás, Quintás, Alfonsín…   Xantan en Amoeiro nun mesón de feirantes no que non falta  unhas competentes febras de xamón, ovos fritidos, carne guisada…queixo e “viño bravo”, café e copa de augardente… e despois, tratándose de señoritos de costumes arraigadas, tómanse unha sesta de algo máis de dúas horas, quizais deixando pasar a raxeira do sol, pras catro da tarde tomar novamente o camiño marcado no mapa de Fontán… Nesa andaina reparan no mal gusto dalgunha desas casas de ladrillo visto, no cruceiro da Igrexa de Amoeiro fan fotografías. Deixan o Pazo de Miranda, a Igrexa de Parada, a ponte medieval de San Fiz sobre o Barbantiño… topan coa Garda Civil que queren coñecer o que buscan aqueles mozos. Deixan San Fiz Grande reparando nun peto de ánimas coa Virxe do Carme tallada en madeira. Recorrido onde non se deteñen en arqueoloxías e historias que haber hainas por aquí como ben sabemos hoxe, paisaxes baixo a silueta do Castro de Armeses. Pasan pola Touza e no “Maside Vello” detéñense na igrexa románica de Santo Tomé de Maside, deses templos protogóticos que seguen as sinxelas trazas desta zona.. Lembran que neste cemiterio está enterrado o filósofo kraussista, profesor do Instituto de Ourense, Juan Sieiro González.

Nesas conversas, cando o sol se  ruboriza ante o anuncio da noite e se olla de xeito especial dende estes altares , seguen  polo MasideNovo, cara a Dacón e o Carballiño… e nos seguiremos a contar esa ascese.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño