O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

Por Felipe-Senén

A silueta das casas e dos montes do Carballiño coutan os horizontes que Otero Pedrayo enxergaba dende a súa Casa Grande de Trasalba. Así o Carballiño estaba e quedou prendido na nimbo, no circo da “O” maiúscula, galega, nosa e en devalar de Otero, de Ourense…

AVANTAR ACTIVIDADES
D Ramón Otero Pedrayo

Non se entende a literatura de Otero Pedrayo se non se entende a Galiza, como non se entende a Galiza se non se entende a Otero. Compre pois, poñerse a lelo, a modo, de vagar, como si se catara un bo viño tostado. Poñeremos en cada ringleira todos os sentidos e canta cultura se teña pra enxergalo e contextualizalo na súa Terra e no seu Tempo. A obra de don Ramón é como un atractivo labirinto en devalar, e que pra furar nel compre auxiliarse dalgún xeito de fío de Ariadna. Asunto que ben agradecemos os oteropedraiáns que haber hainos, asombrados pola inmensidade do escritor. E esa misión vena facendo, de xeito maxistral, a profesora Patricia Arias Cachero, xa afeita á  biografía, á ortografía e ás teimas do escritor. Asuntos enxrgados despois de expurgar canto cartafol se reparte e legou o ourensán á Fundación Penzol de Vigo, entre os que foron os seus amigos, en Trasalba… Ao respecto Arias Cachero publicou en “Agora de Orcellón 37” un artigo sobre “O Carballiño conforme Ramón Otero Pedrayo”  e máis aparecerá tirando dese fío.  Velaí as publicacións sobre a súa biografía, os epistolarios, as edicións de inéditos, as reedicións de obras transcendentais… Quen ten nas mans unha obra de don Ramón ten un anaco de universo.

Vila  do Carballiño que Otero que sempre asociaba con Oseira, coa decimonónica fidalguía establecida á beira do camiño, en relación cos arrieiros e tratantes dos camiños da vida…. Encrucillada chantada nun anfiteatro, entre as siluetas de montes: esa trindade montesía formada pola Martiñá, a Madanela e o Testeiro. Son incontables os textos, os artigos dedicados ao devalar destas  horas e paisaxes sobre as que otero di, asoman como navíos os pazos, o canto do reiseñor, o Arenteiro…. O Carballiño como necesaria parada e fonda, acougo pra avivar o lume do espírito.

Ramón era fillo de Enrique Otero Sotelo,  o que polos anos 1866 estudou medicina en Compostela, tendo pousada a carón de onde chegaban e saian os carromatos dos arrieiros e feirantes do Carballiño, en Mazarelos. Lugar no que – ata non hai pouco – campaba alí,  en Patio de Madres,  fin da rúa do Castrón de Ouro, o cartel de ferro de “Hospedaje la Carballiñesa”.  No 1872 Enrique, sendo medico rural, será nomeado interino dos balnearios do Carballiño e de  Partovia, “…xoven doorido e entusiasta, deixouse engaiolar pola fonda aldea galega. E ben logo coñeceu como ninguén súas corredoiras, seus mitos, seus medos e bulras…”( Lembranzas do Meu Vivir I (2020)).  Anos nos que aquel médico mozo  trata cos influentes Quiroga, fidalgos de Banga,  entre eles con Eduardo, deputado polo Carballiño, personaxe soberbio e atrevido, con pazo en Cornoces,  non lonxe de Trasalba, irmán de Xosé, casado este coa Pardo Bazán. O doutor Enrique Otero atende á desamparada e enfermiza muller de Eduardo Quiroga, María Purificación Reynoso, filla do gobernador en Ourense. Asuntos dos que da conta Otero Pedrayo, entre algún outro artigo , en “Lembranzas do meu vivir” (2020) tal como indica Arias Cachero, entre outros interesantisimos aspectos sobre esta muller, como as referencias de Alvaro de las Casas, casado cunha Ulloa, que ben cavila que Eduardo Quiroga poido inspirar ao persoeiro de “ Los Pazos de Ulloa”, Pedro Moscoso.

Na noite ao pechar as xanelas da casa de Trasalba … ao fondo as luceciñas do Carballiño…

Repetía don Ramón que metido na noite, denantes de deitarse, nun ritual cotián de despedida da xornada pechaba as xanelas, observando que nos lindeiros da noite pestanexaba a ringleira de luceciñas da estrada de Punxín, Listanco, Maside, Dacón… e no fondo as primeiras do Carballiño….ao erguerse e franquealas de novo, entre a néboa e baixo a Madanela co seu lombo de can deitado, somaban os teitos das casiñas dunha vila que non deixaba de medrar.

  “...Pois non abonda co nivel de vida. ¿Que fai o home cos problemas económicos resoltos – sempre eles son relativamente resoltos – sin un “nivel de alma” que lle permita aturar a soedade e a visión e seguranza da Morte? Vd. mociño novo, co enigma do mundo de diante, amanece co sol de novos camiños. Dende a miña casa de Trasalba, se non miro os tellados enxergo os montes do entorno do Carballiño, unha fina e rexa vila galega. Soio como vello amigo lle pido que endexamais desconfíe do porvir de espírito e pense na grandeza e no perigo, feiticeiro perigo, de ser galego dos bos e xenerosos – Eu apenas son – e elo abonda por meu orgullo- unha ponte  de vontade e lembranzas, botada dende a xeración de Castelao ate vostedes mociños, de quen  os vellos- poucos fican agás de min – agardámolo todo….”  A filosofía de Risco, iso me transmitía nunha epístola datada en Trasalba a 3 de Santos do 1970, lección que trato de compartir, agora como nova ponte, entre Otero e o queira escoitalo.

Son moitas as referencias de Otero ao Carballiño. Lembra que de neno “Montaba no coche do Carballiño. O Sr Andrés, o maioral, gran riseiro e barbas ledas, corazón de ouro de entre arrieiro e fidalgote, o meu amigo sempre me chamaba para o sitio de honra ó seu carón….” (Lembranzas do meu vivir II, (2015).  Andrés, ou Rodríguez, coido que non pode ser outro que o devanceiro “Rebusco”, empresa que aínda recorre o mapa de Europa e conduce o seu herdeiro, Camilo Rodríguez…Recordo con nitidez, na miña primeira mocidade, alá polos anos sesenta, na ferraxería “Las Colonias de Antonio Soto” levarme a curiosidade de arqueólogo a un recen enmarcado texto de Otero Pedrayo dedicado “Ao Maioral”: era sobre isto mesmo, en relación cos devanceiro arrieiros de Paco Mares, un gran galeguista, amigo de Calviño, tamén do Corcheiro, emigrante de ida e volta en Tampa, (cidade de Florida na que morreu Basilio Álvarez), compañeiro de Lucinda Soto a herdeira do heteroxéneo negocio das “Colonias”….

Calviño con Otero Pedrayo

Gustaría de que se atopara ise escrito e reafirmarme. Espazos no que noutras vin a enmarcar fermosos Laxeiros, Manolo Torres, pinturas da autoría de Chamoso …. Era aquel comercio de venta de libros galegos,  entre asuntos de bazar e ferraxería, “coloniales” ao fin, onde un se podía atopar con Otero como con Aquilino Cachafeiro. Alí acendín o espírito galego. Soño que volvo a aqueles espazos de arrecendo a liñaza e vexo ao Caride, ao Faustino, ao Manolo, cortando vidros cunha punta de diamante. Xa daquela, Paco Mares regaloume o “Sempre en Galiza”.

Escribinlle varias cartas a don Ramón, felicitáballe o Nadal, funlle a canta conferencia podía, en Ourense, Compostela, no Carballiño… visiteino so acompañado a veces de Cesar Varela, ou de Miras e Román, no Hotel Compostela, en Trasalba. Casa Grande, presumindo da cadeira do seu despacho, sobria e coa cruz verde sobre o coiro do respaldo, a que, con respecto, dicía pertencera á inquisición compostelán e  que lla regalaran os xornalistas… cadeira que disque, comeu a couza… Presumía ademais Otero da súa  competente adega….hoxe auditorio.

Carta Otero P. a F .Senén

O Parque do Carballiño, o Hotel Carlos… o pazo de Lousada Diéguez, como a finca dos Espinosa, ambas en Moldes, mirando aos horizontes do ribeiro do Arenteiro, serviron de lugar de encontro nas xeiras do Seminario de Estudos Galegos por Terras do Carballiño.

A fonda amizade de Otero con Alfonso Vázquez Monxardín, promotor de “Nós”, casado con  Emilia Blanco Rodriguez  (Maneiro) do Carballiño, familia e casa da que gardo amables lembranzas: a sensibilidade, aquel galeguismo…  Precisamente o seu fillo, Pepe Lino, foi Presidente da Fundación Otero Pedrayo, coidador do legado  da casa de Trasalba, entregada ao pobo galego.  Saga familiar que leva prendida esa estrela galega que abrillantou Risco.

 Neses ires e vires, dende neno ao Carballiño, Otero Pedrayo atopará nesta encrucillada dos camiños da vida fonte de inspiración. Así entenderase a súa obra como un xeito de peregrinatio entre aventuras e desventuras, onde se atopan mestres e amigos inseparables como foron Lousada Diéguez, Xosé María Calviño, Porfirio, Paco Luis Bernárdez… “o Celta

Don Ramón, como o Xocas e os de “Nós” teimaban en que o topónimo do Carballiño viña dun gran e querido carballo, o que, na encrucillada dos camiños reais,  daba sombra a unha pousada. Na Guía de Galicia (1991) Otero Pedrayo ben sintetiza o sitio e os camiños queridos e recorridos dende neno. E auguraba pra vila un florecente futuro.  Vila na que Arias Cachero documenta unha conferencia súa nun 25 do mes de santos do  1926 titulada  “ O setestrelo do escudo de Galicia” dada na Sociedade  Deportiva e presentada por Bernardo Castro Fernández, ea onde chegou acompañado do seus case “irmáns” Risco e Cuevillas. Tamén no 26 de Xuño do 1932, como significado membro do Partido Galeguista deu aquí un mitin, xunto con  Alexandre Bóveda, González Salgado e Paz Andrade…que prendeu longo tempo na memoria.

O compromiso galego e a vella amizade de Xosé María Calviño cos de “Nós”

Xosé María Calviño Mariño (Figueroa, Cerdedo 1892- Arcos, Carballiño 1971), foi vello amigo da familia de Otero, ao que don Ramón insistía que escribise a súa vida:  pasara pola Arxentina, Coruña, Lalín, Vigo, o Carballiño….. protexido de Basilio Álvarez, amigo de Vilar Ponte, de Cebreiro… de Castelao, de Cuevillas, mesmo Risco fora padriño de voda (1928), casado Escravitude Moure, natural de Cameixa, Boborás, da que tivo dúas fillas, Dolores e Ángeles, afillada de Otero, esta, a menor veciña de Arcos e benquerida no Carballiño; a maior, no 1956 emigra a Venezuela e logo a Puerto Rico … Calviño era anarquista, experimentado e convencido galeguista, leal seguidor de “s”  aos que acompañou nesa esencia de servir ao “espírito” de Galiza, e o espírito é a cultura. Lembramos a Calviño detrás do mostrador das oficinas de Correos da rúa de Ourense, finalmente nas da Alameda…co seu cabelo canoso, eléctrico, alporizado, como un aura Einsteiniana, coa garabata de loito, metido  nun ritual mecánico, burocrático, teatral tamén, estampando selos, queimando lacre entre arrecendo case sacro…  e saudando “bienvenido hermanoooo”…. Otero ecribia dil “ Home de gran corazón, que si algo tiña de torto era a súa garabata”.  Historia ben perfilada e compartida polo profesor de Lalín Manuel Igrexas Rodríguez no seu  exemplar blogHistorias do Deza”. Malia que, a súa filla  Angeles, que coidou e entendeu ao seu pai, prefira silencio. Teño que dicir do gran aprecio que lle tiven a Calviño, como lle tiñan os meus, que non esqueceron os anos de ensaio de teatro dirixidos por el, obras de  Charlón Arias, Prado Lameiro co elenco de Munín, Manolito Godas, “o Birria” e a Muñeca, miña nai…cando entre eles se atopaban imitaban ao actor  “Tacholas”, tirando foguetes e petando cos zocos nas táboas do escenario: Xiiiiiiiisssssssssssss…..Puuuuuuuummmmmm. Calviño animaba os meus artigos e regaloume algún libro vello dedicado polos seus “irmáns”.

Atopamos moitas referencias á familia Calviño nas “Cartas á Nai” de don Ramón, edición de Patricia Arias e Mónica Pazos, onde se denota a vella e fonda amizade deste coa casa de Otero: a nai de Otero da conta, de xeito familiar da estancia en Trasalba ou en Ourense das fillas de Calviño, pra durmir, pra xantar, do regalo que lle fan a Fita, a esposa de don Ramón, duns panos “muy bien bordados….” a  ida da menor á casa de don Ramón en Santiago, como alumna del,  pra estudar alí, engadindo que se aloxan na fonda da rúa da Troia… como Fita as leva ao cine…  cando a maior se despide e parte pra Venezuela….

O vencello de afinidade co Carballiño nunca o perdeu don Ramón, solicitado por Calviño ou por Rumbao pra Colaboracións literarias, dende 1951 para o “Ambiente”, impreso nun gris e arruinado mosteiro de Oseira, escola pra nenos difíciles, onde facían queixos, chocolate e tiñan imprenta…Tamén puxo fermosa limeira Otero ao feixe de versos de Fariña Jamardo “Poemas ao xeito vello para unha vila nova” 1957. Don Ramón estivo moi presente en delegacións que representaban ao Carballiño, mesmo acompañou ás xerarquías ourensáns cando se Consagrou o Templo da Veracruz, o 17 de setembro de 1952… Aspectos dos que Calviño, como delegado de prensa, daba boa conta en “La Región” ou en “La Noche”. Neste caso non podía ser pra menos pois o arquitecto Antonio Palacios, de fondo sentimento galego,  era vello coñecido de don Ramón e de Calviño, “Arquitecto da Raza”, promotor e colaborador de “Nós”.

Manolo Blanco Guerra “Celta”, Otero Pedrayo, Ogando… e a “Festa da Mimosa”

Don Ramón non sabía dicir que non a quen o reclamaba e velaí  eses seus textos para esas xoias de literatura local que son os programas das festas do San Cibrao do Carballiño… Andados os anos sesenta o Club Veracruz organizou no cine Alameda  unha conferencia del sobre Castelao,  Manolo “Celta” (fillo) e Pepe Prada fórono buscar a Trasalba, e ser presentado por Luis Martín.

Otero, Ogando , Sieiro na Festa da Mimosa 1967

Lembro ben os aplausos da xente a cada frase do orador… Imprescindible era Otero no tempo en que recenden en marelos os pompóns das mimosas e anunciaban o Entroido era cando o Casino do Carballiño dende 1967 e sendo alcalde Javier Perea, da man de Manuel Blanco Guerra  “Celta”, leal devoto de Otero, convoca a Festa da Mimosa, un encontro literario con toda a liturxia de Raíña, mantedores, escritores, oradores…Ramón Otero Pedrayo  nunca faltaba, acompañado de  Julio Francisco Ogando Vázquez, tan temido por nos, os seus alumnos “por libre”, natural de Beariz, incondicional como mantedor desta festa, gran orador, elegante e ao que don Ramón cualificaba como “a voz da montaña”. Noutras ocasións traído e levado pra conferenciar polo lembrado amigo e viaxante de comercio, Antón da Ponte.

Non foron fáciles os anos estertóricos da ditadura, cando se asolaga o mellor Ribeiro do Miño co encoro de Castelo, o Tribunal de Orde Público, as penas de morte…pero anos tamén de reorganización política, do nacente asociacionismo, onde agás na “Auriense” presidida por Nemesio Barxa era frecuente a presencia de don Ramón, de Xocas ou Ferro Couselo  pra impartir clases de idioma e cultura galega, namentres outros colectivos entendían aquel mundo herdeiro de “Nós” como “folclórico”

 Textos de Otero de letra enguedellada, as que me pasaban pra interpretar e transcribir, como o fermosísimo prologo do libro “Poemas e Contos da festa da mimosa” (1972), que ademais inclúe un debuxo e un pretensioso conto meu que fora seleccionado nos concursos do 1971,72. Organización entre a que se ve, como tantas veces, a man silenciosa de Pepe Prada. . Entre as iniciativas de Manolo “Celta”  está a que no mes de Santos do 1973 levou, a xeito de peregrinación rosalián, a unha comitiva carballiñesa á recen rehabilitada Casa- Museo de  Rosalía na Matanza de Padrón.  Aquí fíxose unha ofrenda de xerros de parede, a xeito de vieira, deseñados por Díaz Pardo en Sargadelos… Hoxe unicamente queda a foto daquela instalación.

Xerrros florais de Sargadelo, sofrenda do Carballiño a Rosalia

Recorrido que incluía unha visita ao sartego de Rosalía en Bonaval, onde alguén pedindo responso e non habendo crego, o mesmo don Ramón, sabedor de latín, dos “Dies Irae”,  improvisou un Credo e ate unha beata que por alí había dixo “ Din que andan na procura don Arcebispo, pois este Señor ben servía qu retornea ben os responsos”. Iso conta don Ramón nunha epístola a Martínez Risco… tempo aquel no que Compostela, despois da morte de Quiroga Palacios estaba orfa de bispo …. . (“Ao abeiro da Amizade” 1926-1976) cartas Otero- Martínez-Risco” ( 2021). Habería moito que contar dos encontro, xantares, entre Quiroga Palacios, Otero, Chamoso, parladoiros nos anos nos que este atopou na catedral a campa de Teodomiro…. Hai epístolas entre Otero e Chamoso, entre o vello profesor e o mozo arqueólogo, membros do Seminario de Estudos Galegos, vellos amigos.

Pouco despois dunha Fesa da Mimosa, no Entroido de 1973 un forte vendaval derrubou sobre os tellados da casa de Trasalba… a exótica árbore a “Araucaria” a que plantara o pai o día que nacemento do seu vinculeiro, un 5 de marzo do 1888. Mal presaxio… Escribinlle a don Ramón querendo compartir o pesar. Nesa espiral o 9 de abril do 1975 morre dona Fita e o 10 de abril do 76 o pasamento de don Ramón, amortállano de franciscano, como el quixo seguindo tantas tradicións dos franciscanos nos ribeiros…e de cadaleito un caixón feito coa súa “Araucaria”.

D Ramón Otero Pedrayo

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño