O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

IES CHAMOSO LAMAS

Por Felipe-Senén

“As nosas  vidas son os rios que van dar á mar e é o morrer…” a fins do século XV – tempos de conquistas e descubrimentos –  escribía nas “Coplas pola morte do meu pai” o fidalgo palentino Jorge Manrique. E velaí que ríos dan pra moito máis que para metáforas: a Auga é un dos Catro Elementos necesarios pra vida, pra alimentarse, regar, purificarse…pra apagar o Lume… Ríos que na protohistoria dividiron tribos, coutaban e encorábanse defensivamente ante brigas ou castros, aproveitados tamén pro proceso de lavado de minerais, como viveiros de peixes ou xunqueiras. Entón serviron como de fíos condutores e sobre deles trazáronse pequenas e grandes obras de enxeñería, pontellas de madeira, sinxelos pasais e poldras de pedra, como grandes e atrevidas pontes arcadas,  moitas das que a literatura popular contaba que foran feitas nunha noite polo mesmo Demo. Pontes sobre as que culminaba a cruz, onde se recomendaba que as parideiras, acompañadas de tres Marías, a medía noite, fixeran bendicións e ritos pra un bo parto… entre outros recibires, despedidas  e ritos de pasaxe… lembramos a cabezada que o cego lle deu ao Lazarillo sobre o pétreo e antiga escultura de verrón  da ponte sobre o Tormes en Salamanca. Rios traballados en presas, quenllas ou canles pra muíños, batáns, ferrerías, regos…

HIPER MASIDE

Ríos que son leito do esencial liquido elemento, fartura pra veigas, ambiente de troitas, de salmóns, anguías, lampreas….riqueza piscícola que cultivaron e recibiron a xeito de diezmos e primicias ás maiores abadías e canonxías de occidente.  Teoría da da contada  con gracia polo lembrado profesor compostelán Juan José Moralejo  Álvarez en “As troitas miñas señoras” (1981). E sobre iso da pesca e da lamprea ben ten escrito Álvaro Cunqueiro na “Cociña Cristiana de Occidente” (1969), a propia pro tempo das vixilias. Gustoso o mindoniense das troitas rebozadas en fariña de millo. E deso da pesca e das piscifactorías, ben  saben os que, alá polos primeiros anos sesenta crearon e avivaron a Sociedade de Pesca do Carballiño

 Don Ramón Otero Pedrayo, profesor de Xeografía na Universidade de Compostela, amigo dos libros e das viaxes,  escribiu moito sobre os rios e velaí algúns artigos  que os editores de ”Galaxia”, despois da súa morte, no 1976, reuniron  na monografía “Os río galegos”, paxinas cargadas de humanismo, desa interacción paisaxe-paisanaxe que caracterizou ao Modernismo e ao galeguismo do seu tempo. Don Ramón dende as solainas da súa casa de Trasalba, como  gran miradouro que é, enxergaba os cinco Ribeiros: o do Miño, Barbantiño, Arenteiro, Avia, Miño e no lonxe, baixo a silueta – de moucho coas  ás abertas – do coto de Novelle, o  Ribeiro do Arnoia. Ben gustaría don Ramón coñecer a obra contemporánea de Claudio Magris, escritor rumanés que valora a viaxe,  autor do “O eterno viaxar” e sobre todo de  “O Danubio” (1986), recorrido autobiográfico , enciclopédico, entre as certezas e as esperanzas, por este río, interaccionando todo por onde pasa o devalar das augas deste río céltico, suévico… E cavilamos canto podía dar de si literariamente ese Miño, o que dende o Pedregal de Irimia, da Fonmiñá, deixa Lugo e a Chaira cantada por Manuel María, para debuxar a Ribeira Sacra e recibir ao Sil… agarimar a Ourense, Ribadavia, Arbo, Tui e finalmente o “Ostium Minium” coroado polo pico sacro do Santa Tegra.

Polo de agora bosquexamos o humilde fluír do río Arenteiro, ao que asoma e circunscribe o Carballiño. Augas con  varios nacedouros, un deles na banda Noroeste da Serra da Martiñá, perto de Oseira, outro  no lugar de Arenteiro de Piñor, nutridos por outros regos, ate verter no Avia en Pazos de Arenteiro (Boborás). Augas que alongan o seu recorrido a través da Terra e do Tempo e fano en filigrana de curvas, entre lameiros, pedregais e misterios arqueolóxicos.

Sendeiro Carballiño-Pazos

Comezando polo nome de Arenteiro o que uns filólogos asocian con argentum, a prata, outros coa mesma area que porta e ben se aproveitou… tamén co arentar ou aro circular e mesmo co teónimo de carácter hidrónimo da deusa Arentía, vinculada coa curación a través das augas… probablemente entón en relación co antropónimo Arentinus. Nome coa orixe no núcleo de Arenteiro e Arenteiriño (Piñor de Cea) , onde vindo de Oseira se unifica o nome. Iso si, topónimos similares tampouco faltan no mapa de Iberia (Arenteiriño en Barrán , Arentia  en Boimorto)…. O catedrático de Historia Antiga, José María Blasco, como o arqueólogo portugués  Dr. José D´ Encarnaçao asocian Arentiae, Arentio coa devandita divindade prerromana, celtibérica,  moi documentada en Portugal, en Idanha nova, en Castelo Branco, en Zebres, como na Coria estremeña … Investigadores que poñen a terminación arcaica, indoeuropea “entia” en relación con auga e cos ríos. Teónimos  que lle dan aos lugares un carácter de rango mítico e arqueolóxico.

E o nome deu e da pra moito máis na vila do Arenteiro, mesmo pra titular a revista editada pola Sociedade de fillos do Carballiño en Bos Aires (1931), como dende  o 1958  o nome do equipo de fútbol que levamos dentro… E co título de Arenteiro (A peculiaridade nas feiras e balnearios) 1993, publicouse un meritorio traballo sobre a esta comarca. Obra interdisciplinar dirixida polo profesor Jesús de Juana que aetella xeografía, historia, a visión dun espazo físico concreto, caracterizado polo influxo histórico do Mosteiro cisterciense de Oseira, polas feiras e logo pola emigración: Beariz, Boborás, Carballiño, Irixo, Maside, Piñor de Cea, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea.

A máis dos novos sistemas de localización, dos mapas internáuticos que nos facilitan as novas tecnoloxías, servidor sérvese – pra ter a unha soia ollada a súa Terra – daquel vello mapa, o folio 187 da Edición Militar da Dirección General del Instituto Geográfco y Catastral do 1946. Mapa que lindeira polo sur co Miño, cara ao que vai o Barbantiño e, entre castros que foron torre medieval o seu afluente o Formigueiro por unha banda e pola outra o regueiro do Listanco, bordeando o solemne pazo de estrutura cúbica, lugar ben coñecido na infancia por Antonio Fraguas… logo o Avía que se atopa co Miño en Ribadavia, xa este liberado do encoro de Castrelos. Avia farto de recibir augas do Lentille, do Chandarcas, do Varón, do Arenteiro…do Viñao, do Loeiros…

O fluir histórico do Arenteiro: vida, lindeiro, camiño da montaña aos ribeiros 

Centrámonos nese noso Arenteiro, o que limitou as medievais Terras de Orcellón das de Castela. Fluír que ven desa confluencia de vales que deixa o anfiteatro formado pola Serra da Martiñá, preto de Oseira, a chantadina do Faro , a Cruz da Grade, a Madanela e o Paraño. Territorio montesío, o que ollado dende o avión Madrid-Compostela, vese rectangulado en longos muros de pedra, curros pro gando, trampas pro lobo e pra caza, onde tamén asoman vestixios dun pasado que o tempo oculta,  merecedores de estudo e protección.

Fervenza do Balneario

Arenteiro sombrío, inspirador, devalar que sempre dará que contar ou cantar a quen saiba expresalo, cousas que non prescriben nin caducan pra seguir a ser reto creativo. Ríos sempre a investigar: a microtoponimia, o estado da flora e da fauna, a enxeñería e a arquitectura hidráulica, os ritos e os mitos…

Ríos galegos de flora e esa fauna hoxe trastornadas polo intervencionismo, os vertidos, augas das que desaparecen as donosiñas, as ameixas de río, os vimbios, os xuncos, os ameneiros, os bidueiros, o biouteiro, o freixo…  os lirios marelos… as anguías, as lampreas e con elas tantos mitos, contos e saberes, espazos aproveitados dende o Paleolítico, vixiados por petróglifos, castros e minas antigas.

Arenteiro nos seus inicios alimentado pola confluencia de dous vértices: un os dos Regueiros que van formando o río Oseira, augas que nada mais nacer aprovéitanse pra regar  lameiros de aldeas gandeiras, con casas que sobreviven entre tanta emigración: Confurco con esa igrexa trazada nos anos sesenta polo mozo Adolfo Otero Cerdeira,  o que aprendía do seu pai as artes da pedra e que guiado de Antonio Palacios entendía e partillaba os segredos megalíticos e románicos, igual que o seu templo de Fátima, en Chantada.. hoxe en estado de abandono que avergoña a quen teña algo de sensibilidade. Neses cavilares deixamos en Confurco a ermida do Carme para pasar por Vilaenfesta, Aspra, Casanova, Covelo, Trabazos, o Campo de Casledo…. pra amansar as augas mesmo a carón dos muros escurialenses do  Real Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira, así con todas as letras, como antoloxía das artes e da historia de Galiza que é. As regras de San Bernardo de Claraval ben sabían da auga como fonte de bautismo e vida, esencial no “ora et laborat” no “a Deus rogando e co mazo dando”. Seguimos por vellas e gastadas congostras , as que por unha banda do río levan cara Cea como pola outra cara a Torguedo e Piñor…escenarios pra novela do Nobel  de Literatura 1989 Camilo José Cela “Mazurca para dos muertos” (1983). Lugares de nación de ilustres e vagamundos misioneiros franciscanos como Xoán Xacobo Fernández (1808-1860), natural de Moire e mártir en Damasco. Fluír do río Oseira que sigue polo San Martiño, onde o santo cabaleiro ten ermida pra logo pasar polos lugares de  Río, Betar, Pielas onde verte auga outro regueiriño das Veigas, pasar por San Xoán de Barrán, Mirela, Casandulfe pra nun vértice agaiado  confluir  no Arenteiro , entre San Martín de Camas, Boedes e Trigás… Aquí co aporte do Rego da Fervenza que tamén nace nas abas do Faro, mais o Oeste e pasa pola Cabana, Arenteiriño, Vilarello, Fontao, Cales coa ermida de Santiago, Pereira, Casarellos, o Reino, Arenteiro, Torguedo e Lousado….  Aquí sobresae no val a grandiosa fábrica Papel, herdeira dos saberes da Ilustración…e historias dos seus promotores e propietarios, Antonio Rivero de Aguilar, e das andanzas de Pepa Loba…Todo unha novela tamén  pois o traballo histórico “As fábricas de papel na Comarca do Carballiño “ ( 2010) xa está encetado por Xosé Luis Sobrado e Francisco Fumega, dando así cumprimento a un vello desexo que me transmitía Otero Pedrayo. Loeda e Lousado, onde aquí teñen casa os Rodríguez Legísima, influe ntes franciscanos, militares, xurisconsultos, xentes de letras, como de Carme Rodríguez Legísima (1896-1980) pintora expresionista das flores e dos bodegóns… entre outros que non tiveron maior gloria terreal que a súa misión polo mundo  As fontes da Madanela nutren un rio mozo que colle forza.

Arenteiro que recibe as augas do Marañao preto da ermida do San Bieito, augas que serpentean cara Lobás e ao Castro do Mosteiro, paisaxes na memoria do  “Gorila”, campión de loita libre, gloria destas terras nunha Alemaña na que se perdeu a súa memoria…

Fábrica Madeira Ponte Veiga (1920)

Augas preferidas das pulpeiras, as que deixan nas súas ribeiras o Bañiño de Arcos, unha piscifactoría, a Xesteira, o encoro do serradoiro coa súa nora de madeira dos Peña… a medieval Ponteveiga sobre a que temos recollido lendas en relación co pozo escuro, o que baixo o seu arco gótico,  erguido entre penedas, unha que os mozos chamaban a Tarpeya e dende a que, no verán, se lanzaban á escuridade das augas … a presa do muiño do Cuco, baixo o viaduto do ferrocarril Zamora-Coruña, coidadísimas obras antolóxicas dun sobranceiro grupo de enxeñeiro, entre os que estaban  José Luis Tovar Bisbal, Martín Gil e o mesmo Marcelino Parrondo…. Era este o tramo do río a máis solicitado pro baño estival dos anos setenta, baixo a música de transistor…  o Cornuval con fonte de sona, bordeando o que foi campo da feira….pra apresarse en novo encoro e fervenza ante o edificio acastelado do Balneario e  seu arrecendo a xofre, pintorescas paisaxes noutrora veciña dos muíños de Toscaña, desaparecidos integralmente a fins do sesenta, xunto coa significativa casa do muiñeiro…

Desaparecidos muiños de Toscaña, foto de Ksado, 1920.

Queda o entón gran lavadoiro, desaparecido o  Matadoiro, espazos para as nocturnas e concorridas sesións de fogo acuático nas festas do San Cibrao… e o Parque onde o río bordea as que foron brañas das Insuas, ás que asomaba aqueloutro serradoiro, tamén de sonora nora de madeira e sombrío encoro pro baño… Nada quedou ao facer a ampla estrada que agora ribeirea o río. A presa da Lavandeira, reutilizada en todo tempo pra que foi fábrica de papel, rehabilitada pra museo polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto…. e pra Piscifactoria. A Pena dos Namorados, augas xogando entre as Lousas cos muiño do Filomeno, recuperados como mostra da arquitectura do pan…e nova fábrica de madeiras, a de Godás ..a ponte medieval da  Pontarriza, os muíños de San Mamede de Moldes, San Pedro do Bouteiro cos restos da terceira e máis pequena fábrica de papel do Arenteiro, co encoro de Paradela e a memoria do que significou CHEDA, a Companía Hidroléctrica do Arenteiro… O Castro Cavadoso e a súa ponte, arriba  os solemnes pazos de Cabanelas pra seguir o río entre penedas moldeadas e caer no Puzo dos Fumes, pasar baixo a ponte de Pazos de Arenteiro, coa imaxe de Santiago na doela… e máis abaixo o esqueleto arcado da Ponte da Cruz, preto da que o Arenteiro  perde o nome  e se une co río que ven de Avión, o Avia, o que pouco atrás deixou o encoro de Alvarellos…Ben se soubero aproveitar hoxe estes vellos camiños pro lecer do sendeirismo.

Augas arremuiñadas tamén entre contos de trasnos, da compaña, da estadea, das señas, de silenciosas luminarias de pasado, herdeiras de ninfas e nereidas antigas, as que se moven entre a brétema e os misterios do pasado, con recendo a  sulfuroso xofre infernal  e dis que mesmo a incenso celestial… anunciando algún afogado. As invernais paisaxes grises en días das cheas, cando todo o pobo, asombrado concorrían a asomarse á ponte de Toscaña: os lameiros do Balneario asolagado, o bruír das augas no desguedello da fervenza… imaxe oposta ás das secas que deixaban espidas as esbarradizas, misteriosas e erosionadas pozas e coios . E aquelas barquiñas tradicionais, que antes das pontes levaban aos muiñeiros dunha a outra banda, as que nos anos cincuenta quedaron dedicadas ao ocio, complementarias do vermouth (por pajilla) na terraza do Bar Tunel do Parque… E as lavandeiras, tendendo e clareando a roupa, cando non lavando as tripas da matanza e meténdoas nun barreñón…o exhibicionismo dos mozos no baño ante os augüístas do Balneario asomados ao miradoiro das Tres Penas…. Si o río falara….

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño