Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Por Felipe-Senén

Curioso topónimo o de Flores, o que – polo camiño fácil – asociamos coas flores. Mesmo, ao cabo do tempo, déuselle ás labirínticas canellas deste barrio orixinal do Carballiño o nome de mirto, loureiro, xasmín… E quédome coa teoría do meu amigo César Varela, quen mirando ao  historiador portugués A. de Almeida Fernándes, coida que mais puidera ter que ver cun antropónimo de tradición medieval derivado de Froilán, como acontece en tantos “Flores” que se repiten polo mapa de Portugal e outras partes do mundo hispano.

AVANTAR ACTIVIDADES

A urbanización do Carballiño, dende os seus comezos, deulle as costas a este barrio, como a parte de atrás da Casa do Consistorio. Situado entre os camiños do Sur, os que pola Carreira  pola Pena levaban a Dacón, Maside e aos ribeiros do Barbantiño e do Miño. Rúas que, nos inicios do século XIX,  esgaiándose un chisco, conducían ás orixe da mesma vila que era a parroquia do San Roque de Señorín e Santiago de Partovia pra seguir cara ao Ribeiro do Avia, o da Encomenda de Beade e o dos Condes de Ribadavia… E entre uns e outras vías un enguedello de cutiños, carreiros, cómaros… que ao mesmo tempo relacionaban coutaban propiedades

Flores, vista parcial aerea, 1965 (Edic. Felipe. López)

Así pois aquel humilde e traballador barrio de Flores, costa abaixo, tiña os seus límites, un xeito de fronteira ben marcada: detrás do Concello e nun lateral da Igrexa Vella, hoxe rúa Cesáreo Tizón e onde estaba a que foi grande “Casa da Orde”, desamortizada, divida en tres partes, a máis grande que sigue sendo do bispado e na que viviu a Zamorana, muller de médico…logo a do Andrés Rodríguez e finalmente a nosa, a única que mantén a estrutura orixinal:  o gran portalón do que foi e que hoxe so da saída e paso a lembranzas que esvaecen. Casa que tiña outro fronte,  ben coidado,  cara á Eira.

O primeiro núcleo  de Flores conformaríano as casas que abeiraban a verea que dende a capeliña do San Bieito (onde a inicios do sc. XX se construíu a primeira parroquial) a que, pola Eira  seguía cara ao Mato e Carrás, para acercarnos a Señorín… Décadas despois, pola devandita traseira do Concello abriríase outra máis ampla rúa, con alhóndiga e que, pouco mais abaixo da fonte de Flores encontraríase coa  primeira. Logo, nos anos 50 do século XX construiríase a máis ancha cara Señorín, en paralelo ás outras. Este era o improvisado urbanismo trazado polas xentes da feira. As fontes, coa súa pía – tan necesarias pra vida, especialmente pro gando – dan proba deste urbanismo que sabía recibir e despedir coa bendición da auga: beber e lavarse. Asunto das fontes moi coidado pola ilustración municipal do pasado.  

Eran aquelas primeiras casas, elementais, baixas, porta e dúas xanelas, unha a cada banda, feitas de cachotería, incluso moitas de táboas de madeira, xi acaso cun piso, iso si, estas, as máis potentes, co seu patín e solaina , onde no fonte non faltaba unha parra pra dar sombra no verán,  nin o seu resio pro carro, pro almacenaxe de leña, pro lecer ou pra ver medrar e florecer unhas plantas. Algunhas destas casas rodeaban un curral pra usos comúns, un xeito que pervivía tomado do xeito de colocar en roda os carros.

Flores, Curral (foto Felipe L. Lopez 1965)

 Ao cabo dos anos, as diferentes corporación non souberon equilibrar o pasado coas novas necesidade: o aumento de volume das edificacións en todas as direccións provocaron a imaxe do desbaraxuste que aínda vemos e como asoma cabeza por detrás do mesmo edificio do concello.  Nin se preserva o vello, nin se lle da categoría ao novo.

Palleiros, cortes complementados con casiñas elementais tanto pra vivir como pro afumado dos produtos da matanza, sequeiros de peles…. Canellas que atravesaban entre e baixo as casas-pontillón, unindo as dúas vereas

E resulta curioso, onde non deu tempo máis que a construír dous humildes cabaceiros: o da eira de Flores e o do Maneiro, na costa de Flores…case a carón da Gazpara.

Eran aquelas dependencias pra grupos de feirantes de diferentes procedencias e que quedarían asentados na vila: Rodríguez, Francisco, Pereira, Reque, Piteira…. Devotos  do San Bento por desexo de Oseira, de San Francisco e  de San Antonio polo paso dos franciscanos que se movían nestes ambientes… e sobre todo o primeiro Patrón de Flores era o Bon Xesús, advocación moi indicativa de grupos de portugueses que aquí  tamén se asentaron.

Casas nas que non faltaban emparrados, os que, envellecidos, resisten

Flores, camiño vello de Señorin, Regueiro (1920)

Aqueles primeiros establecidos eran gandeiros e labregos, os que ao mesmo tempo se foron facendo con  eidos e lameiros nas ribeiras do regueiro… taberneiras, panadeiras, carpinteiros, toneleiros, follalateiros, paragueiros, talabarteiros… algúns iríanse facendo poderosos xamoneiros. Xente de lería que ben sabía celebrar a feira, a romaría e a festa que lle daba vida.

Xa nada queda, sendo aquel o reino dos alcumes, de grande valor antropolóxico, algúns indicativos de procedencia, como Lentille, Riobó, Garabasa, Portuguesa…. como do oficio paragueiro… e  mesmo por características físicas ou teimas. Alcumes coa ansia de non ferir, non me gusta moito usar, aínda tendo unha boa relación deles e si o fago será sempre con toda admiración…pois quen isto mesmo escribe é dos Reque e fillo da Muñeca…como había os do Piros, as do Pico, as do Putos (e iso dos putos é polos nenos, quizais en relación con portugueses que tamén aquí asentaron) o Libiera, a Rispada, Macarrillos, Moitas, Auriñas, Huesito, Moucho, Preñado, Guisante, Chanchullo, Lanas, Teta, Peta, Asombrado, Cegalagartas, Amarillo, Monigote, Estuka, Vidrinis, Piña, Furalta, Mazasa, Monada, Tupino…. nomes da miña infancia e moitos deles desaparecidos nos camiños da emigración.

Entre aquelas casas, a máis antolóxica sigue sendo a que conserva a miña curmán Rosa Nuñez Muñoz e as súas fillas, a que foi do Benito Reque, co seu patín, solaina e parra e  no baixo a corte e a palleira que hoxe é a “Bodega”. Espazos que ,por certo,  mostran fotos, artefactos e memoria… Casas de feitura aldeán, no interior divididas por medianeiras de madeira, caleada, amobladas de camas de boa carpintería ou de ferro…auténticos museos do esencial, tamén de certa dignidade e pobreza, respecto a outras casonas de máis nova construción que dende mediados do século XIX comezaron a asomar á rúa principal e nas súas novas rúas paralelas.

Casas,  as que case todas tiñan por diante, a modo de viseira de verán unha parra… Mesmo a Casa da Gazpara, en orixe a Gaspara dosCharrancas, pulpeiros por excelencia… tiña resio esquinado e emparrado especial sobre del . Algo que parece ser a Comisión Territorial de Patrimonio non entendeu ou non se lle soubo explicar. Emparrados, tradicións que sucumben.

Unha das tabernas que para min era o embigo daquel Carballiño da feira era a taberna da Concha da Rispada: un pequeno e colledor alpendre pra recibir e dentro un amplo espazo de chan de terra de sabre ben pisado,  sobre del mesas longas, relavadas, brancas e gastadas por lixivia…o mostrador de madeira pintada de azul, un alzadeiro coas cuncas de louza branca e xerras tamén de louza decorada, de Talavera…espazos onde recendía a tinto espeso, aquel que facía o rosario ou o ollo de perdiz nas cuncas brancas…que pingaba nas táboas e improvisaba “Laxeiros”. Xa nos entendemos o que quero dicir. Por certo Laxeiro era ben amigo e rival nas mozas do Pepe Reque… Ese mundo da feira, da festa, do camiño, da taberna que está tamén na Arte.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño