Fun cantando

IES CHAMOSO LAMAS

Manuel Herminio Iglesias


Fun cantado un alalá  pra alixeirar o camiño,

OZOCOgz Deseño Galego

tantas veces o cantei que se fixo meu amigo.

Fun cantando un alalá pra levar mellor a andaina,

e decateime que o canto cura as penas da alma.

Cantai rapaces cantai, que o cantar sempre fai ben,

que o  dia que non cantedes algo en vós está a morrer.

Canto que sae da alma, vive sempre na memoria,

e lembra amores pasados que  agora xa son historia.

Fun cantando u alalá entre os carballos e os  bidos,

e os paxaros que voaban tamén cantaban comigo.

E sentinme tan contento que esquecín penas e prantos,

e agora sempre que podo camiño ledo  cantando.

Fun cantando un alalá pra alixeirar o camiño

e fuxir da soidades e as trasnadas do destino.

Pra fuxir de moitos males, eu sigo cantando agora,

pois o canto é vos pra todos: menciña liberadora.

Tempo de verán. No pais, a pesares da vaga de calor e dos grandes  incendios,  hai festas e festivais  por tódalos ecunchos.  Os programas dos concellos tentan ofertarlle ós cidadáns alternativas culturais e lúdicas. Na cidade das Burgas todo sigue escuro, nada salientable se espera e, a desfeita cultural,  continua capitaneada polo alcalde Jácome.  Mais, a pesares da gevedade dos lumes e da sequía,  o que manda en toda Galicia  son as festas populares ós santos e os produtos da terra e do mar.  A xente, despois de dous anos de silenzo, quere saír e sentir a ledicia de vivir; a ledicia de falar cos demais,  de verse e darse un beixo nas meixelas. En fin, de disfrutar da compaña de amigos e da familia e  de esquecer  as trasnadas da Covid, da guerra de Ucrania,  dos problemas do medio natural  e de  todo aquelo que nos quita o sono.

E os versos do principio  traénme á memoria os tempos daquelas festas nas que aínda non chegaran esas amplificacións que nos abouxan e impiden as conversacións. Os músicos tocaban a pelo e  sen tantos artiluxios ou con sinxelos autofalantes colocados  de arbore en arbore como  acontecía no xardín do Posío. Mais daquelas podíase falar coa parella e manter unha conversa fluida. Eran os anos da orquetra Auria, dos arquinos  e outras. O obxectivo era o baile, a diversión  e buscar unha relación de amizade ou do que fora.  Agora, nos tempos que corren ademais de non poder falar, tampouco os mozos e mozas cantan. Todo quedou como unha lembranza do pasado. Pois, tristemente, entre o volume das amplificacións e as estridencias musicais de moitos grupos, xa non se  pode cantar nin se entende o que din dende eses palcos  cheos de luces pois  bérrase e todo é balbordo. As festas,  que son a alma dos pobos e aldeas,  trocaron o paso e xa non son o que eran. Di un refrán que: quen canta os seus males espanta. E, en certa medida,  é verdade. Pois ben,  agora que, na teoría,  os rapaces saben máis de música, pois nos colexios os mestres ensínanos a cantar, cando chegan esas festas, o que manda xa  non é o canto:  son os decibelios. E con tanto volume  nin se pode cantar nin falar. O abuso dos medios electrónicos non axuda ren a mellorar as condicións musicais. Non hai moito tempo estiven no Principal desta cidade escoitando un concerto de Xabier Díaz, e si había unha pequena  amplificación. Mais resultaba agradable. E sabedes o que máis me gustou do concerto? Pois foi, cando o público cantaba parte das cancións e os retrousos. Pois ese feito levou o artista a dicir: que ben se canta en Ourense parecedes a Coral de Ruada.  A técnica, na súa xusta medida,   é un bo complemento para a música. Máis cando abouxa é un indicativo da mediocridade dos que a empregan. Cantar non é berrar nin escudarse no abuso dos  decibelios que tanto molestan.

En fin, os versos do principio recórdanme os  tempos de cando ía ás mozas. Cando a xente con moi poucos medios  cantaba na rúa, cando saía de ronda, cando entonaba cancións despois do xantar, ou cando cantaba nas igrexas do pais. Agora xa non se fala nin se canta. Pois mentres xantamos vemos a tele ou escoitamos as novas pola radio. Por eso,   ises versos sinxelos, son  versos que  sirven pra lembrar dúas cousas:  a primeira é que o canto sempre fai ben; pois é menciña liberadora que axuda a liberarnos,  fuxir dos problemas e  vivir ledamente. A segunda é que  cantar forma parte da nosa vida e tamén axuda a exercitar as cordas vocais,  que son un elemento vital pra comunicarnos. Polo que, o de berrar, non é cantar nin axuda a nada. Por iso, hai moitos anos,  fun cantando un Alalá, e  a pesares do que acontece na  nosa vida, do balbordo que nos invade,  cando podo,  sigo cantando.


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

Nin Música nin Letra

Un home feito de cartos

Tempo de lecer e refexión.

As leiras a ermo

A longa sombra da corrupción

Erro Histórico

Llegó la mami….

Un crego de parroquia

Ourense: Sen obxectivos nin proxectos

e Ourense, existe?

O Nadal da Saudade

Unha area no zapato

Serrat e os cantautores

As incertezas na aldea global

Ourense, por riba das ideoloxías

O importante é a pasta

Sos Ourense!!!

Ourense cara un ermo cultural

Vandalismo, botellóns e desleixo

Na procura da felicidade

Dúas maneiras de actuar na política

Tinte galeguista

Abrindo un novo camiño

Lembrades a democracia organica?

Actuar en manada

Os refráns na política

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas