Os refráns na política

Manuel Herminio Iglesias

Publicidade

O refranmeiro popular sempre deu frases pra ter en conta. Polo que os refráns son ditos que baseados na experiencia de milleiros de anos  deixan unha conclusión que axuda a reflexionar sobor dun feito ou dun acontecer que nos afecta individual ou de maneira colectiva.

Pois ben, o acontecido recentemente no concello de Ourense, coa volta ó poder dos populares, deixa un tufo que cheira moi mal. E digo que cheira que alcatrea pois o pacto con inquilino Jácome e os seus acólitos, por moitas voltas que lle dean, non deixa de ser un fiasco monumental no que os populares, esquecendo aquelo que di: o que con rapaces se acosta.., pois está a acontecer nunha cidade sen mar. E é así pois o descalabro no concello nestes dous anos, máis os catro anteriores do Sr. Vázquez, pasará a historia desta Auria como un tempo de desfeita e escuro     que     precisa esquecerse e axiña  e facer  unha catarse colectiva pois todos temos algo de culpa no asunto.

 A volta  mendicante do PP ó goberno, por moitas voltas e  xabón que lle dean os seus voceiros, é unha baixada de pantalóns dos populares diante o trío Pachan. Volver ó poder pra non quedar fora da foto e, porque non dicilo, cobrar o soldo,  é de por si un claro indicativo de que, na política do Concello,  estes señores non están pra servir á cidadanía. Están, entre outras cousas, pra cobrar e vivir da política e o demais que o parta un raio.

Salvar a Deputación trouxo iste descalabro. Trouxo o desprestíxio dos ourensás diante o resto de Galicia e fora dela; trouxo poñer na cadeira de mando a un señor e un grupo de persoas que chegaron ó concello pra escarallar o pouco que funcionaba medianamente ben. E agora,  os que se opuxeron á moción de censura, e impediron que a lista máis votada formara un executivo en minoría, culpan ós demais da súa inacción e, véndose fora de xogo, axeónllanse e tragan o sapo  ante un triunvirato que lles gañou a partida e que tamén está en minoría.

Moitas veces pregunto se o PP ourensán  saberá vivir sen ter poder. Pregunto se poderá existir na oposición sen ter a Deputación. Pois na súa traxectoria sempre tivo o obxectivo  de estar montado no machiño a costa do que fora. Primeiro UCD, logo, desaparecida Coalición Galega, formaron  Centristas de Ourense e posteriormente  todos en manada ó PP. Cheiráballes o poder e o mando en praza e iso é algo que tira moito.

Tanto a provincia como a cidade nas vindeiras eleccións municipais terán un reto que afrontar. E os cidadáns serán os que dirán a derradeira palabra co seu voto. Mais, nunha cidade que esmorece e unha provincia que camiña cara un deserto humano, os votantes, se son conscientes desta realidade, terán que  decidirse ante o dilema seguinte: ou seguir esmorecendo ou explorar outras alternativas.

Os experimentos cando se fan con algunha forza política moi peculiar como é o caso desta cidade,  son como a gaseosa; son acordos pra foto e nada mais. Pois  carecen de credibilidade. Mellor son un pufo que agora pagamos todos. Por iso,  os refrans aplicados á política  deberían facer  reflexionar a mais de un.  E lembro algúns significativos: Dime con quen andas e direiche quen eres; ou,  o que con rapaces se acosta…En fín, que os refráns estan avalados pola experiencia e son fontes de sabedoría. Apliquémolos e seguro que nos ira mellor.


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas