As miserias na política

IES CHAMOSO LAMAS

Manuel Herminio Iglesias


Os seres humanos temos moitos lastres que enmerdan a nosa existencia. Somos esa especie que ten a capacidade de devorarse a si mesma. Nestes días todos temos que facer unha reflexión pra poder dixerir que un pai sexa capaz de eliminar a un fillo indefenso. Que falla na humanidade pra que se chegue a unha  situación tan  aberrante. Non á violencia machista  ten que ser un berro unánime.

O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA

Mais o meu comentario, ademais do reseñado e a dor que ises feitos nos produce, quere falar das miserias que tamén hai na  política, ou mellor das persoas que exercen na vida pública e actúan soamente polo interese persoal e non polo colectivo. E pra iso a primeira cuestión está en entender como tantos charlatáns de feira poden embaucar a milleiros de persoas berrando e prometendo o ouro e o mouro, e incumplindo despois todo o que dixeron.

Sempre pensei que vivir en democracia traería máis educación e  cultura e, polo tanto, máis saber. E iso daríalle ás persoas  a capacidade de discernir entre o grau e a palla; ou entre quen é unha persoa bácua de sentimentos que minte,  doutras sensatas que falan con razóns de peso.

Levo moitos días escoitando que, por primeira vez en moitos anos, a nosa cidade,  non ten proposta programática cultural no concello. A cultura que a pague quen a queira, dixo o noso rexidor. Polo que, en Ourense,  pasaron os maios e as festas da cidade e, aínda que estamos co tema da pandemia, non houbo nin unha lembranza que fixera mención a esas efemédides. Por outra lado lembro que   desfíxose a Bamda de Música e fuxiron festivais que lle daban nome e peso á cidade fora de Galicia, baleirase de contido o Auditorio e molesta ate a existencia da  UPO. E, o mais tristeiro, é que  non pasa nada.  Ben sei que, cando a sensibilidade humana é nula, e non se distingue unha boa banda de musica dunha charanga, ou non se distingue o chamado rok sínfonico ou decibélio festivo dunha sinfonía,  pouco podemos  esperar.  Mais cando se é  gobernante, e se adquire a categoría de autoridade pública,  é obrigatorio facer un cursiño de mínimos de comportamento, saber estar; ter  cultura xeral e musical e sobor de todo de ética  pra non facer o ridiculo e  moitas  cafradas que logo pagamos todos.

En Ourense señores morreu a cultura animada dende o concello. E  levamos dous anos nos que, o pouco que existía desapareceu, porque seica era tirar cos cartos.  E preferiuse encher o concello de asesores que incluso andan cunha cámara  pola rúa ensalzando as virtudes dun goberno formado por un triunvirato que existe por obra e graza dos populares;  grupo político que rabea por volver e  seguir no mando a costa do que sexa.  E pra iso culpa a outros do que é o seu deber: apoiar unha moción de censura que saque do poder a quen hoxe ocupa a cadeira municipal.

En fin, aforramos de gastar unhas cadelas anuais   no mantemento da cultura, pra tirar máis dun millón de euros en soldos a achegados co nome de asesores.

Cando na política só conta o obxectivo de manterse no  poder como sexa, afloran as miserias humanas; aflora a miseria política que só trae podremia e deterioro da vida pública.  E a  vida institucional esmorece de tal maneira  que todos saímos perdendo. E iso é o que pasa neste  Ourense onde todo está por chegar e nunca chega.  Hai cartos pra invertir: sí. Agora 62 millóns de euros.  En qué? En ocurrencias. As miserias da política campan nesta cidade e pagarémolas todos. Mentres,  quen pode arranxar o tema, está agochado por comenencia partidaria e tamén  propia no Pazo Provincial. De pena.


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas