Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.
Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:
Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos ecosistémicos.
Como xa sinalei en anteriores artigos en BadalNovas, para ben ou para mal, o futuro de Carballiño, en boa medida, require a toma de importantes decisións que deben materializarse nun curto prazo de tempo. Entre outras cousas, porque están sobre a mesa importantes retos estratéxicos que non admiten demora, xa sexa porque o benestar social así o require ou porque neste momento danse oportunidades que non se poden deixar escapar.
Salta á vista que é urxente facer fronte a toda unha serie de asuntos de gran transcendencia para determinar o futuro de Carballiño 2030-2050, por exemplo:
- A realización dun novo concurso para a xestión da auga, nun marco de escaseza do recurso,
- o mantemento do modelo delegado da xestión domiciliaria dos residuos por parte da Deputación ou a asunción dun modelo de xestión municipal,
- a ratificación do emprazamento seleccionado para o novo Centro de Saúde, e nese caso, a elección da localización dunha nova Estación de Autobuses,
- as reformas necesarias no centro urbano para xerar unha vila do século XXI, facilitando unha mobilidade cómoda e segura baseada na prioridade do peón sobre os coches,
- o modelo de aproveitamento dos servizos ecosistémicos do Parque Municipal e o seu “achegamento” ao centro urbano,
- a Ampliación do Polígono Industrial considerando a súa repercusión nos recursos naturais, nas infraestruturas básicas existentes e, en xeral, na configuración urbanística do municipio, ou
- o impulso do desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Urbana e a súa revisión para que, despois de vinte e cinco anos de vixencia, de satisfacción ás necesidades reais que ten hoxe en día o municipio.
Para formular posibles solucións a asuntos que exceden o alcance da rutineira xestión do día a día requírese ter en conta, polo menos, tres principios:
- Coherencia das propostas. Para conseguir unha adecuada formulación de cada un dos asuntos anteriormente nomeados, débese ter moi claro cales son os obxectivos a alcanzar (para que e para quen), analizar a multifuncionalidade do territorio (conflitos que se poden xerar) e identificar e avaliar os beneficios derivados das diferentes propostas (no territorio e no tecido social).
- Valor da ciencia. Para asegurar que os obxectivos sociais, económicos e ambientais se logren dunha maneira eficiente, segura e sostible, as solucións que se propoñan han de estar fundamentadas no coñecemento científico e no asesoramento técnico.
- Criterios de gobernanza. Para garantir a participación da cidadanía, as decisións deben ser consultadas cos axentes sociais e estar avaladas polo acordo de amplas maiorías.
Dentro deste contexto de necesidade perentoria de dar solución a asuntos de gran relevancia para o futuro de Carballiño, o pasado 28 de maio celebráronse as XII Eleccións Municipais nas que os diferentes partidos políticos obtiveron os seguintes resultados:
Como se pode observar, produciuse un escenario fracturado en catro bloques políticos, no que un deles ten unha menor representación, e os outros tres teñen un alcance parecido. Como resultado desta circunstancia e de non acadar un acordo de gobernación entre estes últimos, foi reelixido Alcalde o representante do PSG-PSOE, Francisco Fumega Piñeiro, por ser a súa a lista máis votada.
Chegados a este punto, diriamos que a xestión do escenario de futuro de Carballiño presenta dúas características diferenciais. Por unha banda, os asuntos estratéxicos pendentes de resolver sobresaen tanto por ter unha elevada complexidade técnica como polas súas numerosas e cuantiosas repercusións na estrutura territorial e social. Por outra banda, a organización municipal que resultou das pasadas eleccións destaca por presentar unha división ideolóxica interna, equidistante en forza relativa, que obriga á procura de solucións de consenso.
Para establecer un marco de xestión adecuado a estas circunstancias, no que os grupos políticos poidan interactuar, é preciso que estes dispoñan de documentos técnicos nos que se definan posibles solucións, se analicen os pros e os contras das alternativas formuladas e se cuantifíque o custo económico de cada unha delas. Dotándose dunha boa ferramenta de traballo, os grupos políticos poderán estudar, debater e establecer acordos de forma apropiada sobre os asuntos transcendentes pendentes de resolución.
Deste xeito, a capacidade para dar unha solución adecuada a cada un dos diferentes asuntos estratéxicos pedentes de resolución pasa forzosamente por proverse dun corpo técnico propio de especialistas ou de recorrer ao asesoramento externo. A primeira solución é a máis conveniente, pero require dun tempo e duns recursos económicos dos que o concello non dispón, polo que acudir ao asesoramento externo pode ser unha das vías máis eficiente para xestionar este tipo asuntos, especialmente en situacións orgánicamente complicadas.
Neste caso, un conxunto de expertos alleos á organización municipal, a partir da análise dunha situación determinada, nun ámbito espacial concreto, elaborarían un soporte documental que inclúa a definición detallada de propostas de actuación, sustentadas no coñecemento científico, para que sexan estudadas, avaliadas e debatidas polos distintos grupos municipais e, en consecuencia, adopten as determinacións que consideren máis oportunas co maior respaldo social posible.
A profesionalización das administracións locais no eido da planificación e da avaliación de políticas e servizos, aumentando os recursos técnicos no ámbito estratéxico ou no operativo, facilita a toma de decisións desde unha perspectiva integral e ademáis, nunha maior parte das situacións, incluso proporciona importantes aforros económicos.
Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:
A “Parada de Autobús Intermodal”
O plan especial de seca: un plan moi especial
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VII): “mobilidade segura e confortable”
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (V): As infraestruturas verdes.
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (IV): A auga, ese ben escaso e moi valioso
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro
Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial
Las alternativas para la ampliación del polígono industrial
La ampliación del polígono industrial en información pública
Ahorro de energía en el alumbrado público
Ahorro energético en comunidades de vecinos
El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud
Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas
Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable
Carballiño: Puerto seco de Galicia
Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial
La ampliación del Polígono y el Paisaje
La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico
La ampliación del polígono y el patrimonio natural
Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial
El poligono industrial de Maside