Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.


Para abordar a necesidade de intervir na Avenida Julio Rodriguez Soto, coñecida como “A Avenida”, comezarei por subliñar que a Praza de Abastos constituíu desde sempre un punto de referencia na concorrencia dos veciños do Carballiño, aínda que nos últimos tempos presente unha situación de declive que é preciso tentar reverter. Ao mesmo tempo, este eixo constitúe unha vía preferente para acceder á zona máis comercial da vila.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra parte, a futura reforma do Balneario e o feito de que neste punto se atopa o acceso ao Paseo Fluvial do Arenteiro máis próximo do centro urbano, reforzan a potencialidade de atracción desta zona para os camiñantes.

O sinalado anteriormente conduce a conclusión de que unha das actuacións prioritarias a desenvolver, é incrementar as facilidades de acceso a estas zonas, neste caso tanto peonil como motorizado, utilizando para iso “A Avenida”. Polo tanto, unha actuación urbanística nesta vía tería como finalidade acadar os seguintes obxectivos:

  • AUMENTAR A CAPACIDADE PEONIL confortable, A SEGURIDADE percibida e ACCESIBILIDADE universal no eixo oeste do pobo.
  • FAVORECER A ACCESIBILIDADE MOTORIZADA, directa á Praza de Abastos e indirecta á zona máis comercial do centro da vila.
  • Recuperar o ESPAZO PÚBLICO PARA O DISFRUTE ESTANCIAL da poboación, no que a vexetación e o mobiliario urbano aporten valores nunha nova paisaxe urbana.

En consecuencia, estímase necesario poñer en práctica no citado ámbito espacial as seguintes medidas:

  • Manter ou aumentar os espazos destinados ao ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS e favorecer o seu uso rotacional.
  • Establecer as CONDICIÓNS PARA O DISFRUTE PEONIL en condicións de seguridade (ampliar as beirarrúas, utilizar pavimentos confortables para o paseo, favorecer a accesibilidade universal, etc.).
  • Aumentar o ESPAZO VERDE QUE HUMANICE A ZONA DE PASEO e que facilite poder establecer un espazo estancial e de repouso.

No que se refire ao aproveitamento da rúa para uso de estacionamento de coches, como xa puxen de manifesto no anterior artigo, ábrese un amplo abanico de posibilidades que van desde a ausencia de automóbiles na rúa, ou o actual uso de aparcamento en liña, ata alcanzar a súa máxima capacidade de estacionamento con aparcamentos en oblicuo cando o ancho da rúa o permita, pasando polas diferentes combinacións destas distintas modalidades.

Neste caso, entendo que o máis apropiado, ademais de facilitar e aumentar a mobilidade peonil, é acrecentar a capacidade de estacionamento de vehículos, para FAVORECER A ACCESIBILIDADE DIRECTA Á PRAZA DE ABASTOS E CAMIÑANDO UNOS POUCOS METROS Á ZONA MÁIS COMERCIAL DO CENTRO URBANO.

Polo tanto, considero que o deseño máis operativo sería manter o estacionamento en liña en toda a súa extensión actual na beirarrúa dos números impares, (desde a Praza do Emigrante ata a Rúa Margarita Taboada) e establecer o estacionamento en oblicuo na beirarrúa dos números pares en todos aqueles tramos que a sección da rúa o permita (Rúa Cuba/Brasil ata a Estrada Astureses). A decisión desta determinación baseouse tanto no servizo que se pretende dar á Praza de Abastos como á presenza dun maior número de garaxes neste lado da rúa. Unha simulación desta transformación móstrase na seguinte figura:

Poderíase pensar que as novas medidas de acondicionamento do tráfico rodado, no centro do casco urbano do Carballiño, crearían dificultades na fluidez que puideran provocar atascos con certa frecuencia nesta zona. Neste sentido, compre volver a subliñar que a ortogonalidade das rúas que parten da “Avenida” permite contar con varios circuitos circulares independentes que facilitan a posibilidade de realizar movementos de entrada ou de saída ata ou dende a mencionada “Avenida”, o que garante a mobilidade rodada da zona.

Para facilitar o acceso dende a améndoa peonil do centro urbano do Carballiño ata o Balneario e o Paseo Fluvial do Arenteiro, considero necesario eliminar unha das liñas de estacionamento de coches en unha das rúas Uruguai ou Venezuela. Desta maneira facilitaríase o espazo necesario para que as beirarrúas poidan contar con polo menos dous metros de ancho libres de obstáculos (farolas, árbores, sináis, papeleiras, terrazas, etc.), que permitan establecer as condicións para DISPOÑER DUN ACCESO ATRAÍNTE, CONFORTABLE E EN CONDICIÓNS DE SEGURIDADE AO BALNEARIO E AO PASEO FLUVIAL DO ARENTEIRO.

Por último, débese recordar de novo que os datos demostran que as medidas de sustentabilidade e A PEONALIZACIÓN DOS CENTROS URBANOS SERVE COMO EFECTO CHAMADA PARA OS CONSUMIDORES, o que deriva no enriquecemento da zona e o aumento da súa rendibilidade.


Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Inicia a súa actividade profisional na División de Medio Ambiente da empresa INFORMES Y PROYECTOS S. A. (INYPSA). Posteriormente, incorpórase ao Ministerio de Obras Públicas (MOPU) integrándose no equipo formado para poñer en marcha o procedemento de avaliación ambiental previsto na Directiva 85/337/CE, participando na elaboración das primeiras declaracións de impacto ambiental que se redactan en España. Desde fai máis de tres décadas vén levando a cabo a súa actividade nas empresas PROYECTOS MEDIO AMBIENTALES S. A. (PROYMASA) e CONSULTORES EUROPEOS AMBIENTAIS S. L. (CEA), das que é socio fundador. Nun primeiro momento, como membro da Oficina de Asistencia Técnica da Comisión Europea para o control e seguimento do Programa LIFE en España e Portugal e, posteriormente, como Director Técnico da Área de Avaliación Ambiental das dúas empresas. Entre o multifacético abanico de traballos realizados nesta Área desataca a súa vinculación cos aspectos ambientais do urbanismo, un dos máis recentes é a dirección dos traballos para a elaboración do Estratexia Local de Economía Circular, da Federación Española de Municipios e Provincias, na que a “Sustentabilidade dos espazos urbanos” ocupa un importante lugar (https://www.municipiosyeconomi  acircular.org/).


Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

PUBLICIDADE