Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.


Nos artígos anteriores formulábase a conveniencia de emprender unha transformación integral da estrutura urbana, para CONSEGUIR UNHA CIDADE SAUDABLE, e suxeríase unha primeira proposta de ampliación do espazo peonil na zona norte do casco urbano e unha segunda proposta na que se definían seis rutas de preferencia peonil.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para continuar coa reflexión sobre a transformación integral do casco urbano do Carballiño, fundamentada na aplicación dos criterios de “peonabilidade”” e de “ciclabilidade” da área residencial, é imprescindible que se verifique realmente un terceiro principio: que non exista un tráfico de axitación local que dificulte a marcha a pé e en bicicleta e que perturbe a calidade de vida.

MANTER AS ACTUAIS CONDICIÓNS DE MOBILIDADE NON É O MÁIS ADECUADO nin para dar satisfacción ó uso e á demanda de desprazamentos dos cidadáns nin para dar resposta ó carácter de centralidade que este espazo debe representar. Estas carencias adquiren unha singular importancia nunha vila demográficamente envellecida do mesmo xeito que está a práctica totalidade do interior de Galicia.

A utilización do automóbil para realizar traxectos pequenos dentro das zonas residenciais do centro urbano debe estar penalizada polo trazado e a sección viaria, factores estes que condicionan as velocidades admisíbeis da circulación motorizada. O deseño do viario do centro urbano será un condicionante fundamental para a consecución dos obxectivos anteriormente expostos e debería basearse en criterios como os seguintes:

  • A consecución da calidade ambiental necesaria para PERMITIR O DESENVOLVEMENTO CONFORTABLE DA VIDA CIDADÁ debe evitar que o centro se converta nunha illa desconectada do resto do entramado, para o que hai que definir redes que permitan a comunicación adecuada do conxunto.
  • As súas vías de acceso deberán de garantir a coexistencia de tráficos ONDE O PROTAGONISMO O TEÑAN OS DESPRAZAMENTOS NON MOTORIZADOS, especialmente os camiñantes.
  • É PRIORITARIO DESVIAR O TRÁFICO DE PASO, polo que será necesario realizar as actuacións de deseño de viario que disuadan o acceso superfluo dos vehículos con medidas que eviten velocidades inadecuadas, como a instalación de sentidos únicos na circulación, diminución de sección do viario, xiros obligatorios para o tráfico motorizado, evitar os longos traxectos rectilíneos, homoxeneidade calzada-beirarrúa, etc.
  • A rede peonil deberá estar composta por diversas tipoloxías de canles, nunhas ocasións compartirá o espazo cos automóbeis e noutras segregaránse do resto do tráfico. Trátase de CONSEGUIR ITINERARIOS PARA PEÓNS configurando no conxunto unha área estancial que inclúa espazos para o xogo, o encontro e a comunicación.
  • Deberáse implantar a sinalización adecuada para AVISAR ÓS CONDUTORES DA PRIORIDADE PEONÍL: desniveles, ausencia de beirarrúas ou material de pavimentación apropiado (diferentes cores ou texturas que modifiquen o perfil do chan) que transmitan sensación de seguridade aos viandantes.

En consonancia có anteriormente exposto, proponse reformular a configuración do tránsito rodado, a partir de introducir modificacións no anel que rodea á “améndoa peoníl central”.

Trataríase de potenciar que ó tráfico de paso existente no cinto que circunvala á “amendoa central peoníl”, que exerce unha gran presión sobre esta, chegando a establecer unha especie de fronteira que restrinxe a permeabilidade de comunicación a pé có resto do núcleo, sexa recollido no segundo cinto que se atopa infrautilizado como vía colectora e de distribución automobilística do tráfico de paso.

É dicir, trataríase de potenciar que o eixe que constitúe a Avenida do Balneario recolla o tráfico de paso que se produce na zona oeste e que as rúas Aquilino Sánchez e Alexandre Bóveda fagan idéntica función pola parte sur e leste do centro urbano.

Deste xeito, suxiro que as vías de sentido único do centro urbano aumenten a súa presenza maioritaria tal e como se representa na seguinte figura:

Como se pode observar, a maior innovación introducida se refíre á instauración do sentido único de circulación en tramos da rúa Conde Vallellano e das avenidas J. R. Soto e Calvo Sotelo, así como, a modificación da sección viaria dalgunhas rúas para que gañen espazo as beirarrúas.

En próximos artigos expoñerei máis polo miudo os obxectivos que se perseguen con esta “proposta de reordenación do tráfico motorizado no centro de Carballiño” e as razóns nas que se sustenta. Tamén farei unha descrición detallada dos usos e aproveitamentos en cada rúa afectada por unha reordenación orientada a FACILITAR UNHA AXEITADA CONVIVENCIA ENTRE O PEÓN E O AUTOMÓBIL.

En calquera caso cabe subliñar que a proposta de transformación faise con total RESPECTO DA TRAMA URBANA CONSOLIDADA, respecto da súa paisaxe, que forma parte do patrimonio colectivo, respecto do equilibrio comercial e dotacional xa alcanzado, non se causa calquera prexuízo sobre a movilidade da zona e as infraestructuras dos servizos, e favorécese a maior permeabilidad entre os espazos públicos que a conforman e, xa que logo, mellórase o seu réxime de utilización pola veciñanza.

Para rematar, pensen vostedes nun dos lemas do mestre do urbanismo, José Fariña Tojo, quen por certo, pasou no Carballiño unha boa parte da súa infancia, porque é fillo de José Fariña Fajardo, que foi secretario do noso Concello e autor da primeira “Guía Turística de O Carballiño”, e que reza desta maneira: CAMIÑAR É SAN, GRATIFICANTE E ADEMAIS, BARATO.


Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Inicia a súa actividade profisional na División de Medio Ambiente da empresa INFORMES Y PROYECTOS S. A. (INYPSA). Posteriormente, incorpórase ao Ministerio de Obras Públicas (MOPU) integrándose no equipo formado para poñer en marcha o procedemento de avaliación ambiental previsto na Directiva 85/337/CE, participando na elaboración das primeiras declaracións de impacto ambiental que se redactan en España. Desde fai máis de tres décadas vén levando a cabo a súa actividade nas empresas PROYECTOS MEDIO AMBIENTALES S. A. (PROYMASA) e CONSULTORES EUROPEOS AMBIENTAIS S. L. (CEA), das que é socio fundador. Nun primeiro momento, como membro da Oficina de Asistencia Técnica da Comisión Europea para o control e seguimento do Programa LIFE en España e Portugal e, posteriormente, como Director Técnico da Área de Avaliación Ambiental das dúas empresas. Entre o multifacético abanico de traballos realizados nesta Área desataca a súa vinculación cos aspectos ambientais do urbanismo, un dos máis recentes é a dirección dos traballos para a elaboración do Estratexia Local de Economía Circular, da Federación Española de Municipios e Provincias, na que a “Sustentabilidade dos espazos urbanos” ocupa un importante lugar (https://www.municipiosyeconomi  acircular.org/).


Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

PUBLICIDADE