Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (7) Achegar o parque ao centro urbano

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As orixes do Parque Municipal do Carballiño, en adiante O Parque Municipal ou simplemente O Parque, remóntanse ao ano 1928, cando o Concello decide municipalizar o que ata entón era monte comunal da veciña parroquia de Mesego para transformalo en zona de recreo.

O seu ámbito espacial esténdese a través de 32 hectáreas de arboredo, prazas, avenidas e camiños que foron inicialmente deseñadas polo arquitecto de Ourense Conde Fidalgo.

O Parque é un dos espazos públicos máis emblemáticos do municipio, non só polos seus valores naturais e prestación, se non tamén por albergar no seu interior o marco espacial no que se celebran importantes festexos de interese turístico e cultural.

Nos últimos anos, á ampla zona verde que xa conformaban o Parque, o Paseo Fluvial do Arenteiro, a Piscifactoría e o Muiño das Lousas, hai que engadir a adquisición por parte do Concello da coñecida como finca A Lavandeira, co que O Parque pasou a dispoñer na actualidade dunha extensión de 36,5 hectáreas de zona verde.

Ná actual situación de crise sanitaria, da que desafortunadamente algúns expertos predín que veu para quedarse ou que outras pandemias repetiranse no futuro, o papel que xogan as infraestruturas verdes, en relación cos numerosos beneficios que aquelas teñen para a poboación, en termos de saúde, lecer e esparexemento, así como da súa importancia como reguladoras do clima, da contaminación e da biodiversidade, é indiscutíbel.

Dentro deste contexto, un obxectivo prioritario dun modelo urbano saudable debe ser resolver a continuidade territorial entre o medio urbano e o espazo natural, de modo que se habilite unha canle de intercomunicación confortable. Trataríase de facilitar a conexión do centro urbano co “Parque Municipal”, pola Avenida Calvo Sotelo, dando continuidade á zona peonil da amendoa central e contribuíndo a aumentar a posta en valor deste espazo natural.

Debemos lembrar tamén que nesta Avenida, ademais de diferentes servizos comerciais, atópase o CEIP Calvo Sotelo e a Casa da Cultura que tamén acolle á Biblioteca Pública.

O sinalado anteriormente conduce a conclusión de que unha das actuacións prioritarias a desenvolver, é incrementar as facilidades de acceso peonil ao maior espazo verde de esparexemento e ocio do municipio. Unha actuación urbanística nesta vía tería como finalidade acadar os seguintes obxectivos:

  • Remediar ou CORRIXIR O DÉFICIT DE ACCESIBILIDADE PEONIL entre o núcleo central e a zona sur da vila.
  • Establecer UN ACCESO EMBLEMÁTICO, CONFORTABLE E SEGURO entre o centro da vila e un dos seus principais puntos de referencia, o Parque Municipal.
  • Implantar un CAMIÑO ESCOLAR SEGURO para facilitar o acceso ao centro de ensino, o CEIP Calvo Sotelo.
  • Instaurar UN ACCESO CÓMODO E SEGURO para para facer uso dos servizos culturais, á Casa da Cultura e á Biblioteca Pública.
  • Implantar un CORREDOR VERDE PARA O DISFRUTE ESTANCIAL da poboación, no que a vexetación e o mobiliario urbano aporten valores nunha nova paisaxe urbana.

Para iso, estímase necesario poñer en práctica no citado ámbito espacial as seguintes medidas:

  • Converter a Avenida Calvo Sotelo, nun ÚNICO CARRIL DE AUTOMÓBILES que facilite o acceso en sentido sur – norte. É dicir, prohibir a circulación en sentido norte- sur.
  • Manter ou aumentar os espazos destinados ó ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS e favorecer o seu uso rotacional.
  • Conseguir un ESPAZO DE SEGURIDADE PERCIBIDA E ACCESIBILIDADE UNIVERSAL (ampliar as beirarrúas, utilizar pavimentos confortables para o paseo, etc.) e un ESPAZO CONFORTABLE de descanso (con equipamento, solleiro, abrigoso, silencioso, etc.), ata acadar a entrada principal do Parque.
  • Incorporar a COMPOÑENTE DE NATURALIZACIÓN QUE HUMANICE A ZONA DE PASEO, creando unha infraestrutura verde que converta o espazo urbano nunha paisaxe amigable.

No que se refire ó aproveitamento deste espazo público, entendo que se lle debe dar un tratamento específico que recolla a súa particular singularidade. Neste caso, trataríase de establecer unha continuidade do espazo peonil existente, o final da rúa Principal (rúa de Tomás María Mosquera), que ao mesmo tempo consolide e potencie a vocación da avenida Calvo Sotelo como zona de paseo cara o Parque Municipal. Lémbrese que este é o acceso máis chairo para acceder a desfrutar do Parque, e que dende fai moito tempo este é o traxecto favorito de moitos veciños e veciñas. Ademais, tamén hai que ter en conta que se debe deseñar un espazo que sexa utilizado como un camiño seguro, tanto polos escolares do CEIP Calvo Sotelo como polos usuarios de Casa da Cultura e Biblioteca Pública.

Na beirarrúa situada no leste (zona do establecemento Coren), mesturaríase o ESTACIONAMENTO EN LIÑA E EN BATERÍA, segundo o permita o ancho da rúa.

A zona situada fronte o CEIP Calvo Sotelo merece un tratamento diferenciado que reforce a sensación estancial e de lecer do novo paseo. A proposta consiste en facer no lado dereito UNHA ESPECIE DE MINIPRAZA, ESPECIALMENTE DEDICADA AO REPOUSO DAS PERSOAS MAIORES, e no lado esquerdo, en habilitar unha plataforma para conseguir UN ESPAZO QUE GARANTA A SEGURIDADE NA SAÍDA DOS ESCOLARES, neste último caso simplemente eliminando algunhas prazas de coches.

Na Avenida do Parque, a idea é continuar co gran paseo peonil que nace na rúa Principal ata a entrada do Parque Municipal. Para iso, manteríase o tráfico nos actuais duos sentidos e eliminaríase o aparcamento na beirrarúa dos números pares, para engadir este espazo ao novo corredor verde.

Por último, convén subliñar que, no marco da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, establecer un corredor verde para achegar o Parque Municipal ao centro urbano, contribuirá a que O Carballiño poida avanzar principalmente no ODS11 sobre “cidades e comunidades sostibles”, e en concreto na súa meta 11.7 de proporcionar acceso universal a zonas verdes, e tamén contribuirá ao ODS3 sobre “saúde e benestar”, en relación cos beneficios físicos e psicolóxicos para a cidadanía vinculados ao lecer e as actividades deportivas no medio natural.


Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Inicia a súa actividade profisional na División de Medio Ambiente da empresa INFORMES Y PROYECTOS S. A. (INYPSA). Posteriormente, incorpórase ao Ministerio de Obras Públicas (MOPU) integrándose no equipo formado para poñer en marcha o procedemento de avaliación ambiental previsto na Directiva 85/337/CE, participando na elaboración das primeiras declaracións de impacto ambiental que se redactan en España. Desde fai máis de tres décadas vén levando a cabo a súa actividade nas empresas PROYECTOS MEDIO AMBIENTALES S. A. (PROYMASA) e CONSULTORES EUROPEOS AMBIENTAIS S. L. (CEA), das que é socio fundador. Nun primeiro momento, como membro da Oficina de Asistencia Técnica da Comisión Europea para o control e seguimento do Programa LIFE en España e Portugal e, posteriormente, como Director Técnico da Área de Avaliación Ambiental das dúas empresas. Entre o multifacético abanico de traballos realizados nesta Área desataca a súa vinculación cos aspectos ambientais do urbanismo, un dos máis recentes é a dirección dos traballos para a elaboración do Estratexia Local de Economía Circular, da Federación Española de Municipios e Provincias, na que a “Sustentabilidade dos espazos urbanos” ocupa un importante lugar (https://www.municipiosyeconomi  acircular.org/).


Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.