Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.
Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:
Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos ecosistémicos.
Dentro desta serie de “breves escritos” adicados a refrescar a información medioambiental dos veciños e das diferentes entidades sociais de O Carballiño, cara ás próximas eleccións municipais, hoxe tratarei o tema de dous tipos diferentes de contaminación. Unha que é moi visible, a contaminación lumínica, e outra que non se percibe, a contaminación electromagnética.
A contaminación lumínica
É evidente que dentro do contexto da contaminación lumínica xeneralizada dos núcleos urbanos do noso país, O Carballiño non se escapa desta tendencia. Nun principio, tanto pola desmesurada densidade de farois existente nas súas rúas e prazas como polo elevado resplandor lumínico dalgúns deles.
No Carballiño, poderíase comezar por reducir sensiblemente o número de farois, mantendo unha luminosidade adecuada, e por revisar a súa potencia. Trátase de proporcionar unha iluminación que teña o suficiente alcance para poder visualizar a área que abarcamos visualmente, de forma que non existan ángulos escuros que xeren incerteza, pero ao mesmo tempo que non proporcione unha luminosidade excesiva (hai zonas nas que os veciños de noite teñen que baixar as persianas porque a luz méteselle nas súas casas).
Ademais, unha tecnoloxía LED avanzada e de calidade permite a posibilidade de xestionar a intensidade do sistema de iluminación. Desta maneira, pódese tanto controlar o horario de aceso e o apagado das rúas, en base á diferente hora de saída e posta do sol ao longo do ano, como modular a súa intensidade lumínica reducindo gradualmente a súa potencia mesmo ata un 60% nos momentos da noite de menos tránsito.
Tendo en conta o anteriormente exposto, sería aconsellable que os grupos políticos tivesen presente no seu programa electoral as medidas descritas, porque reducir a contaminación lumínica sae máis económico, ten un menor impacto ambiental, e ata permite volver ver as estrelas nas zonas onde xa nunca é de noite porque hai un luscofusco constante.
A contaminación electromagnética
A extensión do uso dos novos sistemas de comunicación que utilizan como vehículo de transmisión o espazo radioeléctrico, puxeron de actualidade os seus posibles efectos sobre a saúde.
A implantación das antenas de telefonía móbil está a producirse, moitas veces, sen demasiado control, de forma pouco racional e ordenada e, o que é peor, sen respectar o principio básico de precaución, polas posibles consecuencias sobre a saúde da ciudadanía. E iso, a pesar da aparición de novos problemas, patoloxías e enfermidades que poden ter unha relación directa co fenómeno.
Segundo o Mapa de Estacións base de Telefonía Móbil do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, no seu Xeoportal, pódese ver que no Carballiño existen catro estacións de telefonía móbil (Praza Alameda -operadas por Xfera e Telefónica-; Praza do Emigrante – operada por Vodafone-; Rúa Chamoso Lamas -operadas por Vodafone e por Orange- e Avenida do Balneario -operada por Telefónica-).
Como se pode apreciar na seguinte imaxe prodúcese unha elevada concentración de estacións nun pequeno ámbito espacial (Prazas Alameda e Emigrante), o que acrecentaría o seu potencial perigo nesta zona residencial. Para dar unha idea da súa magnitude, como exemplo, a imaxe tamén recolle as características técnicas das antenas situadas no inmoble da Praza Alameda, así como, o aspecto dos aparellos instalados no edificio da rúa Chamoso Lamas.
Tendo en conta a elevada densidade de instalacións de telefonía existentes na zona da Alameda e Praza do Emigrante, coa consecuente contaminación electromagnética, para preservar a saúde dos veciños, as iniciativas dos grupos políticos do concello de O Carballiño deberían asumir o compromiso de levar a cabo as seguintes actuacións:
- Comprobar que as catro antenas instaladas no pobo contan con licenza municipal. No caso de que algunha non a teña débese ordenar a súa retirada.
- Encargar un estudo para verificar que os equipos instalados correspóndense cos que figuran na licenza. En caso de diverxencias débese ordenar a retirada daqueles que non se axusten á mesma.
- Non autorizar cambios ou substitucións dos equipos instalados por outros diferentes aos que figuran na licenza.
- Non autorizar a instalación de novos equipos.
Non se debe esquecer que a contaminación electromagnética é especialmente perniciosa porque escapa á percepción dos sentidos, circunstancia que tende a fomentar unha actitude bastante inconsciente en relación coa protección persoal.
Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro
Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial
Las alternativas para la ampliación del polígono industrial
La ampliación del polígono industrial en información pública
Ahorro de energía en el alumbrado público
Ahorro energético en comunidades de vecinos
El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud
Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas
Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable
Carballiño: Puerto seco de Galicia
Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial
La ampliación del Polígono y el Paisaje
La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico
La ampliación del polígono y el patrimonio natural
Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial
El poligono industrial de Maside