O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presentou esta mañá un novo modelo de financiamento para as entidades locais, o Plan CooperOU, que dotado con 13,9 millóns de euros “equilibra o cambio na xestión dos fondos provinciais e a autonomía municipal”. Un “empeño persoal”, dixo, que espera sexa unha realidade para os orzamentos de 2024, pedindo nesta liña aos grupos políticos da oposición “achegas construtivas e con espírito de mellora, lonxe de partidismos”.
O presidente da Deputación detallou un plan que se articula en torno a catro claves: a contía do financiamento, os criterios de reparto, o destino dos recursos e a simplificación administrativa.
O plan CooperOU está dotado con 13.980.000 euros, o que supón case 7 millóns de euros máis con respecto á partida consignada para cooperación cos concellos nos vixentes orzamentos. Esta vai ser un plan dinámico, xa que irá incrementando a súa contía a razón de 1 millón de euros anuais, ata chegar ao remate do presente mandato cun orzamento de 17 millóns de euros.
Criterios obxectivos de reparto
A segunda das claves do novo modelo de financiamento radica no reparto, que se basea nunha distribución proporcional e máis xusta dos recursos en base aos criterios obxectivos propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e tamén utilizados pola Xunta de Galicia á hora de distribuír os fondos de financiamento local.
Neste reparto haberá unha parte fixa e outra variable. A parte fixa, establécese en base a catro tramos segundo o número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros. Así chégase aos 8,9 millóns de euros. A parte variable está dotada con 5 millóns de euros, que se reparten en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).
Autonomía municipal e simplificación administrativa
Outro dos piares do Plan CooperOU e a autonomía municipal. Na procura de solucións ás necesidades específicas de cada territorio, o financiamento que recibirán os concellos será flexible no seu destino. Así, estes recursos poderán ir a investimentos, gasto social, corrente, amortización de débeda, reforzo do emprego, actividades culturais, deportivas, turísticas, entre outros que estimen máis necesarios os gobernos locais.
A última das claves, a simplificación administrativa, vai beneficiar á Deputación, xa que fronte á carga administrativa que supuña a tramitación das subvencións nominativas se poderá máis persoal a aqueles departamentos que así o precisen, axilizando deste modo a actividade administrativa e a xestión. Ademais, os concellos tamén librarán moito do tempo que o seu escaso persoal destinaba a tramitar e xustificar as subvencións.
Diálogo e procura de achegas construtivas
O plan estará incorporado ao proxecto de orzamentos de 2024 que se presentará no pleno de novembro, adiantou Luis Menor, que á súa vez tamén detallou o novo modelo de financiamento aos representantes dos grupos políticos da oposición, nunha xunta extraordinaria de portavoces convocada a primeira hora da mañá. “Agora espero, aló menos, achegas construtivas e con espírito de mellora, lonxe de partidismos”, dixo o presidente, que mostrou a súa disposición ao diálogo e o consenso, “como na aprobación da modificación de créditos”.
100 días de goberno
Luis Menor enmarcou este novo plan na acción de goberno desenvolvida nestes 100 primeiros días, do que fixo un balance positivo.
En todo este tempo, detallou, reuniuse con máis de dous terzos das alcaldesas e alcaldes da provincia, ben en entrevistas no Pazo Provincial ou durante a visita a máis dunha vintena de concellos, percorrendo así todas as comarcas. Un xeito dixo, “de coñecer directamente as necesidades locais, razón pola que fomos quen de presentar no pasado pleno unha modificación de créditos para o 100 % dos concellos.
Ademais da apertura dunha sede provisoria en Valdeorras, xunto á deputada delegada especial para esta comarca, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, o presidente da Deputación referiuse á presenza continua no territorio, coas deputadas e deputados provinciais do grupo de goberno participando, ata onte, en 141 actividades por toda a provincia, sen contar a xestión do día a día que teñen encomendada.
No tocante a recursos económicos, Luis Menor destacou os preto de 6 millóns de euros destinados a cooperación cos concellos e con entidades, xunto cos máis de 9,7 millóns de euros en proxectos europeos.
Tamén referiuse ao termalismo, un dos piares estratéxicos de actuación, coa constitución da “Mesa Termal” para impulsar novos balnearios e mellorar os existentes; o primeiro “Catálogo Termal” para agrupar e clasificar as técnicas termais; a “tarxeta dixital termal”, que permitirá aos usuarios coñecer as novidades dos programas públicos provinciais de termalismo e promocións; o “turismo termal transfronteirizo de autor”, para coordinar un amplo conxunto de empresas de ambos lados da fronteira entre Ourense e Portugal para ofrecer servizos termais, ou a iniciativa para duplicar en 2024 as prazas dispoñibles para o programa de termalismo contra a soidade non desexada, alcanzando os 150 beneficiarios.