Afundación TV retransmite en directo para escolares a obra Nautilus, sobre o coidado dos ecosistemas mariños

I A obra de teatro será emitida, tamén en lingua de signos, para 82 colexios de diferentes puntos da xeografía española e ante máis de 9000 estudantes

I Esta peza teatral, de La Negra, aborda a importancia de coidar os mares e océanos a partir dunha interpretación actual do clásico de Julio Verne 20 000 légoas de viaxe submarina

AVANTAR ACTIVIDADES

Afundación TV retransmitirá mañá 2 de marzo ás 10.00 h a obra de teatro para escolares Nautilus. 20 000 légoas de viaxe submarina, unha interpretación actual da novela clásica de ciencia ficción de Julio Verne. Ademais de contar con interpretación simultánea en lingua de signos, esta peza, desenvolvida pola compañía La Negra, busca reforzar entre os escolares a importancia do respecto cara aos ecosistemas mariños, fundamentais para preservar calquera tipo de vida no noso planeta. Con estas actividades escénicas para escolares, Afundación busca incidir no fundamental que resulta para a nosa sociedade promover unha educación ambientalmente responsable e asentada en valores éticos de respecto cara ás demais persoas e a contorna que habitamos. Nesta ocasión, máis de 9000 estudantes de 82 colexios de diferentes localidades da xeografía española, desde Murcia ata Pontevedra, gozarán desta proposta. Así, participarán alumnas e alumnos do CPI Virxe da saleta, de Cea; CEIP Calvo Sotelo de O Carballiño; CEIP Curros Enríquez, de Celanova; CEIP dos Blancos; CEIP San Marcos, de Cartelle; CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga; CEIP Virxe de Guadalupe de Avión; CEIP de Sarreaus; CEIP Virxe da Pena da Sela do Carballiño; CPI Virxe dos Remedios de Castrocaldelas; CEIP Nosa Señora de Xuvencos, de Boborás; CEIP Curros Enríquez, CEIP A Ponte e CPR San Pío X, de Ourense.

O encontro online entre os escolares e o elenco da compañía La Negra terá lugar o 4 de marzo ás 10.00 h tamén en Afundación TV, co obxectivo de que os alumnos intercambien as súas reflexións e preguntas a través do chat da plataforma cos protagonistas da obra de teatro.

Co convencemento de que agora máis que nunca os nenos e nenas en idade escolar deben contar coa proximidade das artes, a cultura e a formación multidisciplinar como canle para o crecemento persoal e o desenvolvemento social, e, ao mesmo tempo, o corpo docente, con novas ferramentas e apoio para afrontar o cambio de paradigma no labor da docencia derivado da crise sanitaria actual, o equipo da Área Educativa de Afundación, a Obra Social de ABANCA, deseñou unha completa e innovadora programación de actividades educativas para o curso 2020-2021, adaptada á nova normalidade, xa que incide especialmente na posibilidade de participar nas propostas sen necesidade de saír da aula. A oferta ten como obxectivo reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, como unha ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares e fortaleza dimensións tan imprescindibles como a cultural, social e ética.

Na seguinte ligazón están dispoñibles imaxes da obra e de escolares vendo teatro na aula:

https://drive.google.com/drive/u/0/folders/1whfLGTORoNInyPlsRsPE5zjpCN95z6Au