Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VI): avanzar na aplicación dos principios da economía circular

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.

Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

AVANTAR ACTIVIDADES
Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade  Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor  medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos  ecosistémicos.

Nas pasadas semana repasei cuestións de carácter ambiental referidas á calidade da nosa atmosfera, á xestión da auga ou á conservación da biodiversidade. Nesta ocación centrareime noutro aspecto do medio ambiente urbano, como é a xestión do lixo e a transición á economía circular.

O modelo económico tradicional baseado en producir, consumir e tirar a un vertedoiro, defínese como economía lineal (os produtos fabrícanse coa finalidade de ser usados e tirados). Por contra, na economía circular priorizanse tres eixos: reducir, reutilizar e reciclar, e só se non hai máis remedio utilízase o vertedoiro (producir e consumir co menor impacto ambiental posible).

Fai xa case un ano que se publicou a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular, que incorpora ao ordenamento xurídico español as modificacións introducidas polas Directivas comunitarias para avanzar na aplicación dos principios da economía circular.

Co obxectivo de aumentar os índices de preparación para a reutilización e do reciclaxe e de acelerar da transición cara a unha economía circular, no ámbito dos residuos de competencia local, a Lei incide especialmente na prevención de residuos e na recollida separada, aspectos estes que veremos a continuación.

Partirei de que o tratamento mais adecuado que lle podemos dar a cualquera produto de consumo é a prevención para reducir a cantidade de residuo ou para diminuir os impactos adversos dos residuos xerados sobre o medio ambiente e a saúde humana.

A mellor maneira de evitar xerar residuos é aplicar medidas de prevención nos nosos fogares: exercendo un consumo responsable -consumindo menos-, evitando o desperdicio de alimentos, diminuíndo o consumo de produtos envasados -priorizando a compra de produtos a granel-, reducindo o consumo de plásticos dun só uso ou aumentando o emprego de dispositivos reutilizables.

Neste sentido, os grupos políticos deberían asumir que é necesario comezar por exercer o poder potestativo que os concellos teñen para elaborar un Programa de Prevención de Residuos (Artigo 12. Competencias administrativas da Lei 7/2022, de residuos), informando dos beneficios da prevención e promovendo medidas proactivas cara á transición á economía circular.

Con todo, e a pesar de aplicar medidas de prevención, previsiblemente produciranse substancias ou obxectos que necesitemos refugar, é dicir, xeraremos un residuo.

Como todos vostedes saben a recollida municipal de residuos realízase de forma separada por fraccións de residuos: o papel no contedor azul, os plásticos no contedor amarelo, o vidro no contedor verde e o resto no contedor gris. En consecuencia, nos nosos fogares debemos dispoñer dunha zona ou sistema habilitado para a correcta separación e almacenamento dos residuos, que reúna as condicións adecuadas de hixiene.

Pero a nova Lei de residuos introduce o concepto dunha nova fracción de residuo o «Biorresiduo». Refírese aos residuos alimentarios e de cociña procedentes de fogares, oficinas, restaurantes, almacenistas, comedores, servizos de restauración colectiva e establecementos de consumo polo miúdo, entre outros, así como, o residuo biodegradable vexetal de fogares, xardíns, parques e do sector servizos.

Os biorresiduos recolleranse en bolsas compostables e depositaranse no contedor de cor marrón para a súa posterior compostaxe. Tamén existe a posibilidade de realizar a reciclaxe dos biorresiduos mediante a compostaxe doméstica nos nosos propios fogares.

Sobre a obrigación de realizar a reciclaxe dos biorresiduos cabe subliñar que a Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e chans contaminados de Galicia, fixa no 31 de decembro de 2023 a obrigación dos concellos de instaurar a recollida separada de biorresiduos no servizo de xestión de residuos que presten. Non obstante, tamén cabe lembrar que, posteriormente, a xa citada Lei 7/2022, de residuos, de carácter estatal, no Artigo 25, sinala que as entidades locais, con poboación de dereito superior a cinco mil habitantes, establecerán a recollida separada dos biorresiduos de orixe doméstica antes do 30 de xuño de 2022.

A día de hoxe os veciños da provincia de Ourense non dispoñen do contedor de cor marrón nas súas rúas que faciliten este servizo. Por iso, é necesario que os grupos políticos se responsabilicen do cumprimento desta obrigación, para que os veciños poidan exercer o seu dereito para separar nas súas vivendas a fracción orgánica, para o seu posterior tratamento nunha planta de compostaxe.

Cara ao futuro inmediato os grupos políticos tamén deben considerar que, antes do 31 de decembro de 2024, as entidades locais establecerán a recollida separada de, polo menos, as seguintes fraccións de residuos de competencia local:  os residuos téxtiles, os aceites de cociña usados, os residuos domésticos perigosos e os residuos voluminosos (residuos de mobles e apeiros).

Noutra orde de cousas, cabe indicar que recentemente se publicou a nova normativa de envases (Real Decreto 1055/2022, do 27 de decembro, de envases e residuos de envases). Nesta disposición recóllense obxectivos de prevención, tanto de redución dos residuos de envases xerados, ou do número de botellas para bebidas de plástico dun só uso que se comercializan, como para conseguir que todos os envases postos no mercado sexan reciclables en 2030, e sempre que sexa posible, reutilizables.

Entre as medidas de prevención recóllese que “os establecementos do sector da hostalería e restauración ofrecerán sempre aos consumidores, clientes ou usuarios dos seus servizos, a posibilidade de consumo de auga non envasada de maneira gratuíta e complementaria á oferta do mesmo establecemento”.

Entre as medidas de reutilización figura “que todos os establecementos de alimentación que vendan a granel alimentos e bebidas, deberán aceptar o uso de recipientes reutilizables (bolsas, táperes, botellas, entre outros) adecuados para a natureza do produto adquirido”.

Por último, sinalar que o decreto tamén recolle unha práctica que os máis maiores lembrarán: o sistema de depósito, devolución e retorno para envases reutilizables. Trátase de que os produtores de produtos que introduzan no mercado envases reutilizables estarán obrigados a:

a) Cobrar ao consumidor final en concepto de depósito unha cantidade por cada envase que sexa obxecto de transacción.

b) Aceptar a devolución ou retorno dos envases usados, devolvendo a mesma cantidade que correspondese cobrar de acordo co establecido no apartado anterior.

O obxectivo final de todas estas medidas é romper o vínculo entre o crecemento económico e os impactos sobre a saúde humana e o medio ambiente asociados á xeración de residuos. Por iso, circularicémos os nosos fogares: REUTILICEN, RECICLEN. E lembren sempre que O MELLOR RESIDUO É O QUE NON SE PRODUCE.



Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (V): As infraestruturas verdes.

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (IV): A auga, ese ben escaso e moi valioso

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (III): Sen contaminación lumínica nin electromagnética

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro

Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial

Las alternativas para la ampliación del polígono industrial

La ampliación del polígono industrial en información pública

Ahorro de energía en el alumbrado público

Ahorro energético en comunidades de vecinos

Sequía y agua de boca

El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud

Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas

Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable

Carballiño: Puerto seco de Galicia

Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial

La ampliación del Polígono y el Paisaje

La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico

La ampliación del polígono y el patrimonio natural

Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial

El poligono industrial de Maside

Síntese do modelo urbano “Carballiño Saudable 2030”

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (7) Achegar o parque ao centro urbano