O grupo municipal socialista lamenta que, ás portas da tempada turística de Semana Santa, Ourense como destino non dispoñan de máis puntos informativos na cidade

O grupo municipal socialista lamenta que, ás portas da tempada turística de Semana Santa, a situación da cidade sexa un caos e as persoas que escolleran Ourense como destino non dispoñan de máis puntos informativos na cidade. “Espérase un alto número de visitantes e moitos hoteis teñen as súas reservas ao completo hai días, pero escasean os lugares nos que preguntar”, indicou a edil Alba Iglesias ao respecto.

A Oficina Municipal de Turismo, ademais, pecha as súas portas polas tardes os sábados, domingos e festivos, polo que é habitual atopar a xente desorientada preguntando polo casco histórico como chegar ata as termas ou que espazos de interese abren ao público e en que horarios. “Esta situación resulta incomprensible tanto para os foráneos como para os ourensáns e ourensás”, explicou sobre que o único emprazamento para consultar dúbidas non abra cando máis estranxeiros hai.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Co sector ansioso por unha tempada que promete, non contamos con ningunha estratexia nin políticas turísticas concretas. Non podemos ofrecerlles calidade, nin servizos completos, nin instalacións en bo estado, nin limpeza, nin actividades, nin información precisa para cada traxecto ou espazo que desexen coñecer”, engadiu sobre o caos imperante neste eido a nivel municipal.

Dende o grupo do PSdeG critican que o goberno de Jácome non faga nada por promover un sector tan importante para a urbe cando, ademais, recentemente se soubo que Ourense estivo entre as 10 estacións con Alta Velocidade con maior volume de viaxeiros no ano 2022 e varias publicacións xornalísticas, de recoñecido prestixio internacional, publicaron reportaxes sobre a riqueza termal da provincia.

“O servizo ás persoas visitantes, a atención e o acompañamento durante a súa experiencia pola cidade deben ser factores cruciais e, nestes momentos dada a situación na que se atopan os lugares de interese cultural e termal, dubidamos de que sexa satisfactorio”, rematou a concelleira socialista.