Emilio González incide no apoio do Goberno á economía ourensá coas medidas extraordinarias

.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, subliñou hoxe o respaldo do Executivo central á economía ourensá grazas ás medidas extraordinarias de protección dos traballadores prexudicados pola pandemia dende o comezo da crise sanitaria. O subdelegado do Goberno incidiu na transcendencia do “escudo social posto en marcha polo Executivo de Pedro Sánchez para que ninguén quede atrás”.

Emilio González detallou que dende o mes abril o gasto acumulado en prestacións sociais por parte do SEPE na provincia supuxo 114,7 millóns de euros, dos cales 44 millóns corresponden a ERTEs. Esta cantidade implica un gasto de 59,5 millóns máis que no mesmo período do ano pasado.

Durante o mes de outubro un total de 12.453 traballadores ourensáns percibiron algún tipo de prestación social por parte do SEPE (ERTE, desemprego, etc.) por un importe total de 10,9 millóns de euros. Deles, 4.368 eran traballadores acollidos a un ERTE, o que supón un total de 2,3 millóns de euros.

Publicidade Premer na Imaxe

O subdelegado do Goberno sinalou que dende o comezo da pandemia e ata o 30 de setembro o 84,9% dos traballadores afectados por un ERTE se reincorporaran ao mercado laboral, chegando a ser 17.755 no mes de abril. As novas restricións provocadas pola segunda ola da COVID-19 fixeron que o número de traballadores en ERTE a 30 de novembro se situase en 3.181 persoas, 502 máis que a finais de setembro.

Outra medida que chega a un gran número de persoas en Ourense é a axuda para traballadores e traballadoras autónomas. Dende o inicio da crise e ata o 30 de setembro, 11.253 autónomos percibiron algún tipo de prestación. A partir do 1 de outubro, data na que entraron en vigor novas modalidades de prestacións para autónomos (compatibles coa actividade, por cese ou limitación temporal da actividade ou por baixos ingresos), 2.848 autónomos ourensáns recibiron algunha destas prestacións.

Ademais, o Instituto de Crédito Oficial avalou ata o 30 de novembro en Ourense 5.763 operacións que afectan a 3.851 empresas, en especial pemes e de autónomas e autónomos. Supoñen un importe avalado de 532,1 millóns de euros (0,6% do total) e un financiamento total de 727,6 millóns.

INGRESO MÍNIMO VITAL

O subdelegado do Goberno sinalou que este mes de decembro o Ingreso Mínimo Vital chega a 1.179 fogares na provincia de Ourense. Como consecuencia, 3.120 ourensáns resultaron beneficiarios desta prestación (1.800 adultos e 1.320 menores). En Galicia son 9.233 os fogares beneficiarios neste mes con 23.775 persoas (13.403 adultos e 10.372 menores).

Emilio González destacou que a creación do Ingreso Mínimo Vital é unha importante iniciativa que forma parte do paquete de medidas sociais posto en marcha polo Goberno de España, que traballa no fortalecemento do Estado do benestar co obxectivo de protexer ás persoas en risco de exclusión, especialmente nun momento de crise económica xerada pola pandemia da COVID-19.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno explicou que o Ingreso Mínimo Vital ten como beneficiarias aquelas persoas de entre 23 (salvo que teñan fillos a cargo) e 65 anos que estean en situación de vulnerabilidade económica. En función das circunstancias concretas de cada fogar garántense uns ingresos de entre 5.500 e 12.000 euros ao ano (entre 460 e 1.000 euros ao mes). Ademais, está acompañado por un itinerario de inserción laboral.